Abre o prazo para que ata 20 centros galegos incorporen ás súas aulas o modelo de educación patrimonial 'Ponte... nas ondas!'

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/11/2023 | Actualizada ás 14:34

Comparte esta noticia

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades abrirá este venres, e ata o 30 de novembro, o prazo para que os centros educativos que así o desexen que adhiran ao modelo de educación patrimonial 'Ponte... nas ondas!', recoñecido pola UnescoAsí, destacou a Xunta, "atendendo ao relevante papel que pode desempeñar a escola na sensibilización ás xeracións máis novas no relativo á protección do patrimonio", Galicia convértese na primeira comunidade autonómica en incorporar ao seu sistema público o modelo internacional 'Ponte... nas Ondas!'.

A través da convocatoria, a iniciativa ábrese nesta primeira fase experimental a un total de 20 centros públicos das etapas de Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato, que pasarán a formar parte da Rede de centros 'Ponte... nas Ondas!'. Os interesados deberán presentar un proxecto e valorarase, entre outros aspectos, a participación no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares do curso 2022-23 e no programa Radio na Biblio.

O modelo 'Ponte... nas ondas!' naceu da man da Asociación Cultural e Pedagóxica que leva a súa mesmo nome no ano 1995 na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, como fórmula para favorecer o estreitamento dos lazos entre a comunidade educativa das escolas do sur de Pontevedra e do Alto Minho co ámbito da lusofonía e para tender pontes de comunicación entre galegos e portugueses.

A este obxectivo, en 2002 incorporouse o compromiso para a recuperación e difusión do Patrimonio Cultural Inmaterial común para Galicia e Portugal. E o pasado ano, o XVII Comité Intergobernamental da Unesco aprobou a súa inscrición no Rexistro de Boas Prácticas do Patrimonio Cultural Inmaterial como un modelo de referencia.

CEIP García Barbón
CEIP García Barbón | Fonte: Ponte nas Ondas - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta