Por Cobrantas - Ugia Pedreira | Galiza | 15/01/2016
Feliz som Juam de que valores as minhas fotos e também a minha opiniom com respeto á fotografia, mais feliz som Juan Luis de ver-te entrar no mundo dos autónomos e converter a tua paixom, talento e capacidade no teu modo de vida. Cómo deches este salto?
Pois casual... moi casual. En fotografía penso que empezas facendo de todo, ata que hai certos temas que atrapan a ún. Paisaxismo, foto-documental, concertos, retratos... atá que empezan a chamarte músicos e xente moi dispar para que lles fagas fotos. Ves que o que che gusta facer gusta a outros e queren pagarte por iso... Wowww, daquela plantexome se podería vivir disto... e niso estamos, sen agobios con moita ilusión.
Aló polo 93 dis-me que comezaches e comiches livros e bebiches da sabiduria doutros, de fotógrafos daqui e dalá. Esa época recordara-la como total fervedoiro de paixom e desejo de conhecimento. Ou? Diga-me voçê querido cómo foi.
Claro todo foi moi novidoso, batín cun fotógrafo, Cándido, que nos ensinaba no Instituto todo o relacionado co revelado en analóxico e empezas a mergullarte neste mundo coas diferentes "correntes" e probas aquí e acolá. Todo moi ilusionante á vez que frustrante e como son moi teimudo tentas sempre atopar "o camiño" para mellorar unha imaxe, a luz, a composición, esa sensación de levar a cámara aos ollos e agardar ese momento que buscas...en fín... Hai que vivilo e amalo, penso.
Coma tanta gente do mundo musical eu conhecim-te polos retratos de concertos. Qual é o mobil para que fixeras tantos e com tam marcada originalidade. Quero dizer, a tua mirada reconhece-se e isso como o timbre duma voz é bem definitório. A quem disparaches ou tes em perspectiva de disparar?
Pois na volta de Os Cempés, re-visitei moitos festivais e concertos coa cámara, nunca me plantexara facer música ao vivo, fixera algo en pelicula (negativo) a Luar na Lubre e Berrogüetto ala polo ano 97, pero con resultado bastante penoso e pouco digno. Sempre para o meu "arquivo" persoal, entón chegou a chamada de Frai Oscar (Os Cempés) que viron as fotos nas redes sociais do festival da Anchoa en Fisterra, as que lles quitara a eles, e pensas, buffff, que responsabilidade. Tamén Sons Da Galiza (a publicación web) empezou a chamarme para colaborar con eles en moitos eventos.
Fun o fotógrafo do CD da volta de Os Cempés, "Tentemozo", e foi unha experiencia e vivencia brutal para "tratar" cos músicos mentras gravan...jejejeje. Logo veu Maghua, no que traballei nos dous cd’s que teñen, Nelson Quinteiro con "Gharbo", Marcelino Galán, Zenzar, Xabier Díaz... directos para Desaramar, Sumrrá, Magín, e compañías de teatro.
Traballei na imaxe de Ghazafellos (teatro), Os D'abaixo, Monkillos, Sergio Tannus, Talabarte, nos bailes de Os Cempés... e nas dúas edicións de Canción de autr@ do Concello de Teo. Na actualidade ando a voltas con Gelria (un trio que vai sacar un libro-cd musicando a poetas galegos), Fernando Barroso (no 2016 sairá o seu cd en solitario) e Aliboria (o grupo que está a armar Xose Lois Romero).
Com Elvis houbo um salto de estilo mercantilista na fotografia musical pois com ele explorarom o campo de acçom da sua figura a tope. E a partir de aí fotografias dos seguintes grupos mundiais que promoviam sonhos dos fans. Tu que fotografias a música feita em Galiza sem alma costumbrista qué pensas que aportas ou podes aportar, ou portas abres...
Pois aporto a miña visión humilde e moi dispar, a grupos de Jazz, Rock, e de música tradicional, e tento non variar "o modelo" que me gusta. Cando afronto un traballo de sesión ou para un cd, gosto de reunirme cos grupos e que flúa moito a conversa, sementar unha relación que despois se reflicta nas fotos, naturalidade, espontaneidade, non sei, as veces levas unha idea e vista en cámara non funciona e empeza a improvisación que non sempre sae coma che gustaría, pero sempre cos prazos de entrega apurando todo...
A música necessita de images para comunicar a sua mensagem de reinvençom pessoal e liberdade dizia o historiador Gail Buckland, aí temos as coletáneas de músicos populares galegos. Depois do som está a image para lembrar. No teu caso qué fotografos galegos consideras interesantes e te ajudarom ao que hoje tu vês?
Interesantes hai moitísimos e todos axudan a "mirar" mellor, dende os clásicos que ollaban, seguramente, sen a consciencia do que estaban a deixar para o futuro, Pacheco, Alberto Martí, Xose Castro, Virxilio Vieitez. De mediados a finais do século pasado: Xoan Piñón, Xulio Villariño , Gabriel Tizón, Sendón, Vari Caramés, Tono Arias... e na actualidade gosto moito do que fae xente coma Marta Moreiras, Otto Roca, David Barreiro, Roi Alonso, Amador Lorenzo, Roberto de la Torre, Silvia Mella, Jesús Madriñán, Pixelín ...etc e Jota Barros tanto na súa labor coma fotógrafo coma de docencia dende o seu blog Rubixephoto, onde amosa autenticas marabillas. Totalmente oposto está un gran amigo, Edu Pereira, que fae fotografía de fantasía, compartimos paixón e moitas conversas sobre fotografía, aínda que fagamos cousas antagónicas.
Tamen mamo moito do cine, é un aprendizaxe diferente, non tan pausado coma a fotografía, pero ofrece detalles nos que inspirarse.
Dis-me que repite-se na tua obra mais paisagística o tema do abandono. Laisser à bandon em francés é deixar o poder a alguem. E também a palavra bem do germano banna, “ban” leim que é castigo. Quero dizer, que este tema a mim vem-me dentro das minhas humildes fotografias. Sinto-me em principio catutivada polos espazos esquecidos, abandonados porque imagino possibilidades constructivas mas á vez respetoios com a sua energia. Qué te passa a ti com o abandono, pois...
O abandono é unha teima enorme, porque nunca teño o tempo que merece...jejeje. Gosto dese estado intermedio dos lugares, entre os últimos días da "fuxida" e os días en que a natureza reclama o seu espazo, noutrora roubado. É unha sensación bestial entrar en sitios "case" virxes... Estiven na fábrica de Tabacos de A Coruña, xusto antes de que entraran as maquinas a desfacer todo para construír a próxima delegación de xustiza da Xunta (creo), e foi algo "místico" o que sentín, aínda quedaban restos humans: champús, botas, enseres de todo tipo, albarans, sacos de tabaco. Coma se en calquer momento fora a aparecer unha liadora de tabaco a comezar a súa quenda. Esta sensación pasa poucas veces, porque hai sitios que xa están cheos de pintadas, restos de lumeradas e actos de vandalismo. Teño en mente facer unha recolleita das escolas unitarias do País, conversar coas mestras e mestres que as poboaron, con antigos alumnos, documentar o estado actual con fotos da época na que funcionaban esas escolas.
O fotográfo fundamentalmente é um observador, ou um colector de images ou? Nom sei. A sua mirada é um cadro em si mesma, a sua licencia poética creo. Quando tu comezaches a observar conscentemente e logo quando quixeches captar o instante para faze-lo se cabe infinito?
Son un re-colector de imaxes, certo. Hai moitas que quedan para a intimidade, como quen colecciona bolboretas nun caixón e nunca has vai ensinar. Hai un feito que ocorre en moitos fotógrafos, é esa necesidade de levar consigo a cámara, SEMPRE, coa tensión de que vai a ocorrer algo en calquer momento, axexando coma "un cazador"... adoita pasar que cando non levas a cámara e probable que ocorra algo marabilloso... Hai imaxes que son froito dun labor de investigación e outras totalmente espontáneas, telas porque levabas a cámara enriba , pouco máis. Son consciente do que fotografío ou vou fotografar, no momento en que sabes que tes a cámara contigo, ollas de outro xeito cando sabes que as fotos "están aí", axexantes, que o instante é fugaz, efémero... un ZAS e o perdes ou telo para sempre.
Em outubro do 2015 tiveches a oportunidade de travalhar com “foto fija” na coproduçom galego-dominicana “Sol y Luna”. Conta-nos por favor qué foi esta aventura, qué fixeches, com quem.
Unha aventura tremenda , unha experiencia brutal, ver coma fan cine dende dentro, en primeira persoa, as alegrías, as miserias, ser participe de algo así, foi un premio enorme. A película chamase "Sol y Luna", é unha comedia romántica dirixida por Pinky (Jose Enrique Pintor) e os protagonistas son Nerea Barros, Frank Perozo e Dalisa Alegría, tamén Manquiña, realiza un pequeno papel. A miña labor foi documentar e fotografar todo o que alí pasaba, retratos para prensa e redes, making-of, etc...
Neste mundo teu e no resto tem-se em conta o tema prémios convencionais ou oficiais. Ajudam ao curriculum parece ser, como os títulos. Tes seis de seis concelhos galegos. Seguirás a te presentar?
Claro, os premios, premios son. Axudan no eido económico, principalmente, a fotografía é un motor que consume moito, e calquer axuda é boa. Tamén tes a obriga de cinguir a mirada ás bases que propoñen os premios e iso contribúe a saír un pouco da "zona de confort" de fotografar cousas que probablemente nunca lles prestarías atención, ou visitar un concello que a priori non ten un valor especial, ou algo que ver, que despois descobres cousas marabillosas pouco coñecidas.
Existe um livro na Bretagne sobre músicos, cómo vivem, onde, entre entrevistas e fotos anda a narraçom de quem som os craques da música bretona e a expandirom polo mundo. Qué animas-te?
Animarme...??? jajaja, por suposto. Ora-ben, é un proxecto tremendamente ambicioso, moi laborioso, hai xente interesantísima polo País pouco coñecida e "recoñecida". Sería unha honra ser participe de semellante "historia".
Ugia Pedreira - Cobrantas
Com oito álbuns lançados, a cantora de Marful e ex-diretora do Centro Galego de Música Popular, aCentral Folque, cria este espaço para as cobrantas musicais feitas á mao, é dizer, pessoas e projectos musicais que ao meu entender sejam de alto risco, medulares, lumínicos, vertebrais, que prestem atenção á canteira e a deixar sementes prantadas arredor da música galega feita em qualquer parte do mundo. Em Cobrantas intentara-se chegar ao para qué e porque dos discos, livros, tendas, pub, músico, editoral ou ideia a desenvolver na atualidade.
Máis artigos de Ugia Pedreira aquí.