Por Cobrantas - Ugia Pedreira | Galiza | 17/08/2015
Uma mulher de vila, neste caso da fermosa Vila de Cedeira. Ali mamou a música tradicional desde pequecha coa gaita ao lombo e estudos musicais, logo comezou o seu alento a cantar. Andivo muitos palcos de diferentes paises, tocou con músicos e musicazos, cantou mil cantorias com outras vozes, deu aulas de canto- coraçom, deu aulas de música na educaçom oficial e agora coida ás duas Luas que a alumeam, é funcionária, tem um disco com um feixe de cançons que namoram ao seu público leal que a entende e lhe dá abrazos sonoros, asas para continuar...a voar.
Lembro cada lua de nascemento dos teus filhos, uma superlua na praia da rapadoira de Foz com wapp enviado, uma superlua indo para Ortigueira muito cedo e jà tavas no hospital de Ferrol. Qué tenhem as luas, um pam debaixo do braço ou vários no teu caso. Prémios, um disco fermosíssimo, qué tenhem as luas Guadi?
….as lúas moven mareas moven barrigas moven –nos, inspiran provocan desexan! ILUMINAN (que che vou contar a ti de Lúas)
É de muito público conhecido o teu passo por Berrogüetto (uma das bandas mais importantes desta última década na Galiza) como voz, gaiteira e co-compositora. Normalmente nom se fala das partes de atrás do artista por proteger (los, se), por amar muito, polo que seja sem justificar....mas habe-las hai-nas em todos os ofícios, o esforzo, o consenso, a inteligéncia emocional.... Cómo foi adaptar-te aos distintos instrumentos, adaptar as tuas letras a outras melodias, integrar o teu género aos dos teus companheiros e entre eles familia,o teu irmao.
A etapa de Berrogüetto é xunto coa etapa de Acentral a máis importante da miña vida artística. En Berrogüetto comezo a miña carreira profesional que como na vida pasa por distintos trances. É como facer múltiples masters adaptados á música ás vivencias aos amigos á profesión. Adaptarte a traballar con xente que domina moito máis ca ti e ir medrando e ir creando e irte diferenciando, para logo como na vida ir marchando e dar relevos….
Se boto a vista atrás doume conta do feliz que fun nesa etapa. Do que aprendín, no que errei, do que chorei e maldicín…e coa madurez como bandeira agora darme conta de que as cousas que non resultan agradables tamén forman parte da formación da persoa. E de que a harmonía de contrarios é a que move o mundo. Así que ser feliz provoca ser infeliz múltiples veces!
Si, ô. Dizias em Discopolis que o travalho com Nordestinas foi muito divertido. Mais alá do divertimento qué pensas que aportou este disco no momento em que o grabamos quando a música marinheira nom tava tam ancorada nos círculos musicais do país coma hoje em dia?
Sempre crín e sigo a crer que Nordestinas é un disco histórico.
Xorde nun momento emocional importante das vidas dos tres. E por outra banda e ti es sabedora da aposta pola idiosincrasia dos pobos mariñeiros, por unha reivindacación dos nosos cantos e pola concreción das experiencias comúns e persoais centradas nas nosas músicas. Foi un dos meus maiores praceres, unha homenaxe aos pobos cunha linguaxe contemporánea pasada polo noso filtro e a maiores foi unha experiencia emocional que me marcou. Tiven a sorte de rir a moreas, a feixes,a litros e polo seu carácter efímero non gardo nen un só recordo negativo…
Em Acadacanto da-me a impresom que conseguistedes um público que amou profundamente as vosas cançons de amor. Tu tes-lhe cantado muito ao amor e ao mar, que significa emocionalmente para ti o binomio Mar e Amor?
Cos anos son consciente de que amar a mares é o meu obxectivo na vida. Amor polo mar, pola música polas amizades, o amor de parella, o amor fratenal, o amor polas mulleres da miña vida! Múltiples amores,que se fornaron nun contexto común, a ollada ao mar.
Cómo foi o processo de composiçom do teu novo disco Luas de Agosto e Outubro ao pé de dos nenos Tiago e Carme e do teu companheiro Karlos?
Complexo pola falta de tempo, e aproveitable ao máximo. Creaba cando daba teta, cando ía a cama, cando sacaba media hora para sentarme ao piano, escribía no carro, grababa ideas no móvil mentres facía o xantar. Duchábame e inspirame na reverberación do baño…foi unha pasada. Foi un proceso básicamente sensorial a nivel perceptivo e expresivo. Non pasou un filtro conceptual case nen estético, baseouse na esencia e de aí ata a producción musical final.
Levas muitos anos na educaçom e escenário da música popular galega, quais som os cambios mais significativos que viviches na tua profesom desde que te adicaches profesionalmente a ela?
Se cadra estamos a viver un cambio semi xeracional. Os músicos e músicas veñen sobradamente preparados a nivel técnico e conceptual, máis creo que faltan propostas de xente nova que sorprendan. Aínda que creo moitas e moitos van polo camiño. As vellas vellos, aínda temos cousas que contar pero o noso camiño creo que é outro. A madurez separate da necesidade, para levarte a mundos distintos onde o que importa non é motivo de análise , simplemente importa.
O Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalim deu-nos muitos azos e ideias novas a toda a gente que ali nos juntamos, logo a presenza em Santiago também. Cómo foi para ti a nivel de aprendizagem pessoal esa época?
Como xa dixen creo que foi a etapa de formación máis intensa da miña vida. Aprendín moito de ti, de Pedro, das miñas alumnas e alumnos, dos compañeiros de aCentral, das diferenzas e das similitudes. Pasei a un discurso distinto e a un compromiso co traballo absoluto. Aí xurdeu Nordestin@s e Benzón dous discos que adoro.
Porqué adica-ches este disco ao concepto do matriarcado em contraposiçom com o patriarcado. Ou nom.
Adiquei este disco as mulleres, as nais e as non nais…ás da miña vida.Ás que me levan salvando o cú toda a vida.En canto ao tema matriarcas é unha ironía, unha poesía , unha oda ou unha canción. Unha canción de amor.
Ainda que nom aparece a figura do teu pai explicitamente, é de quem herdastes o talento musical e a paixom pola música tradicional desde a vila de Cedeira. Qué te ensinou teu pai para que podas seguir os pasos da musa música?
Meu pai ensinoume que a vida hai que vivila a tope, con intensidade, sen abogar polo arrepentimento.O amor polo propio, o orgullo do vivido do auténtico. Mais non me gustaría ter vivido coma el, nen con respecto á vida nen con respecto á música. Se cadra por iso son filla del e da miña nai.
Sabes da minha admiraçom (e a de Lua Awel) polo teu canto com os teus próprios dígitos. Para quando um disco de Guadi tocando o piano? ;-)
Un disco de piano e voz? ….se cadra dende a miña humildade podo tocar para que ti cantes os teus grandes temas, ou de cantalos contigo. Agora a pelota no teu tellado. ;-)
Ugia Pedreira - Cobrantas
Com oito álbuns lançados, a cantora de Marful e ex-diretora do Centro Galego de Música Popular, aCentral Folque, cria este espaço para as cobrantas musicais feitas á mao, é dizer, pessoas e projectos musicais que ao meu entender sejam de alto risco, medulares, lumínicos, vertebrais, que prestem atenção á canteira e a deixar sementes prantadas arredor da música galega feita em qualquer parte do mundo. Em Cobrantas intentara-se chegar ao para qué e porque dos discos, livros, tendas, pub, músico, editoral ou ideia a desenvolver na atualidade.
Máis artigos de Ugia Pedreira aquí.