Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/12/2023 | Actualizada ás 15:06
Persoal de centros de reforma xuvenil e protección a menores de Galicia reclaman melloras salariais, laborais e sociais nos centros privados e de xestión indirecta no marco dun convenio colectivo galego. CIG-Ensino está a levar a cabo unha recollida de firmas nos "preto de 60 centros" que existen en toda a comunidade autónoma, nos que ven afectados 800 traballadores, para conseguir estas reivindicacións. A campaña finalizará o 18 de decembro coa súa entrega na Consellería de Política Social, xunto cun escrito no que solicitan unha reunión o seu titular, Fabiola García.
"Está a ser moi exitosa con case 500 firmas ata o momento, un 60% do persoal", destacou o responsable de negociación colectiva de CIG-Ensino, Henrique García, nunha rolda de prensa convocada este martes na Coruña para presentar as súas reclamacións.
Entre as demandas, segundo especificou García, o colectivo insta á Xunta a que asuma a xestión pública destes centros, así como a incrementar as partidas orzamentarias para o sector para mellorar a calidade do servizo e as condicións laborais e salariais dos traballadores. Reclaman, ademais, "máis e mellores" recursos materiais e axustar os cocientes ás necesidades dos servizos. "Están totalmente desfasados e parecen doutra época", criticou.
Na mesma liña, García engadiu que o persoal rexeita o IV Convenio colectivo estatal, "moi precarizado e o que toma de referencia a Xunta", e esixe a "implicación e colaboración da Consellería de Política Social para comezar a negociación dun convenio galego". Ante esta situación, segundo avanzou, o colectivo está "disposto a mobilizarse" para que se dea cumprimento a estas medidas "lexítimas, xustas e totalmente xustificadas, abaladas por todas as firmas recollidas". "Cada vez piden máis responsabilidade, máis formación e máis carga de traballo, esixencias que non ven recoñecidas", apostilou.
ESCASEZA DE RECURSOS
No acto, interviñeron delegados da CIG de centros de menores situados nas distintas provincias galegas. Marián Feijóo-Montenegro, representante dun centro de Ourense, explicou que a Xunta se rexe polo decreto de 2005, o cal está "totalmente obsoleto". "Unha persoa soa non pode ter un cociente de catro ou seis menores", denunciou.
Neste sentido, Marcos García, delegado dun centro na Coruña, instou ao Goberno galego a que "faga un estudo serio de como se desenvolve o servizo para adecuar os orzamentos". "A Xunta ten externalizado o servizo e tenta evitar a súa responsabilidade á hora de asumir competencias de financiamento e en materia de situación laboral dos traballadores", dixo, tras insistir en que "o orzamento de xeito evidente é insuficiente".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.