(Vídeo) Así morren os grandes cetáceos; sete quilos "intactos" de plástico no aparello dixestivo

Alfredo López, biólogo do CEMMA, advirte de que "os cifios viven moi lonxe de costa e aliméntanse a grande profundidade, entre 1.000 e 3.000 metros, e consideran que todo o que hai neses fondos é para comer, non discriminan se son plásticos ou non".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 03/01/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Un vídeo publicado pola Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) nas súas redes sociais está dando a volta ao mundo. Nel vense ducias de plásticos de gran lonxitude que foron extraídos do aparato dixestivo dun cifio común que apareceu varado na Coruña fai cuestión dunhas semanas. O certo é que ver tal cantidade de material artificial obstruíndo o intestino deste exemplar causa un forte impacto en todo aquel que o ve. E é que grazas a este vídeo é como realmente podemos comprobar os efectos da contaminación das augas con residuos plásticos procedentes da actividade humana. Non é un mito, non é unha esaxeración, é algo que está a suceder e que está causando a morte de moitos organismos vivos que poboan as nosas rías. Está na man de todos evitar que siga sucedendo, aínda que na opinión dos expertos as medidas xa chegan tarde. Dende Galicia Confidencial falamos con Alfredo López, biólogo do CEMMA, sobre o asunto.

Cifio varado na costa da Coruña
Cifio varado na costa da Coruña | Fonte: CEMMA - Arquivo

López explica que "a inxestión de plásticos nos cetáceos en xeral é moi pouco frecuente, e iso é porque os arroaces viven moi preto de nós e, polo tanto, saben o que son os plásticos e saben que non serven para comer, e moi posiblemente o golfiño común tamén os coñeza". Por iso, a súa mortalidade por esta causa é inferior ao 0,5 %. É dicir, estes animais non morren polo consumo de plásticos porque aprenderon a evitalos, non porque non sexan perxudiciais para eles. Que sucede con outras especies como o cifio común sobre o que se fixo a análise? López apunta que "os cifios son grandes mergulladores, son especies que viven moi lonxe de costa e que se alimentan a grande profundidade, e estes grandes mergulladores, como tamén o son os cachalotes, sofren a incidencia de plásticos nos seus estómagos nun 70 %, porque ao alimentarse a profundidades de entre 1.000 e 3.000 metros consideran que todo o que hai neses fondos é para comer, e non discriminan se son plásticos ou non". Non saben o que son.

Así as cousas, unha vez que eses plásticos chegan aos seus estómagos, a lotaría está servida. "Se son pequenos e poden atravesar o intestino, aínda que con certa dificultade, non chegan a matar ao exemplar", explica o biólogo. Con todo, no caso do cifio atopado na Coruña, "presentaba uns 5 ou 7 quilos de plástico ocluíndo todo o seu sistema dixestivo, o que lle causou a morte". E non é para menos, pois atopábase plástico en todas as cavidades do seu aparello dixestivo, feito unha bóla que non era quen de pasar dun espazo a outro nin de ser expulsado polo animal ao defecar. E é que o seu estómago non era quen de dixerir e degradar o plástico, de maneira que permaneceu intacto dentro do seu organismo. "O caso deste citio foi bastante curioso, porque chegou vivo á costa da Coruña", apunta López, que explica que "se trata dun animal moi grande, duns 6 metros, e a necropsia foi moi complicada, pero decidiu facerse en vista de que tiña algo raro no estómago".

"AÍNDA QUE HOXE NON TIRÁSEMOS MÁIS PLÁSTICOS AO MAR, XA É TARDE"

Tras analizar coidadosamente cada anaco de plástico atopado no interior do cifio na Facultade de Veterinaria de Lugo, "o vídeo pareceunos tan impactante que decidimos poñelo nas redes sociais, porque cremos que é a única maneira de sensibilizar sobre esta problemática dos plásticos". Con todo, López amósase algo pesimista sobre a cuestión: "Aínda que hoxe decidísemos non tirar ningún plástico máis ao mar, a mil metros de profundidade (onde se alimentan animais como os citios), vai seguir habendo plásticos durante milleiros de anos". Deste xeito, aínda que efectivamente cada vez se está a tomar máis conciencia do asunto e se están a substituír os envases de plástico por materiais máis sostibles e biodegradables, "o movemento ecoloxista leva denunciando os plásticos dende os anos 80 ou 90, e neste momento as medidas xa chegan tarde".

Neste punto, López afirma que "temos que implantar medidas, obviamente, pero tamén temos que ser conscientes de que xa é tarde, xa chegamos tarde". E é que os plásticos que están no fondo do mar contan cunha "degradación lonxeva, polo que a pesares de que foron un bo invento, a súa destrución de forma natural é moi lonxeva, e rematan quedando como redes fantasma, como restos nos fondos... Atopamos plásticos na Antártida, no Ártico e ata no fondo da Fosa das Marianas, a 15.000 metros de profundidade, están en todos os lados", advirte o biólogo. Así, seguirá habendo mortes destes animais mariños que non saben identificar o que son e que os consumen como se se tratase de alimento, algo que, lamentablemente, non se vai a poder evitar.

"AS TARTARUGAS EN REHABILITACIÓN PASAN 15 DÍAS DEFECANDO PLÁSTICOS"

E máis aló de citios e cachalotes, López tamén chama a atención sobre as tartarugas mariñas, sobre as cales "a incidencia de plásticos é moi alta". "Todas as tartarugas que temos agora mesmo aquí en rehabilitación, un total de cinco, pasan 15 días defecando plásticos", asegura o biólogo, que afirma que "hai catro ou cinco anos que ocorre isto, antes non sucedía, pero agora esta é a realidade". Como é posible? Pois porque "as tartarugas aliméntanse de invertebrados de corpo brando transparentes e para elas os plásticos son invertebrados". Por sorte, López congratúlase de que "as que nos chegan por outros motivos, rematan expulsando os plásticos, porque son moi pequeniños", pero "é posible que moitas morran no mar e que non cheguen a nós, porque os plásticos rematen por ocluírlles o aparello dixestivo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta