O 'Black Friday' dos coches de ocasión en Ourense

"424 oportunidades de atopar o coche ideal con aforro, todas as garantías, facilidades de financiamento e entrega inmediata", din dende a organización do 14º Salón do Automóbil-Vehículo de Ocasión, evento que se celebra en Expourense do 23 ao 26 de novembro.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 24/11/2023 | Actualizada ás 09:35

Comparte esta noticia

Os 15 concesionarios ourensáns que participan no 14º Salón do Automóbil – Vehículo de Ocasión sumáronse á campaña internacional de descontos extra do “Black Friday” e converteron a Expourense no momento oportuno e o lugar adecuado para adquirir un coche de ocasión coas mellores vantaxes. Con 424 coches á venda de 24 marcas, o recinto feiral convértese ata este domingo 26 de novembro no maior concesionario de Galicia.

14º Salón do Automóbil-Vehículo de Ocasión. Foto: Prensa Expourense.
14º Salón do Automóbil-Vehículo de Ocasión. Foto: Prensa Expourense.

Trátase dun evento dirixido a aqueles que se decantaron polo mercado de ocasión que permite adquirir un coche con todas as garantías, a un prezo de ata 8.000 euros inferior a novo e con entrega inmediata. Trátase dunha cita coorganizada entre Expourense e a Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense, ACAUTO, na que participan 15 expositores presentan unha ampla mostra de vehículos na que ofrecen todos os segmentos de cada unha das 24 marcas con gran variedade de motorizacións, aínda que no mercado de ocasión a máis demandada é aínda a combustión tradicional de diésel ou gasolina. O salón do Vehículo de Ocasión é unha cita esperada polo público como quedou patente desde primeira hora da tarde da xornada de apertura este xoves 23 de novembro, xa que ao pouco de abrir esta edición xa se vían os primeiros carteis de “Vendido”.

VEHÍCULO DE OCASIÓN, OPCIÓN EN ALZA

Este salón ofrece marcas, modelos, prezos e gamas para responder á gran demanda que existe deste tipo de vehículos xa que a subida dos coches novos está provocando que o mercado de ocasión sexa unha moi boa opción. Comprar un vehículo nesta cita pode supoñer un aforro medio entre 3.000 e 5.000 euros con respecto a compralo novo e, dependendo do modelo, o aforro pode ser moito maior.

Así mesmo, pódense atopar vehículos que representan os tres eixos do mercado de ocasión: os quilómetro cero (novos que se venden así por obxectivos comerciais que indica o fabricante); seminovos (con menos de 2 anos e menos de 50.000 quilómetros froito do renting empresarial); e o de ocasión (que foi utilizado por un particular e entregado no concesionario).

COMPRAS CON GARANTÍA 

Desde A.C.A.U.T.O. recomendan acudir sempre a profesionais porque estes ofrecen unhas garantías inexistentes nas transaccións entre particulares xa que, por lei, hai que ofrecer un ano de garantía total, sendo moitas as empresas que estenden esta garantía ata dous anos ou máis, no caso dos seminovos (de 0 a 3 anos). As garantías ofrecidas aos coches comprados neste salón son moi semellantes ás dos coches novos, xa que “as marcas están a traballar para profesionalizar o mercado de ocasión e case todas teñen a súa propia división de vehículos de ocasión e a transparencia que hai na actualidade na venda de ocasión non a houbo nunca”, explican. Outra vantaxe é a xestión da documentación do proceso de compra-venda, do que se encarga o profesional.

PREMIO DUN BONO DE DESCONTO E LUDOTECA

Como incentivo para animar aos visitantes para axilizar o proceso de decisión, a organización volverá sortear, entre aqueles que pechen a compra dun automóbil durante esta fin de semana, un bono desconto por importe de 6.000 euros a descontar do prezo do vehículo adquirido e que supón o maior desconto realizado en feiras deste tipo en Galicia. Este importe será achegado entre ACAUTO e Expourense.

O horario do 14º Salón do Automóbil de Ocasión será o venres 24 de 11.00 a 20.30 h.; o sábado 25 de 10.00 a 20.30 h., e o domingo 26 das 11.00 ás 20.00 h. O prezo da entrada é de 3 euros (menores de ata 12 anos gratis). Esta cita conta ademais con servizo de Ludoteca Infantil gratuíta a partir do venres pola tarde.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta