Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/01/2024 | Actualizada ás 18:36
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, destacou como "moi positivo" o protocolo que estenderá a todo o horario lectivo, incluídos os comedores e as actividades extraescolares, a prohibición xeral do uso dos móbiles nos centros educativos. En declaracións aos medios este venres, tras participar en Santiago nunha homenaxe a Valle-Inclán e Isaac Díaz Pardo, Rodríguez lembrou que "xa un número moi significativo" de colexios (ao redor de dous de cada tres) tiñan implantada esta medida que agora se establecerá en toda a Comunidade desde o luns, á volta do parón do Nadal. Os que non o facían, agregou, terán agora "un maior amparo".
En palabras do conselleiro, "todos os equipos directivos e o profesorado" cren que é positivo e, para ese efecto, "agora moitas comunidades autónomas" e mesmo o Ministerio, que "en principio se negou", seguiron o exemplo de Galicia. "Sabemos que é unha medida que, en xeral, foi moi ben recibida pola sociedade, polo conxunto da comunidade educativa, e a partir de aí hai experiencia creo que sobrada nos centros onde se implementou", subliñou.
Rodríguez explicou que o protocolo tamén recolle excepcións a esa prohibición. "O móbil en si mesmo non é unha mala ferramenta", por iso mesmo, o texto (que se publicou o xoves) contempla a posibilidade de que poida empregarse no ámbito pedagóxico e con "a supervisión dun profesor". Outro dos puntos do protocolo outorga unha capacidade de "autoorganizarse" nesta cuestión en ensinos de adultos, escolas oficiais de idiomas e conservatorios, polas súas características propias. Finalmente, o conselleiro de Educación aproveitou para facer un chamamento á "responsabilidade compartida" da sociedade, tamén as familias, para fomentar un bo uso dos dispositivos, que son "unha ferramenta tecnolóxica tan potente, tan de futuro e tan de presente".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.