Queres coñecer cales son os castiñeiros senlleiros de Galicia? Un ten máis de 800 anos e outro unha virxe esculpida

Algúns, como o castiñeiro de Soutogrande ou o de Oreal, están valorados en máis de 700.000. Aquí chos presentamos, da man do profesor do Departamento de Produción Vexetal da USC Antonio Rigueiro.

Por Ángela Precedo | OURENSE | 26/11/2023 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O castiñeiro para Galicia non só ten unha evidente importancia económica, pola comercialización da súa madeira e das castañas, senón tamén ecolóxica e paisaxística, pois contribúe a conservar solos, mellorar a calidade das augas, aporta alimento á fauna salvaxe, contribúe a frear a expansión do lume en caso de incendio (como sucedeu o pasado ano cando un incendio salvaxe arrasou con 11.000 hectáreas de monte na serra do Courel) e, ademais, forma parte do noso patrimonio cultural, material e inmaterial, contando con centos de anos de antigüidade. Antonio Rigueiro Rodríguez, profesor emérito do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo, pertencente á Universidade de Santiago de Compostela (USC), así o conta nunha xornada organizada pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC).

Castiñeiro do Val da Fonte
Castiñeiro do Val da Fonte | Fonte: Commons

En concreto, no catálogo de árbores senlleiras de Galicia hai nada menos que 17 castiñeiros incluídos: 13 na provincia de Ourense e 4 na de Lugo; e 5 formacións de castiñeiros, é dicir, cinco soutos: un en Lugo, dous en Ourense e dous en Pontevedra. Rigueiro cita, entre os máis destacados para el, o castiñeiro da Capela de Begonte, que, aínda que non destaca pola súa altura, con 13 metros debido á poda que se fai periodicamente das súas pólas, nin polo diámetro do seu tronco, de 6,6 metros, está incluído no catálogo por motivos culturais, pois "na oquedade do seu tronco o pintor de Baamonde Víctor Corral esculpiu unha imaxe da Virxe do Rosario, sobre a propia madeira do castiñeiro". Toda unha beleza nunha árbore que conta con entre 200 e 500 anos, polo que case podería ter visto o final da Idade Media en Galicia.

Tamén fai referencia ao souto centenario de Rozabales, en Mazaneda, formado por diversas variedades amarelantes e no que se atopa o castiñeiro de Pumbariños (cunha altura aproximada de 16 metros e un perímetro de tronco de 12,15), xa que este souto é "unha demostración de que os soutos de castiñeiros son artificiais, porque neste souto os castiñeiros atópanse todos aliñados, e é moi difícil que a natureza faga iso". Así mesmo, nomea o souto de Rubial, en Parada do Courel, porque "nel hai castiñeiros con letras, que son unha mostra de que nese souto non todos os castiñeiros pertencen a unha mesma persoa, senón que na mesma finca hai árbores que pertencen a casas diferentes, e identifícanse cunha letra". E, ademais, é especial porque, aínda que hai outros soutos mellores no Courel, "este é o souto do que falaba o poeta galego Uxío Novoneyra", no que "os castiñeiros que pertencen á súa casa levan o 'N' de Novoneyra".

Seguindo polos castiñeiros, Rigueiro tamén destaca unha das últimas incorporacións ao catálogo, o castiñeiro de Ramil, na aldea de Ramil, en Triacastela con 22 metros de altura e un perímetro de 9 metros, pero que ten nada menos que 800 anos de antigüidade. A eles, segundo o catálogo de árbores senlleiras, habería que engadir o castiñeiro do Val da Fonte, no souto do Val da Fonte, en Folgoso do Courel, con 500 anos de antigüidade, cunha circunferencia de 8 metros e unha altura dalgo máis de trece; o castiñeiro da Ribeira, tamén con 500 anos, unha circunferencia de máis de 11 metros e case 15 de altura, no souto da Ribeira, no concello da Mezquita; o castiñeiro do Souto da Ramigoa, cun perímetro de máis de 9 metros e unha idade de máis de 300 anos, ubicado en Nogueira de Ramuín; e os castiñeiros de Peninvello, na finca da Cerca, en Xinzo de Limia, dos que destaca o diámetro dalgúns, que pode chegar a superar os 10 metros.

A estes habería que sumar o castiñeiro de Pexeirós, nos Blancos, cun perímetro de 15 metros e máis de 500 anos de antigüidade; o castiñeiro de Cerdedelo, no souto de Cerdedelo, na Laza, cunha circunferencia duns 11 metros, aínda que é multitronco; o castiñeiro de Trambolosríos, en Parada de Sil, con 15 metros de altura e máis de 9 de perímetro, cunha idade de 700 anos; o castiñeiro de Santa Eufemia, en Baños de Molgas, que a pesares de estar oco está recuberto de nudosidades, o que fai que teña un perímetro de tronco de case 11 metros e medio; o castiñeiro de Cádavos, na Mezquita, cunha circunferencia de case 10 metros e unha altura de case 18; o castiñeiro do Prado da Ponte, tamén na Mezquita, cunha altura de 17 metros e 300 anos de antigüidade; e o castiñeiro de Placín, en Placín-Cubeiros, en Manzaneda, cun perímetro de máis de 10 metros, igual que a altura máxima, pero cunha copa de case 20. 

Castiñeiro da Capela de Begonte
Castiñeiro da Capela de Begonte | Fonte: Commons

Finalmente, estarían o castiñeiro de Soutogrande, en Vilariño de Conso, con nada menos que 13 metros e un perímetro de 12, un dos de maior valor de todo o catálogo, está partido en dous e contan que foi partido por un raio, grazas a que a patrona do pobo, Santa Bárbara, o encamiñou cara o castiñeiro para evitar que aniquilase ao pobo; o castiñeiro do Oreal, na parroquia de Edroso, en Viana do Bolo, ten 12 metros de altura e un perímetro de 14, cun tronco que amosa o paso de centos de anos por el; o castiñeiro Casa Fragueiro, no pobo de Riazón-Ombreiro, en Lugo, sobre o que hai estudos que apuntan a que este castiñeiro é autóctono e xa estaba presente en Galicia antes das últimas glaciacións, aínda que hai outros que afirman que foron os romanos os que introduciron esta especie na península, pero sexa como fose, ten 12 metros de altura e 8 metros de circunferencia.

MULTAS MILLONARIAS POR DANAR ESTE PATRIMONIO TAN PREZADO

Ademais, hai que sinalar que todos estes castiñeiros, máis aló dun valor simbólico, tamén teñen un gran valor dende o punto de vista económico. Hai unha metodoloxía, segundo apunta Rigueiro, coñecida como Norma Granada, "que mesmo se acepta en procesos xudiciais", que fala do valor económico que poden ter estas árbores. Así, no souto de Rozabales, por exemplo, aplicando esta normativa sae unha valoración de máis de 420.000 euros para unha árbore de 12 metros de circunferencia; no Soutogrande, en Vilariño de Conso, onde hai árbores mesmo cunha circunferencia superior, de 13,70 metros, a valoración sobe a 800.000 euros; e no de Oreal, en Viana do Bolo, os 14 metros de circunferencia da árbore con maior diámetro das catalogadas en Galicia, superan os 700.000 euros.

A eles engádense neste sistema de valoración o castiñeiro da Capela de Begonte, valorado nun 150.000 euros; o do Val da Fonte, en algo máis de 230.000; o castiñeiro de Ribeira, en case 420.000; o de Souto de Ramigoa, en máis de 330.000; e os castiñeiros de Penínvello, máis de 250.000. "Isto danos unha idea do risco que correría unha persoa que lle faga dano a estes monumentos e sexa denunciada", afirma o profesor. A multa pode ser millonaria!

OURICEIRAS, SEQUEIROS E CANICEIRAS PARA SECAR AS CASTAÑAS

Ademais, os soutos da nosa terra aínda conservan construcións que no pasado foron esenciais no cultivo da castaña, como as ouriceiras ou os sequeiros. O profesor da USC explica que estas ouriceiras eran "construcións circulares de pedra (como un pozo pero sen fondo), aínda que nalgúns casos tamén podían ser cadradas, nas que se metían algunhas variedades de castañas cuxos ourizos caeran ao chan sen abrir". "En lugar de atizarlles ou varealos, e dado que abrilos manualmente era complicado pola facilidade para mancarse, metíanse sen abrir nas ouriceiras, onde permanecían meses, ata que se producía a súa fermentación e ían abrindo por si mesmos, deixando saír as castañas", afirma. Deste xeito, tamén "se prolongaba o período de aproveitamento de castañas frescas, puidendo gozar delas ao mellor ata Nadal, ou mesmo despois, cando aínda había castañas nas ouriceiras".

Pola súa banda, os sequeiros servían practicamente para o mesmo. Neles tamén se secaban as castañas, "para poder ter castañas todo o ano". Así, como recorda Rigueiro, "cando se acababan as castañas frescas, íase a por estas que estaban no sequeiro, ata que chegase de novo o outono e se puidesen repoñer". Da mesma maneira actuaban as caniceiras ou canizos, unha especie de táboas de madeira furadas que as casas rurais tiñan sobre a lareira, para que o fume desta puidese pasar a través dos buracos e secar as castañas. O éxito destas prácticas, aínda que semellen desfasadas, aínda é maior se cabe hoxe, pois Rigueiro recorda que "as castañas secas son produto de luxo: as coñecidas como castañas pilongas poden chegar a custar uns 10, 12 ou ata 15 euros o quilo". 

MÁIS DO 35 % DOS SOUTOS GALEGOS FORMAN PARTE DA REDE NATURA 2000

Dende a parte inmaterial, os castiñeiros aportan un gran valor ao patrimonio festivo de Galicia. O experto da USC nomea os Magostos, pero tampouco se esquece doutras festas moi soadas como a da pisa da castaña (en Froxán, en Folgoso do Courel) ou na que se recrea a práctica de metelas nun saco e golpealas sobre un cepo de madeira ata que soltan a casca, ou nun bandoxo que un experto vai movendo para separar a castaña da casca, que co vento vai desbotando eses despoxos e deixando as castañas limpas. "Todas esas prácticas son hoxe motivo de celebracións", asegura Rigueiro.

E xa no que respecta ás variedades de castiñeiros, o experto recorda que estas árbores supoñen para a nosa terra un patrimonio natural importante, pois hai máis de 80 cultivares tradicionais, 23 deles rexistrados pola administración, con algún tipo de certificación. "Algunhas son máis resistentes á vespiña, outras ao frío, outras teñen os estames máis longos...". Así, "hai en Galicia 11.600 das 50.000 hectáreas totais (o 35 %) de soutos que son un hábitat protexido pola Rede Natura 2000, a normativa europea dirixida á proteción ambiental que pretende conservar especies tanto de flora como de fauna que chegaron ata os nosos días".

Castiñeiro de Pumbariños
Castiñeiro de Pumbariños | Fonte: Commons
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta