Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/11/2023 | Actualizada ás 19:20
Máis de 40.000 galegos entre 65 e 79 anos de idade accederon, por agora, a participar no ensaio clínico 'Galflu', unha iniciativa do Servizo Galego de Saúde (Sergas) e o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) para avaliar que resposta ofrece a vacina reforzada contra a gripe neste grupo de idade.
É a cifra que deu o doutor Federico Martinón, director do proxecto e do grupo de investigación Genvip (Xenética, Vacúas, Infeccións e Pediatría), durante a inauguración este xoves do XI Taller Interactivo Infectolóxico (Tipico) que se celebra na capital galega ata o venres con centos de expertos a nivel internacional.
Martinón destacou a Galicia como unha comunidade "pioneira" en vacinación e referiuse, como exemplo diso, a ese proxecto 'Galflu', que se desenvolve en paralelo á campaña de dobre vacinación gripe-covid en grandes recintos.
A iniciativa arrincou o 26 de outubro, coincidindo coa reapertura dos 'vacunódromos' en Galicia. O obxectivo é que, dos 450.000 galegos de entre 65 e 79 anos que están a ser citados, polo menos uns 50.000 accedan volunariamente a pór esa dose reforzada contra a gripe que xa se pon aos maiores de 80 para estudar se produce a mesma resposta inmune a idades máis novas.
Ata o mércores desta semana, 16 de novembro, fixérono máis de 40.000 pacientes: a metade recibiron a dose normal e a optra metade, a dobre. Os responsables do proxecto confían en alcanzar esa meta de 50.000 antes de finalizar o ano.
"Confiamos en que os resultados sexan interesantes, sobre todo para a comunidade científica", destacou, pola súa banda, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que tamén participou na inauguración do Tipico no salón de actos da Facultade de Medicina de Santiago.
MÁIS DE 400 EXPERTOS INTERNACIONAIS
Trátase da XI edición deste evento anual que coordina, precisamente, Federico Martinón e que reúne esta semana na capital galega a máis de 400 expertos nacionais e internacionais para debater sobre vacinas e enfermidades infecciosas. Ao acto de apertura tamén asistiron a xerente da área Sanitaria de Santiago-Barbanza, Eloína Núñez, e a vicerreitora de Política Científica da universidade compostelá, Pilar Bermejo.
Entre os especialistas asistentes, falarán estes días dos seus traballos o pediatra da Universidade de Utrecht (Países Baixos) Louis Bont, xunto co seu colega na Universidade de St. Jude (Estados Unidos) Octavio Ramilo, para presentar os últimos resultados en lóitaa fronte ao virus respiratorio sincitial (VRS), principal causa de enfermidades respiratorias en nenos.
Neste sentido, durante a inauguración, Martinón mencionou a Galicia como comunidade "pioneira" despois de introducir no seu calendario vacunal a deste virus non só en neonatos, senón tamén nas mulleres embarazadas.
O coordinador do Tipico insistiu en que a Comunidade galega é, seguramente, "o lugar do mundo co calendario vacunal máis completo e avanzado" e aquel de maior adherencia poboacional ás campañas de inmunización.
Segundo Martinón, todo iso débese á "aposta decidida da Consellería de Sanidade e a súa Dirección Xeral de Saúde Pública". No entanto, fixo un chamamento a seguir avanzando tanto no calendario vacunal como na incorporación de investigadores: "Investir en vacinas é investir no futuro dunha poboación. Pero non basta con dicilo senón con facelo. E aquí (en Galicia) está a facerse".
Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade destacou durante a súa intervención da recente introdución de novas vacinas ao calendario galego, como a do herpes zóster, a meninxite B "e as que iremos incorporando". Así, destacou que nos orzamentos da Xunta para 2024 haberá unha partida de case 40 millóns de euros para vacinas, o dobre que en 2021.
Neste acto inaugural, os intervenientes aproveitaron para felicitar a Federico Martinón, quen tamén é xefe do servizo de Pediatría do Hospital Clínico de Santiago, polo seu recente galardón como pediatra máis prestixioso de España na gala dos Premios Merco-Observatorio de Saúde, celebrada o luns en Madrid.
Tampouco faltaron os ánimos a todos os sanitarios asistentes ao XI Tipico a que gocen de Compostela e da súa gastronomía.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.