Tony Lomba, o nosso crooner

Germán Fandiño ou Tony Lomba é o cavalo pura sangue da música feita em Galiza. Porqué? Porque é a minha opiniom, tenho critério punk como Lomba mas nom image. Um crooner dos que nascem e nom se fam que se dá ao 100% acima do cenário. Porqué? Porque tem talento a esgalha e é muito listo. Conhece a produçom, a comunicaçom de mass-meia musical e algumas coissas mais.

Por Cobrantas - Ugia Pedreira | Galiza | 09/10/2015

Comparte esta noticia

552139_396151673825712_999837618_n

Lomba nom passa desapercibido, viste sem vergonha como quer, sae ao recreo da vida escénica e parez realmente livre. Quizás.  Lomba tem uma voz inesquecíbel capaz de acarinhar ou rabunhar os corpos todos. Lomba é potencia gestual é um vendaval de ideias carregadas de humor e amor. A sua MLT, música ligeira transgresora, é justa e necessária nos locais musicais da Galiza, quase uma bendiçom poder ainda sentir aquel formigueiro no ventre que era a adolescência do fazer música, ele ainda guarda a mágia das formigas. Lomba é tam ele, tam seu que nom dislumbras na sua expresom namais que um ser jogando com a imaginaçom, descobrindose a si mesmo, e intentando ser feliz, por isso nos fai feliz, Germán.

Ai! Tivem tantas vezes na mente poder cantar contigo algum dia espero, em francês ou italiano, tampouco sei bem porqué, qué che parece?

Chegará o día. As mesmas ganas teño eu. Un bico e mil grazas polas túas palabras.

Eras de neno dos que tava cantando, danzando e inventando tudo o dia? 

Afirmativo. A miña nai encerrábame no patio (o cuarto da lavadora) despois de comer porque non paraba de cantar. Naceu o “wachu-wachu” de non aprenderme as letras das cancións, cousa negativa, pero á vez propulsaba o meu mundo imaxinario e elexía os fonemas que mellor lle ían a cada melodía.

Uma das cidades galegas que mais conhezo e amo é Vigo. Cómo era o Vigo da tua adolescéncia? 

Entramos nun terreo moi coplexo. Eu son desa xeración que lle tocou vivir coa politoxicomanía. Querer probalo todo era a misión, chegar á meta foi un marronazo. Estou para contalo, pero dexei moito amigo polo camiño.

Desgraciadamente non me preparei profesionalmente para a música e tirei polos derroteiros do “Walk on the wild side”, como dicía Lou Reed. A verdade é que disfrutei moito porque non era punk de imaxe pero si de criterio. Non fun un exemplo a seguir, aínda que nunca lle quixen facer mal a ninguén. 

A tua etapa madrilenha em qué consisteu, en qué se resume?

A primeira etapa foi facendo a mili con 19 anos e con todo isto que che conto, xa te podes facer unha idea. Foi brutal! A segunda etapa deu nun arrebato por deixar os estudos en terceiro de BUP con dúas asignaturas, traballaba nunha imprenta e metínme en nocturno a rematalas para irme a Madrid a facer un curso dun ano sobre realización e postproducción de vídeo e televisión. Saquei as dúas asignaturas e o curso cun notable. Paralelamente, traballaba en Boa Music (distribudora de discos) e facía prácticas nunha productora. Non tiña tempo para nada, pero é que non podía retornar perdendo. Paseino moi ben e foi unha etapa moi bonitiña na miña vida. Sentía que estaba a facer o que debía aínda que o espíritu guerreiro seguíao tendo.

552139_396151673825712_999837618_n

Semelha que gostas dos duetos,  é a tua melhor combinaçom... Qual é magia da química com Elio?

Principalmente porque non toco ningún instrumento é necesario para min. A química con Elio é brutal. Cando regresei de Madrid tiña que montar algo é Los 3 Sudamaricones foi a mellor fórmula. Deixei correr a miña tolería escénica con vestimentas "no pudore" e foi medrando. Elio máis eu coñecémonos como irmáns e el sabe domar ao cabalo tolo que levo dentro. É un musicazo e unha persoa brillante. Somos extremadamente diferentes pero cuns valores moi semellantes. As mans de Elio son “as riendas” cando me desboco e grazas a él, ás veces cabalgo  coma un pura sangue. Débolle muito a ese rapaz. Nunca quebraremos a nosa unión. Sabemos que temos algo moi gratificante para os dous e disfrutámolo como nenos. Pase o tempo que pase, sempre que nos xuntamos, creamos cousas flipantes. Elio é enorme.

Cómo definirias o lugar que ocupa a improvisaçom, a composiçom na tua acçom musical?

Por defecto, a impovisación é fundamental na miña forma de entender a música. Cos seus pros e contras. Nos momentos que de verdade me chega o climax é non saber que vai sair pola miña gorxa. Moitas veces, ata me sorprendo eu do que sae. Tamén ten o flipe de que é irrepetible. A indecente tara de utilizar a improvisación para compoñer me leva a poñerme de moi mal humor, pois sempre quedámonos coa primeira toma. É a mellor, a mais salvaxe, a mais pura.

Cómo vês a música em vivo na Galiza atualmente, refiro-me a relaçom tipo de locais, público, prezos, horarios, momento sociocultural...?

A música, e a cultura en xeral, sempre será a arma que teña o pobo para expresarse pacificamente. Eso doelle aos políticos e se non poden utilizalo, intentan marchitalo. Hai moita xente facendo cousas, pero é moi duro sobrevivir. Sempre cargaremos co sanbenito de: E ti que eres? Músico? O que che gusta e a farra e durmir ata o mediodía eh? O 21% é das maiores barbaridades de todos os tempos. A sinvergüencería está asentada e a xente repite co seu voto aos que catetamente pensan que a Cultura é ocio. A Historia sempre demostrou que o que queda das civilizacions é a CULTURA.

E cómo vês a situaçom do músico do 2015, quero dizer, quais som as debilidades e as fortalezas que se está a viver a nivel planetário?

Realmente dura. É insostenibel. Queremos vivir do noso traballo. A fortaleza é que fas algo no que crees e o disfrutas. Parece que o traballo é para sufrilo. Eu cando falo coa xente dígolles que traballo nun horario laboral normal e tamén cando eles están disfrutando. Non quero que digan ironicamente: Míralo, pobriño! Pero é que é moi sacrificado. Os cantantes temos que estar decindo que non a moitos momentos que outros poden disfrutar, e nós temos que clausuralos. 

Tocounos vivir a época transitoria das novas tecnoloxías e iso supón adaptarse. É dificil, pero tamén agradécese que un mismo non teña que depender da maquinaria e pode expoñer as súas expresions artísticas. 

552139_396151673825712_999837618_n

Das novas aventuras Lomba é agora caminhar com Manquiña. Um crooner selvagem e a elegancia dum manager me dis.... conta-nos mais por favore, presto!

É unha obra transgresora e feita polos dous coa axuda dos Zopilote (eses grandes charlatáns do mundo guionizado). Estamos convencidos que funcionará. O dia 15 de outubro imos presentala no Galileo Galilei e sacala fóra de Galiza. Temos pleno convencimento de que a xente vaino pasar “cojonudamente”. Ata o momento, a xente que a viu, disfrutouna como enanos. Manqui máis eu fixémonos un traxe a medida. Nos temos unha admiración mutua e seguimos atendendo un ao outro entre bamabalinas.

É a historia dun crooner dos anos 70 que tivo éxito en Torremolinos, Benidorm… e que apuntaba “maneras” de chegar moi alto, pero o sexo, as drogas, a noite... o mal vivir fíxolle perder o norte. Manqui que é un amigo da infancia, e á vez é manager, recupérano e obrígalle a seguir unhas pautas de cantante de música lixeira clásica. É un mánager algo rancio. Pero...Tony Lomba chegado un momento, ten que sacar as súas composicións e unha maneira de estar no escenario pouco pudorosa. Etc, etc, etc...

Manqui leva o peso do monólogo e eu a música. Aínda que interactuamos. Que a xente non lla perda porque é boa. 

MLT, Música Ligera Transgresora para dizer o que te peta com irreveréncia, isso seria o teu medio de comunicaçom pessoal por dize-lo dalguma maneira? A tua revoluçom pessoal com o mundo ou a tua forma de salvar-te e viver mais feliz ou..... qué sei eu.

Por que ten que ser cursi falar do amor? Non se fala na rúa de follar? Por que non se escriben cancións co vocabulario que usamos habitualmente? Que bonito é cantarlle ao amor ou desamor cun toque de humor, irónico. O amor non é solemnidade. É disfrutar, sufrir, expresar. O crooner ten que ter carisma, carácter.

Qué te move realmente para tar na escena e da-lo tudo, tar ao 100 % e em canal, ou isso é o que me imprime...

Eu non sirvo para subirme á escena e pasar desapercibido. Non é un encher o ego. É unha necesidade. Eu non podería pertencer a esa xeración brit-pop que actuaban case de costas ó público. Sinto unha forza descomunal cando paso os primeiros dez minutos e éntrame no corpo unhas turbulencias descomunais. Sinto que se apodera de min unha mescolanza de James Brown, Iggy Pop, Mika, David Bowie...e mil exemplos máis de artistas que pensan que se lles escapa a vida e non cren na reencarnación. O que non fagan nese momento non van poder repetilo. É un momento tan marabilloso que a instantaneidad che devora.

552139_396151673825712_999837618_n


Ugia Pedreira - Cobrantas

Com oito álbuns lançados, a cantora de Marful e ex-diretora do Centro Galego de Música Popular, aCentral Folque, cria este espaço para as cobrantas musicais feitas á mao, é dizer, pessoas e projectos musicais que ao meu entender sejam de alto risco, medulares, lumínicos, vertebrais, que prestem atenção á canteira e a deixar sementes prantadas arredor da música galega feita em qualquer parte do mundo. Em Cobrantas intentara-se chegar ao para qué e porque dos discos, livros, tendas, pub, músico, editoral ou ideia a desenvolver na atualidade.

Máis artigos de Ugia Pedreira aquí.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ugia Pedreira Com oito álbuns lançados, a cantora de Marful e diretora do Centro Galego de Música Popular, aCentral Folque, cria este espaço “para as cobrantas musicais feitas á mao, é dizer, pessoas e projectos musicais que ao meu entender sejam de alto risco, medulares, lumínicos, vertebrais, que prestem atenção á canteira e a deixar sementes prantadas arredor da música galega feita em qualquer parte do mundo. Em Cobrantas intentara-se chegar ao para qué e porque dos discos, livros, tendas, pub, músico, editoral ou ideia a desenvolver na atualidade”. A Central Folque