Asturias, a diferenza de Galicia, sobe a alerta a nivel 2 e Euskadi toma precaucións fronte aos microplásticos

Besteiro pide que a Xunta eleve tamén o nivel de alerta. Ecoloxistas que se recollan os pláticos "sen demora".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/01/2024 | Actualizada ás 11:20

Comparte esta noticia

A conselleira de Desenvolvemento Económico, Sustentabilidade e Medio Ambiente, Arantxa Tapia, anunciou que se activou este martes en Euskadi o plan especial de Emerxencia por contaminación en ribeira do mar ante a previsible chegada de microplásticos á costa vasca, aínda que non prevén que sexa ao longo desta semana. Precisou que traballarán por eliminar ao máximo os residuos en alto mar, aínda que recoñeceu que probablemente chegarán ás praias vascas.

Tapia explicou que existe en Euskadi un plan especial de Emerxencia ante a contaminacion da ribeira do mar denominado "Itsasertza", que hoxe se decidiu activar e nas próximas horas o vicelehendakari primeiro, Josu Erkoreka, convocará a comisión asesora "Itsasertza" para facer un seguimento e unha coordinación de todas as actuacións que levarán a cabo.

A conselleira explicou que están a facer unha monitorización continua de onde se atopan os plásticos desde que se produciu o accidente do buque, de maneira que estas simulacións permiten analizar, en función das correntes, ventos, ondada, ou as mareas, como se pode ir aproximando á costa vasca. Segundo explicou, o que teñen que conseguir, "se é posible", é eliminar o máximo do que poida chegar á costa en alto mar, e sinalou que xa se contactou coas deputacións de Bizkaia e Gipuzkoa para que, en caso de chegada ás praias, tamén se activen todos os mecanismos de limpeza e de axuda.

Tapia insistiu en que todos os expertos están a dicir que "o ideal" é que ese plástico non chegue ás costas, e iso "significa que hai que actuar en alto mar". Tapia afirmou que hai tecnoloxía para recoller ese plástico pero probablemente "unha cantidade dese plástico chegará ás praias".

Imaxes da visita que o director xeral de Custodia do Territorio e Interior de Asturias, David Villar, fixo á praia de Peñarronda acompañado polos alcaldes de Castropol, Tapia de Casariego e Vegadeo
Imaxes da visita que o director xeral de Custodia do Territorio e Interior de Asturias, David Villar, fixo á praia de Peñarronda acompañado polos alcaldes de Castropol, Tapia de Casariego e Vegadeo | Fonte: GOBERNO DE ASTURIAS

ASTURIAS SOBE A ALERTA A NIVEL 2

O conselleiro de Fomento, Cooperación Local e Prevención de Incendios, Alejandro Calvo decretou, ás 10.24 horas, o paso a situación 2 do Plan Territorial de Continxencia por Contaminación Mariña Accidental no Principado de Asturias (Placampa) ante a "aparición xeneralizada" de microplásticos nos areais de toda a costa asturiana.

Esta situación contrasta co caso galego, onde a Xunta mantén o plan anticontaminación Camgal no nivel 1, correspondente a episodio de pequena gravidade. O Estado sinala que o Goberno galego debe elevar este grao para poder colaborar con medios.

Segundo informou o Servizo de Emerxencias do Principado de Asturias (SAIBA) en nota de prensa, a situación 2 permite incorporar ao dispositivo de limpeza e retirada, medios distintos aos municipais, incluíndo recursos estatais e a súa coordinación a través do Centro de Coordinación Operativa Integrada, onde están representadas as distintas administracións implicadas.

A primeira información sobre a aparición destes microplásticos na costa asturiana proporcionouna o Goberno da Xunta de Galicia o pasado 5 de xaneiro. Ese mesmo día, o Executivo asturiano asegurou que estaba a facer un seguimento da chegada destes pellets, procedentes dun barco que perdeu parte da carga fronte a Portugal.

CRÍTICAS DE BESTEIRO

Pola súa banda, o candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, instou ao Goberno galego a elevar o nivel de alerta pola presenza de 'pellets' na costa galega e acusou ao titular do Executivo autonómico, Alfonso Rueda, de "ocultar" o problema.

En declaracións aos medios na Illa de Arousa, Besteiro lembrou que hai un mes que Rueda, tamén candidato do PPdeG á reelección, "convocou eleccións". Tras iso, sinalou que "se foi de vacacións e ocultou o que estaba a ocorrer no litoral". "Un mes no que non se preocupou da xente do mar", dixo Besteiro, que avisou das consencuencias que esta marea de plásticos pode ter para o peixe e para o marisco. "En definitiva, un mes sen pisar nin unha soa praia do noso litoral, un mes que reflicte unha catástrofe non só ambiental, senón tamén institucional", sostivo.

Neste sentido, asegurou que el non culpa á Xunta da marea plástica, senón que acusa o presidente e ao Goberno galego de "ausencia, incompetencia e de mentir aos galegos". Fronte a iso, Besteiro sostivo que os galegos se merecen un goberno que lles diga a verdade e non lles amenta. O candidato socialista, que tamén censurou que a Xunta trate de "cargar o morto" ao vos concellos. "Á conselleira de Medio Ambiente só lle faltou dicir que os pellets saben ben", ironizou para comparar a reacción da Xunta, comparando a reacción da Xunta tardando varias semanas en activar o Plan de Alertas por Contaminación Mariña en Galicia (CAMGAL). 

ECOLOXISTAS

Sobre esta crise, a Coordinadora Ecoloxista de Asturias instou ás administracións competentes a recoller os microplásticos aparecidos nas costas asturiana e galega "de forma segura". Nunha nota de prensa, tamén reclamaron que se regule "sen demora" o problema e a falta de control dos colectores que caen dos barcos.

BRIGADA E COLECTOR DE RECOLLIDA

O conselleiro de Fomento, Cooperación Local e Prevención de Incendios do Principado de Asturias, Alejandro Calvo, indicou este martes que haberá unha brigada e un colector de recollida en todos os puntos do litoral onde se detecten pellets, que serán trasladados ás instalacións do consorcio de xestión de residuos, Cogersa.

"No caso de Asturias dispomos da costa mellor conservada de España, que ten unha consideración de protección ambiental toda ela e que ten máis de 30 elementos con especial protección e por tanto o noso nivel de atención ten que ser absolutamente exhaustivo", remarca. Nese sentido, argumenta a necesidade de contar con "todos os medios dispoñibles" e de coordinar a actuación entre administracións.

OS PELLETS CHEGAN A CANTABRIA

O conselleiro de Medio Ambiente de Cantabria, Roberto Media, confirmou a aparición de "pouca cantidade" de pellets en dúas praias da rexión, a de Prellezo, en Val de San Vicente, onde apareceron "oito ou dez", e a de Portio, en Piélagos, onde se atoparon uns "pouquiños".

Ademais, está a tentarse comprobar a presenza destes restos plásticos nas de Sonabia, en Liendo; en Canallave e Valdearenas, en Piélagos; e en San Vicente de la Barquera, desde onde se recibiron avisos sobre a súa presenza e ás que se trasladaron os técnicos para comprobalo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta