Por Ángela Precedo | A CORUÑA | 25/11/2023 | Actualizada ás 22:00
Nun mundo como o actual, onde temos un tratamento para cada enfermidade e onde os humanos xa non morren por doenzas como unha simple gripe, que no pasado cobrábase a vida de poboacións enteiras, enfrontámonos a outro reto: os virus e as bacterias causantes das enfermidades tamén están aprendendo a defenderse dos medicamentos, dunha maneira asombrosamente rápida, ademais. A pandemia do coronavirus é un bo exemplo, pois as vacunas tiveron que ser reformuladas continuamente para adaptarse ás novas cepas que ían xurdindo, precisamente, como consecuencia da adaptación do patóxeno aos medicamentos. Pero, sen lugar a dúbidas, o que na actualidade máis preocupa a médicos e investigadores é a resistencia bacteriana aos antibióticos. Levamos tanto tempo automedicándonos que non nos demos conta do risco que esto supuña para a nosa saúde, pois, se tomamos un antibiótico cada vez que temos unha simple dor de cabeza, no momento en que o precisemos para un estadío febril moi complexo, por exemplo, quizais non actúe todo o ben que debe.
A resistencia bacteriana non é un fenómeno novo. A innovación no arseal químico dispoñible para o control de infeccións vén dado dende 1945, cando se reportou a primeira evidencia de resistencia á penicilina, o chamado 'medicamento que gañou a Segunda Guerra Mundial'. Sen embargo, a día de hoxe esta problemática acada unha dimensión inesperada, que ano tras ano se incrementa. No 2013 producíronse ao menos 700.000 mortes atribuíbles a organismos antibiótico-resistentes; no 2019, aumentaron a 1,27 millóns e agárdase que para 2050 a cifra suba ata os dez millóns de falecementos ao ano, superando así ao número de mortes por cancro. A selección natural a través de mutacións producidas ao chou está a facer que as bacterias que prevalezan sexan as máis resistentes aos antibióticos. Así nolo conta María del Mar Tomás, responsable do Grupo MitroTM do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) e médico do servizo de Microbioloxía do Hospital da Coruña (CHUAC), gañadora a pasada semana do premio Zendal 2023 pola súa investigación neste campo.
"Estamos nun momento de globalización das bacterias resistentes aos antibióticos", explica a doutora, que asegura que, "nun principio, atopabamonos con bacterias resistentes aos antibióticos en infeccións dos pacientes do hospital, pero agora estamos vendo que houbo unha globalización e mesmo hai bacterias resistentes aos antibióticos en infeccións que afectan á comunidade en xeral, como poden ser as enfermidades respiratorias ou as de transmisión sexual". Así, continuamente os médicos se atopan ante casos de pacientes con determinadas enfermidades aos que lles receitan antibióticos e que, ao cabo dos días, volven á consulta porque a medicación non lles foi eficaz e precisan doutra alternativa. É por iso, como explica a doutora Tomás, que "autoridades sanitarias e gobernos están seguindo unha estratexia 'One Health'".
De que se trata esta estratexia? Como apunta, de "levar a cabo diferentes liñas de investigación e innovación tanto no diagnóstico como no tratamento, como no uso prudente dos antibióticos, non só a nivel humano no hospital, ou no ámbito sanitario en xeral, nos centros de saúde, senón tamén no plano veterinario e a nivel ambiental, debemos facer unha abordaxe multidisciplinaria a través de diferentes vías para poder atallar mellor este importante problema que é a resistencia bacteriana". E é que na actualidade hai moitos casos de resistencia bacteriana adquirida, é dicir, que non se xestou dentro da propia persoa, senón que veu dada polo consumo de certos alimentos. "Hoxe xa se está a mellorar no uso de antibióticos na gandaría a nivel veterinario, para evitar a transmisión de bacterias resistentes aos antibióticos dos animais ao humanos e, por tanto, a visión do problema é global", explica a investigadora do INIBIC, que cre que esta capacidade de transmisión animal-humano é algo que quedou de manifesto co coronavirus, que "ensinounos que é importante ter unha visión global das enfermidades infecciosas".
O PERIGO DESAS PÍLULAS DA DESPENSA PARA USAR ANOS DESPOIS DA RECEITA
Ademais, todos recordamos casos nos que a nosa nai ou algún amigo cando nos atopamos mal, con algo de febre, e vamos xustos de tempo para ir ao médico, nos recomendou tomar un antibiótico que tiñamos pola casa, seguramente receitado no seu momento para tratar outra doenza. Fai uns anos os médicos non eran tan estritos como na actualidade para expedir receitas, e iso facía que cada paciente tivese na súa despensa todo un arsenal de pílulas á espera de ser aproveitadas anos e anos despois de ser receitadas, nesa modalidade da denominada automedicación. O mal, en moitos casos, xa está feito, pois canto máis consumes un antibiótico máis se vai lograr adaptar a bacteria a el e, no momento en que che sexa verdadeiramente necesario, non vai ter a mesma eficacia de actuación. "Hoxe, está claro que temos que controlar moitísimo o uso de antibióticos prescritos polos profesionais sanitarios, dende os mesmos médicos de atención primaria e todos os especialistas que requiran do uso dos antibióticos", asegura a doutora Tomás.
Con todo, considera que tamén é moi necesario "contar cun diagnóstico rápido mediante técnicas innovadoras que detecten esas bacterias resistentes aos antibióticos", así como "desenvolver concienciación sobre a prevención en diferentes ámbitos", todo iso "seguindo unha estratexia 'One Health'". "Temos que levantar a cabeza e comezar xa a desenvolver liñas de investigación que teñan potencial tanto nos diagnósticos rápidos e precisos destas bacterias como nos tratamentos eficaces que aporten seguridade aos pacientes", afirma. Dentro destas liñas, atópase a do proxecto gañador dos premios Zendal 2023, centrado na fagoterapia, "unha disciplina que en Europa está sendo bastante favorecida, porque se viu que se trata dun tratamento con moita seguridad para o paciente e que permite ter un efecto sinérxico cos antibióticos".
"MELLORAMOS A TERAPIA PARA QUE CHEGUE A MÁIS INFECCIÓNS E PACIENTES"
En concreto, sobre o proxecto gañador, a doutora do CHUAC asegura que dende o INIBIC "levamos dez anos traballando en fagoterapia". Pero, que é isto da fagoterapia? Coloquialmente, explica que se trata dunha especie de 'virus bos', con capacidade para lisar (romper a membrana celular) as bacterias. "Melloramos dita terapia para que chegue ao maior número de infeccións e de pacientes, porque a fagoterapia pode aplicarse a través dunha medicina personalizada, que consistiría na adaptación dos fagos a determinados casos de determinados pacientes e segundo a bacteria responsable da infección", apunta, engadindo que, "nós a partir destes cócteles de fagos facemos unha innovación para mellorar a súa eficacia, usando por unha parte fagolíticos naturais potenciados con tratamentos de antipersistencia bacteriana, que é un dos principais mecanismos polos cales a bacteria se defende do fago; e, por outra, traballando con fagos sintéticos, proteínas que favorezan a súa acción, a súa entrada, potenciando así a capacidade de actuación lisando as bacterias resistentes aos antibióticos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.