Por Galicia Confidencial | Allariz | 15/12/2023 | Actualizada ás 20:00
Cristina Cid, alcaldesa do Concello de Allariz, explicou na rolda de prensa onde se deron a coñecer as obras a concurso do vindeiro ano que “o festival e moito máis que un parque, un xardín, un espazo verde.... simboliza todo aquelo que en Allariz queremos facer e que está representado neses 37.000 m2. Queremos facer un Allariz sostible, con calidade de vida, con dinamización económica e o Festival Internacional de Xardíns de Allariz é un bo exemplo delo”.
O xurado que escolleu os xardíns participantes estivo presidido polo prestixioso paisaxista portugués, Francisco Caldeira Cabral, e composto por Elsa María Matos Severino (paisaxista), Guillermo Cuadrado (paisaxista), Jose Luis Romeu (presidente da AEP), Raquel Casas (doutorada en enxeñería agrícola e mestra do master de paisaxismo en Madrid ), Francisco García, director do Festival, e varios representantes do concello de Allariz: Celestino Feijóo, director de urbanismo, Bernardo Varela, concelleiro de medio ambiente, e María López, concelleira de promoción económica.
XARDÍNS PARTICIPANTES NA XIV EDICIÓN DO FIXA
Nove xardíns ocuparán o recinto xunto co xardín gañador da pasada edición “Xardín Informal” e o xardín deseñado polos centros docentes de Allariz. O nome e a orixe de cada un deles é o seguinte:
The Art Gallery, de Portugal; Travesiar Estelar, de Ecuador; Step Into a Work of Art, de Austria; El Jardín de Monet, de Madrid, A Cuadratura do Círculo, Ourense, Pop Art Garden, Madrid, Jardín Cubista, de Madrid, El Jardín al Revés, Madrid, A Arte de Mallo, A Coruña.
Tamén se escolleron dous xardíns que formarán unha quenda de suplentes. Un deles compartido por Madrid/México: Tesouros Enxebres: Sargadelos, e outro que chegou de Italia: The Metaphysics Labyrinth.
O paisaxista portugués Francisco Caldeira Cabral resaltou as propostas recibidas, con bastantes chegadas de fóra do estado, o que consolida a internacionalidade do evento. Así mesmo desvelou que a deliberación do xurado tivo momentos de debate pero que iso, en palabras del, “son momentos que achegan coñecemento e enriquece a creatividade”.
Nesta convocatoria chegaron 36 propostas, algunhas delas de paises como: Austria, Alemania, Ecuador, México, Brasil, Italia e Portugal. Do Estado presentáronse creacións de Madrid (catro delas escollidas), Valencia, Valladolid, Asturias, Mallorca e Galicia (dúas escollidas).
NOVIDADES
Unha das novidades desta nova edición será a conservación do gañador técnico elexido por representantes da AEP. Jose Luis Romeu, como presidente da asociación informou que o xardín que acadou este recoñecemento técnico foi “Xeometrías do Nilo”. Este xardín quedará un ano máis, xunto co gañador do voto popular no recinto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.