Traballo autónomo e novos retos: innovación, formación, financiamento e xubilación

O sector do traballo autónomo reclama cambios tanto de fondo como de forma. Existen unha serie de necesidades como son cambios nos tramos de cotización, no acceso a subsidios de desemprego e xubilacións dignas. Outros factores que ven necesarios son a formación en áreas específicas e sobre todo a dixitalización do sector, punto este que parece irse introducindo moi lentamente.

Por Moncho Mariño | Santiago | 22/12/2023 | Actualizada ás 22:02

Comparte esta noticia

Os e as traballadoras autónomas buscan visibilizarse máis para formaren parte das mesas de negociación onde se decida o seu futuro. Xa non falan só de ser escoitados senón de seren partícipes activos durante as negociacións entre patronal, sindicatos e administracións. Isto reflectiuse no acordo entre PSOE e Sumar para formar o goberno de coalición: “Desenvolveranse as regras de representatividade empresarial, especialmente as relativas á maior representatividade das pemes no ámbito do diálogo social, a negociación colectiva e a participación institucional. Así mesmo, actualizarase a representatividade do colectivo de autónomos mediante un sistema baseado en principios democráticos”. A intención é que a 'mesa de diálogo' conte cun abano moi amplo de cores no terreo empresarial e de autónomos. Esta idea permite ter representación á maioría de colectivos autónomos e micropemes eliminando o “case monopolio” da CEOE e CEPYME nas negociacións co Goberno central. Mais, cal é o punto de partida en que están os autónomos e autónomas galegas antes de que o Goberno lles abra a mesa de negociacións?

O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luís Escrivá, nunha imaxe de arquivo
O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luís Escrivá, nunha imaxe de arquivo | Fonte: Iñaki Berasaluce - Europa Press

RELEVO XERACIONAL

A hostalaría e o comercio eran dous dos sectores económicos con maior número de traballadores por conta propia, mentres en paralelo hai novas incorporacións relacionadas coas TIC, cos servizos, profesionais independentes, etc. Os sectores hostaleiro e comercial foron os que até o momento mantiveron o sector autónomo en canto dinamismo, porén, durante as últimas décadas o comercio tradicional veuse afectado pola aparición de grandes superficies coas que non pode competir en prezos. Isto leva ao peche de establecementos. Pola súa parte, a hostalaría, aínda sendo moi dinámica en Galicia, ve como tamén abren e pechan locais en espazos de tempo relativamente curtos.

“O comercio dalle vida aos barrios ademais de crear emprego, e coa hostalaría mantiveron o sector autónomo durante moito tempo” di Rafael Granados de ATA. “A hostalaría e o comercio supoñen o 40% dos autónomos galegos, son dous sectores que ademais de esta ampla porcentaxe sofren a competencia das grandes superficies”, remarca Eduardo Abad, da UPTA.

Ademais disto, existe unha falta de relevo xeracional segundo os sectores. Isto, ademais de eliminar a continuidade, tamén pode supoñer un freo á renovación e innovación en certas áreas económicas. O número total de persoas inscritas no Réxime Especial dos Traballadores Autónomos (RETA) en Galicia era de 205.849, segundo os datos do Ministerio de Trabajo y Economía Social, no mesmo mes de 2022 os autónomos galegos eran en total 207.945, case 2.100 traballadores menos. “En Galicia o 36% dos autónomos teñen máis de 55 anos, e deles un 20% teñen 60 ou máis anos” desglosa Eduardo Abad.

A vicepresidenta do Goberno, ministra de Traballo e Economía Social e a líder de Sumar, Yolanda Díaz, e o economista Albino Prada, durante a presentación do libro 'Sociedade de mercado ou sociedade decente?. Crítica da obediencia neoliberal', no. Adrián Irago - Europa Press
A vicepresidenta do Goberno, ministra de Traballo e Economía Social e a líder de Sumar, Yolanda Díaz, e o economista Albino Prada, durante a presentación do libro 'Sociedade de mercado ou sociedade decente?. Crítica da obediencia neoliberal', no. Adrián Irago - Europa Press

NOVAS FÓRMULAS DE TRABALLO

O grande erro de moitos autónomos e micropemes é a falta de innovación, pouca ou case ningunha adaptación ás novas tecnoloxías debido, en parte, á escasa formación dos e das autónomas para traballar coas novas ferramentas dixitais. “É necesaria a pedagoxía nos autónomos e autónomas para dixitalizarse, non só dar apoio económico senón tamén fomentar a concienciación tecnolóxica” di Miguel Vila de UATAE. “O 70% do sector por conta propia ten dificultades dixitais e por outra parte, non hai suficientes liñas de axudas ao I+D para autónomos e microempresas”.

Os novos retos marcados pola transición enerxética están atraendo novas iniciativas cara o sector das renovables. “Agora mesmo estase apoiando a aparición de novas empresas no sector da enerxía circular, aínda así é necesario un maior investimento nestas iniciativas autónomas” di Rafael Granados. Porén, o I+D precisa dunha formación previa que permita o desenvolvemento de profesionais e ideas. “Debemos falar de FP dual para ter profesionais que dean servizos a outras empresas e á cidadanía en xeral” apunta Eduardo Abad.

Tamén a contratación pública podería ser un campo de traballo para autónomos e autónomas. “É difícil a entrada dun autónomo na contratación pública e se entra será dunha maneira moi precaria, o último elo dunha serie de subcontratacións” apunta Miguel Vila. “A Administración debera achegarse aos autónomos, sobre todo en liñas de innovación e dixitalización, isto redistribuiría a contratación e favorecería a sustentabilidade”. Aínda así, Vila entende que a Administración debera contar cun sistema de contratación específico para autónomos.

A pregunta que xorde agora é: que ocorre coas axudas, non son abondo, non chegan a todos, non teñen utilidade? “Hai xente que quere ser autónoma e pide axudas, mais as axudas son para manter a actividade di Granados. “Até o de agora os esforzos económicos destinábanse a paliar os efectos da COVID, mais agora é necesario poñer en marcha un plan de relevo xeracional” apunta Abad. Iso significa encarreirar diñeiro a novos e novas emprendedoras, mais, por que é difícil emprender? “Darse de alta como autónomo é cousa de 15 minutos, mais a iniciativa que se leve adiante debe ser sólida, ter un plan de empresa ben estruturado, emprender necesita algo máis que a sorte”. Un exemplo sería o comercio e o uso das aplicacións. “Que quere a xente? Que lle leves o produto á casa. Para iso están as aplicacións e se o comercio se abre a isto poderá afrontar mellor os cambios tecnolóxicos”.

COTIZACIÓNS

“A principal liña de actuación é “desprecarizar” o traballo por conta propia con respecto ao traballo por conta allea” di Vila. “Os autónomos non teñen dereito a subsidios por desemprego si por cesamento de actividade, non hai dereito ás axudas a parados de máis de 52 anos, un colectivo con moitas dificultades para encontrar traballo”.

En 2023 houbo cambios que permitiron cotizar aos autónomos segundo os ingresos reais. Este cambio aínda está comezando a implantarse e o período de transición até consolidarse será de nove anos “aínda que estamos a negociar a súa redución”. “Tamén debemos profundar nas cotas, aumentando a quen gañe máis e que a protección social sexa garantista para autónomos e autónomas” remarca Vila.

A nova normativa estipula dezasete tramos para cotizar segundo ingresos reais. Con todo, a precariedade non deixa de continuar dando fortes golpes. “En Galicia 120.000 autónomos farán declaracións da Renda baixas, con ingresos por debaixo dos 960€, son autónomos pobresdi Abad. Estas persoas poderían ver rebaixada a súa cota na declaración e seríalles devolto ese diñeiro cotizado de máis. Existe unha solución para reducir o número de autónomos pobres? “Facturando máis, ser máis rendible e maior produtividade”. Ao final, “se temos uns rendementos por debaixo do SMI, cunha cotización de 320€, teremos unha pensión de retiro duns 700€ a fin de mes, sempre que teñamos cotizados os últimos 25 anos”, lembra Granados.

E aplicar un “salario mínimo” para autónomos? “Iso é inviable porque cobramos en función do que facturamos, se poñemos 1.000€ para cada autónomo a fin de mes e non hai facturación, como se recupera ese investimento?” pregunta Granados. “Un autónomo realiza unha actividade económica 'a risco e ventura' e por tanto non se pode asegurar un ingreso 'mínimo'” apunta Abad. “Si se debera regular as condicións dos autónomos economicamente dependentes, os que facturan máis do 75% dos seus ingresos a unha soa empresa”. Desde UPTA ven a necesidade dun acordo interprofesional, cun contrato que responda á situación e dea resultados económicos suficientes para vivir.

A mesa de negociación dos axentes sociais verase ampliada cos traballadores e traballadoras autónomas. A posibilidade de que se poida levar adiante unha reforma no sector de cara ao impulso de iniciativas e solventar determinadas situacións consideradas discriminatorias fronte aos traballadores por conta allea, é unha tarefa que o Goberno parece estar disposto a asumir.
 

Traballadores autónomos
Traballadores autónomos | Fonte: Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta