David Bellas, A gaita no improvisso

Em David Bellas juntam-se muitos planetas, será por isso que tá encantando a muitos-as dos marinhaos-as que podem ver o seus intensos olhos de escoita ativa, vivos, em este viveirense de ascendéncia gaiteiril...

Por Cobrantas - Ugia Pedreira | Galiza | 24/07/2015

Comparte esta noticia

552139_396151673825712_999837618_n

Músico, gaiteiro, pessoa de alta sensibilidade que expreme com transparéncia e grande fermosura sintática e semántica a sua forma de ver a música. Da música popular feita na aldeia e na casa á música académica e como nom,  um bom degustador valente ao improviso onde sinte-se  livre e feliz. É o nosso maior gaiteiro improvisador que coloca um instrumento de notável sonoridade tímbrica na máxima naturalidade espacial integrado com beleza auditiva entre outros.  Bellas obtivo a primeira matrícula de honra para acadar o título de mestre de gaita, “malgré” os  títulos,  desde o cartesiano conservatorio adica-se ao desenvolvimento pessoal de si mesmo para assim melhorar a sua funçom na música, uma labor social e pedagógica desde as entranhas dum bom conhecedor da engranagem individuo-arte-coletivo.

Porqué David elexiches como instrumento principal a gaita, tem algo que ver coa família? 

A verdade é que ao comenzó foi fruto da casualidade, ou iso pensaba, comecei no Barqueiro (Mañón), (onde residen os meus avós paternos) nas fins de semana, as ofertas eran ou deporte, para o cal nunca amosei cualidades ou agrupación de música tradicional, e decanteime rápidamente. Quizais, comentaba non foi casualidade senón causalidade, sempre sentín un instinto, algo primario ao escoitar aos gaiteiros pasar pola rúa o día da festa; sempre escoitaba atentamente as anécdotas que o meu avó me contaba do seu pai Modesto Bellas, que fora gaiteiro nuns anos moi convulsos como os da guerra e postguerra na parroquia dos Barcóns en Mañón, sempre lembro esas verbas agarimosas aloumiñando o meu oído e rescatando vivencias dun tempo pasado conxeado no meu maxín que paladeaba como algo idílico, no que facían as palletas de rabo de escoba, como viñan tocando polos camiños para espantar o medo, as vivencias do seu cuarteto tan especial para min, como fora emigrado e seguramente seguirán a facer brincadeira polo Brasil, como o vello gaiteiro roxo fora apresado e nunca quedou ben de novo, e como non as preguntas suscitadas de ida e de volta…avó e que cantabades nas festas? Ti bailabas ben? Onde vai a gaita do bisavó?...e de volta, David, ti cando tocas a gaita e cantas en que rematas as frases en A ou en O? xa non botades asturianadas?...

Tes colocado de maneira oficial este instrumento com galóns, prémios e títulos varios. Cómo poderias contar qual é o fio conductor deste instrumento na cultura galega desde a popularidade social até o mundo mais oficioso educativo?

Este punto é terriblemente complexo, os premios etc. Significan máis ou menos nada, e así debe de ser, a música non é una competición, aínda que en moitos casos o semelle.

No microcosmos da gaita de fol, existe unha dualidade maravillosa o mundo da música popular e por outro lado o ámbito académico por así decilo, aínda que deteste o termo… No ámbito popular na Galiza, o instrumento ten un longo recorrido, no caso do ámbito académico está en pañais, mais isto non debe ser unha excusa nin unha traba, senón un grande abano de posibilidades para facer un estudo amplo e formar en moitos aspectos aos intérpretes que escollan este camiño.

O lóxico polo tanto é evitar duplicidades, os conservatorios por exemplo, non están para facer o traballo que fan as asocicións, nin viceversa, que isto non son diputacións, suponse que teñen utilidade real… ben, polo tanto o contexto  dos centros de estudos ten que ser totalmente novo, coñecer o instrumento en tódolos seus aspectos, así como os diferentes repertorios históricos para o instrumento como a nova creación, e por suposto un coñecemento amplo da música tradicional, pero da música tradicional, cousa que vexo que se está descuidando en favor da pseudomúsica tradicional, sen olvidar o seu contexto e funcionalidade así como tamén o seu método de ensinanza, a oralidade, pensando ademáis nalgo moi importante que fixa un cambio de paradigma fronte o resto das músicas, a música tradicional non se ensina, apréndese.

552139_396151673825712_999837618_n

Muitas vezes tenho vivido momentos de explosom e júbilo quando um gaiteiro-a saca a gaita. A qué pensas que é devido este ardor, é uma juntanza de eséncia antropológica e timbre do instrumento? ou?

Son moitos os factores, evidentemente os sons non son neutros, todos oímos un preludio nunha gaita (de exterior por así chamala) e sentimos a chamada ao clan, ao colectivo. Pensemos que ten algo moi importante ese son, e un instrumento sopranino e con moito volume, arrepía o corpo.

Por outra banda, tamén traballa a asociación de ideas, vivimos nun mundo moi cinematográfico en canto á música, e é lóxico, o cine é o principal causante na xente de hoxe, pero tamén pasaba isto antes, xa que esa música de gaita escoitabase na festa, e a iso nos leva ese son á carballeira, ao desfrute, a aquilo dionisíaco que todos sentimos e representamos nun aturuxo como a necesidade de plasmar ese éxtase.

Certo é que a música non representa nada no aspecto de que non hai conexión entre o significante e o significado, polo cal non é un linguaxe que diría Noam Chomsky (por citar algún lingüista), pero á vez, representa todo, xa que cada un lle otorga ese significado personal e intransferible tremendamente ligado as emocións (para outra vez, as descuidadas emocións, ou a falta de aprendizaxe emocional, tamén na educación musical, incrible non si?).

A complexidade de otrogarlle á gaita outro contexto radica nisto en buscar outro son, outra estética que non nos remita xa de entrada a asociación que temos feito xa de entrada ao timbre e sonoridade do instrumento.

Cómo é realmente a situaçom, o ambiente dos conservatorios e escolas de música arredor do repertorio e história da música galega? 

Salvo honrrosas excepcións inexistente ou polo menos parcial. Moitos dos músicos en xeral, descoñecen a súa música tradicional en toda a súa magnitude, e isto coido acontece por varios motivos:

O que se amosa habitualmente é só un 10%, sendo xeneroso do que é, sempre primando o repertorio instrumental e popular, á música vocal, que é a gran xoia descoñecida. Isto non deixa de sorprenderme, moitos músicos fálanche da complexidade rítmica das músicas balcánicas, e eu sempre faigo a mesma pregunta, viches alguna vez a unas señoras tocando a pandeireta e cantando unha muiñeira tocando unha subdivisión ternaria e cantando unha binaria? Escoitache unha pandeirada onde a base rítmica é un 6/8 fronte a un 5/4? De verdade témonos que sorprender da complexidade rítmica doutras músicas? Ou simplemente é descoñecemento da nosa propia? E isto só no aspecto rítmico, serían moitisimos os puntos a tratar.

Outro dos motivos sen dúbida é a morte das funcións, cousa grave nunha música funcional. Non podemos cantar ao ir lavar ao río se xa non imos lavar ao río. O que quero expresar, é que as funcións para as que quedou a música de tradición oral son maiormente festivas no caso de que este viva, no caso da morta a facer recreacións en escenarios da mesma.

Outro dos puntos é a necesidade de abordar o repertorio dende o estudo máis minucioso, e sei que en certo modo xa se está a facer, en conservatorios superiores, universidades etc. A recopilación de material mediante o traballo de campo é ou foi necesario, pero agora precisamos de máis traballo de laboratorio interdisciplinar, antropoloxía, análise, etc.

Por último, o principal problema é o auto odio, representado na lingua, na música e en toda representación cultura r non cultural, por poner o caso dos oficios, semella que para moitos a cultura popular non é cultura, lástima que Xaquí Lourenzo non sexa lectura obrigada en tódolos centros… , claro que é necesario mirar cara fora, pero despois de mirar cara dentro.

É curioso que os traballos máis densos neste senso do estudo da música tradicional foran por exemplo de Dorothy Shubart ou Alan Lomax, xente non galega, aínda que temos a xente facendo xa traballos maravillosos, os cales non cito xa que son moitos e deixaría algún polo camiño.

Que é para ti o mais importante a nivel pedagóxico de trasladar ao alumnado tendo como meio e canle o teu instrumento?

O instrumento como o seu nome indica é un medio non un fin. Polo tanto o importante é o obxecto artístico, ao coido se chega principalmente pola morte do ego, a música debe ser un acto de xenerosidade sen limites no que compartir é básico. A técnica precisase para poder abordar o obxecto, pero non todo na vida e iso, todo o contrario,…é moito máis importante a compresión do que se toca, a técnica é unha ferramenta e só iso, nunca vin un ferreiro idolatrando un martelo…

Qué consideras importante a construir num "sonhado" futuro musical para a educaçom neste recuncho de Europa?

Precisamente iso, ser Europa, non ser unha periferia, pero somos periféricos por nos mesmos, é unha auto imposición. Anteriormente dicía que temos que mirar cara nos e logo cara fora, pois iso, saber de onde vimos e cara onde queremos ir, ver como se estudan e se traballan as músicas de tradición oral no resto de Europa faríanos abrir os ollos considerablemente, pero temos unha necesidade para que isto aconteza dunha mudanza social, que valore o seu, non máis que o resto, pero si igual.

Cada vez se te vê mais próximo á improvisaçom, a inmediatez, porquê?

Por necesidade, todo é por necesidade ou non é. A improvisación otorga algo máxico, que é plasmar as túas emocións no que fas sexa cal sexa o teu vehículo unha gaita, o corpo, un lenzo, tanto ten. As emocións non esperan a mañá, non premeditas o xoves 16 vou sentir un alegría desmesurada, simplemente chega o momento e síntela, polo cal a improvisación é sempre sinceira, é esto, neste momento e nunca máis, e ten que ser así. Eu non son o mesmo hoxe que mañá, ata físicamente mudei, só queda un vagaxe emocinal e tamén de experiencia, que se verá, e sempre ten que estar presente, temos que deixar de avergoñarnos e amosarnos espidos cas nosas maravillosas imperfeccións.

A improvisación na educación tamén é necesaria, un neno ou unha nena aprenden como son experimentando co seu corpo, pois un instrumentista o mesmo, necesita probar, equivocarse, equivocarse moito para coñecer as súas posibilidades e limitacións.

Nas tuas composiçons qué porcentagem lhe sinalarias a improvisaçom e qual á reflexom compositiva?

A improvisación sempre é o xermelo da creación, nace algo e logo a reflexión, o vocabulario e técnica disponible fan que funcione arquitectónicamente, pero naceu do agora, foi un plasmar o xa para sempre, é o xenial! é que o xa sempre estará en movemento, será un xa en potencia, que dará en cada interpretación un xa en facto diferente.

Logo dicer tamén, a importancia do improviso na interpretación, moitas veces pécase de asociar a improvisación a estilos ou estéticas concretas como o jazz, a improvisación estivo sempre, no renacemento, no barroco, na música contemporánea, etc… como é lóxico, xa que é un proceso naturalmente humano, non podería ser doutro xeito, o que mudaron simplemente foron as linguaxes empregadas, nada máis.

A tua presenza na Marinha foi variando e movendo pequenas mareas de concepçom musical. Qué botas em falta na comarca para a senhora musa música?

Vivir nesta zona ten cousas básicas para min, unha delas é a paisaxe, e a serenidade do silencio, e isto aporta en multitude de artistas residentes na zona unha idiosincrasia diferenciada, son moitos os casos. Boto en falta unha plataforma onde partillar ideas, un espazo no que a conversa interdisciplinar inunde todo, e por suposto salvo excepcións, que a política e as institucións, non xa fomenten que sería moito pedir, senón que polo menos deixen facer.

Qué tal estás na costa norte?

Estou feliz, é o que ten vivir no centro do mundo! Jajaja. Sinto iste silencio da zona como propio e paladeo cada momento, disfruto dos silencios activos e pasivos que a nosa paisaxe nos da. Xa, se melloraran as comunicacións…, bueno non, morrería ese silencio. Como dicía Beethoven, nunca rompas o silencio se non é para melloralo…


Ugia Pedreira - Cobrantas

Com oito álbuns lançados, a cantora de Marful e ex-diretora do Centro Galego de Música Popular, aCentral Folque, cria este espaço para as cobrantas musicais feitas á mao, é dizer, pessoas e projectos musicais que ao meu entender sejam de alto risco, medulares, lumínicos, vertebrais, que prestem atenção á canteira e a deixar sementes prantadas arredor da música galega feita em qualquer parte do mundo. Em Cobrantas intentara-se chegar ao para qué e porque dos discos, livros, tendas, pub, músico, editoral ou ideia a desenvolver na atualidade.

Máis artigos de Ugia Pedreira aquí.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ugia Pedreira Com oito álbuns lançados, a cantora de Marful e diretora do Centro Galego de Música Popular, aCentral Folque, cria este espaço “para as cobrantas musicais feitas á mao, é dizer, pessoas e projectos musicais que ao meu entender sejam de alto risco, medulares, lumínicos, vertebrais, que prestem atenção á canteira e a deixar sementes prantadas arredor da música galega feita em qualquer parte do mundo. Em Cobrantas intentara-se chegar ao para qué e porque dos discos, livros, tendas, pub, músico, editoral ou ideia a desenvolver na atualidade”. A Central Folque