Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/11/2023 | Actualizada ás 18:31
A eurodeputada nacionalista Ana Miranda (BNG) expuxo na Eurocámara que "é imprescindible que sexan públicos os datos das verteduras mariñas para evitar outro Prestige". Na semana do aniversario da traxedia do Prestige, ocorrida en novembro de 2022, a deputada alcanzou a aprobación dunha emenda na Comisión de Transporte ao informe sobre contaminación mariña que implica a publicación dos datos desagregados por data e Estado membro sobre as verteduras mariñas detectados mediante o sistema CleanSeaNet.
Este informe supón a modificación da Directiva 2005/35/CE relativa á contaminación procedente de buques e a introdución de sancións, incluídas sancións penais, para as infraccións de contaminación. "Cando o ano pasado organizamos no Parlamento Europeo a conferencia sobre a seguridade marítima 20 anos despois da catástrofe do Prestige, defendemos que era necesario revisar a aplicación da normativa europea de seguridade marítima", lembra Miranda.
Considera que a aprobación da emenda presentada polo Bloque recolle a demanda realizada polo colectivo Nunca Máis nesta liña. "Preocupáballes a falta de transparencia informativa referida a as verteduras dos buques", sinala a eurodeputada do BNG.
CleanSeaNet (CSN) é un sistema da Axencia de Seguridade Marítima Europea (EMSA) que comezou a funcionar en 2007 que monitora por satélite os buques e detecta e vixía verteduras mariñas en augas europeas, de forma que permite a localización, seguimento e identificación do buque responsable da vertedura.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.