Voluntarios que limpan as praias tentan organizar unha manifestación para esta fin de semana

Aínda que a Xunta afirma que hai profesionais traballando nos areais, cando un se achega ata eles o único que se atopa é a xente do común que fai o que pode. Por iso, estes voluntarios tratarán de alzar a voz para que non se lle reste importancia a un asunto que xa recorda a moitos o acontecido co Prestige.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 09/01/2024 | Actualizada ás 12:28

Comparte esta noticia

As praias galegas seguen cheas de voluntarios que tratan de organizarse para limpar os microplásticos que, marea tras marea, seguen chegando ás nosas costas. Nalgunhas delas, pola composición da propia area de praia, confúndense coas propias pedriñas e fanse moi difíciles de ver. Noutras están tan esparexidos que aínda que se recollan cen quedan outros cen atrás. Nas que hai maior concentración están tan camuflados entre as algas que a súa separación adecuada é complicada. E así, no medio da choiva e o vento que asolaga Galicia estes días, centos de persoas tratan de rescatar o que poden para deixar os areais o máis limpos posible, ante o que xa consideran "pasotismo" da Xunta.

Voluntarios fan unha recollida de pellets de microplásticos da area, Galicia tras a contaminación masiva da costa galega con plástico
Voluntarios fan unha recollida de pellets de microplásticos da area, Galicia tras a contaminación masiva da costa galega con plástico | Fonte: Elena Fernández

Polo de agora os voluntarios deron aviso de máis de 70 praias con presenza de microplásticos, 42 delas documentadas a través de imaxes, aínda que a Xunta fala só de 30. Ante esta situación, nos grupos de organización de limpeza creados a través de WhatsApp e de Telegram (onde hai máis de 1.000 persoas), xa se baralla a posibilidade de manifestarse esta fin de semana. E é que despois de que a veciña Asturias activase directamente o nivel 2 de alerta despois de coñecer a chegada dos pellets ás súas praias, o que facilita a entrada de efectivos do Goberno central, e de que Galicia, a pesares de levar moito máis tempo nesta crise, siga no nivel 1, as reaccións non se fixeron esperar.

E é que aínda que o Goberno galego asegura que hai xente traballando no asunto e monitorando a chegada dos plásticos ás praias, cando un se achega aos areais o único que ve é a persoas do común, voluntarios, que co que teñen á man tratan de ir apañando como boamente poden os graniños de plástico. Tamén xente de diversas asociacións vinculadas ao mar e ecoloxistas, pero medios da Xunta ningún. Tanto é así que a día de hoxe os voluntarios aínda non saben que facer cos pellets recollidos, pois o único que se lles di é que non se poden tirar no contedor amarelo xunto a outros plásticos, que se deixen nalgún lado da praia para ser recollidos polo 112 ou Protección Civil, pero non hai ningún contedor específico para poder desbotalos. Como tampouco hai indicacións precisas sobre como realizar as recollidas para non danar os ecosistemas.

ORGANIZACIÓN

Voluntarios organizáronse este martes para limpar algunhas praias das provincias da Coruña e Pontevedra ás que chegou a vertedura dos pellets de plástico. Aínda que gran parte das limpezas xurdiron de forma espontánea por parte da cidadanía, a organizada en Nigrán está coordinada polo Concello e conta coa colaboración da Asociación de Escolas de Surf Patos e o Club Marítimo de Panxón.

Tal e como difundiron en redes sociais, o punto de encontro é o aparcadoiro das Escolas de Surf de Patos, desde onde saíron ás 10,00 horas. Ademais, lanzaron unha serie de recomendacións para proceder á limpeza. Entre elas, acudir con luvas, non escavar na area e limpar só a capa superficial, non extraer elementos naturais da praia, e manter distancia coas aves para evitar que se estresen, entre outros.

Tamén para este martes organizáronse limpezas na praia coruñesa de Barrañán, ás 15,30 horas; e na praia de Samil, ás 15,00 horas. A acción cidadá non se limita á limpeza de areais. A asociación NoiaLimpa, a primeira en dar a voz de alarma sobre a vertedura a mediados de decembro, lanzou unha recollida de firmas en liña para "parar a contaminación mariña de pellets e por unha nova normativa máis segura".

A través de Change.org, NoiaLimpa, Ecoloxistas en Acción, Plademar, Good Karma Projects, Redes de Sal, Festival Mar de Mares e Surfriders España, diríxense ao conselleiro de Mar, Alfonso Villares, e á ministra de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribera, para reunirse con eles e instalos a "tomar medidas inmediatas e efectivas para protexer o ecosistema mariño e que unha catástrofe como esta non se repita #nuncamais".

O PRESTIGE TAMÉN ERAN "UNS PEQUENOS HILIÑOS COMO DE PLASTILINA"

A Xunta asegurou estes días que "os pellets non son perigosos nin tóxicos", mentres que a Fiscalía de Medio Ambiente do Estado abriu xa dilixencias de investigación. O fiscal Antonio Vercher asegura que estes microplásticos si "presentan indicios de toxicidade". "Non son biodegradables, non poden eliminarse e contribúen á contaminación por microplásticos", asegurou nun documento avanzado pola Cadena SER. Ademais, mentres que a Xunta asegura que tivo coñecemento do asunto xa entrado este novo ano, o Concello de Ribeira desmínteo, pois foi o 13 de decembro cando apareceron os primeiros sacos en Corrubedo, e dende o municipio deuse aviso ao Goberno galego.

Todo isto fai lembrar a máis de un o desastre do Prestige. Naquel momento Mariano Rajoy, entón vicepresidente primeiro do Goberno de Aznar e ministro do Interior, dixo que saían "uns pequenos hiliños como de plastilina" do barco. Eses pequenos hiliños convertíronse en 125 toneladas de chapapote diarias. Tamén dicía que "a marea (negra) non vai chegar ás Rías Baixas". Federico Trillo, ministro de Defensa pola época, asegurou que os avións da Armada que sobrevoaban a zona "para detectar se había fugas de petróleo que puideran poñer en perigo as nosas costas ou o norte da costa portuguesa" non viran nada. Na costa, os mariñeiros botaban as mans á cabeza porque o chapapote xa afectaba daquela a 295 quilómetros de costa.

O por aquel entón presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, trataba de calmar os ánimos dicindo que "se fai falla, vólvome bañar como en Palomares". Miguel Arias Cañete, entón ministro de Agricultura, Pesca e Gandaría, dicía: "Afortunadamente, a rápida intervención das autoridades españolas alonxando o barco das costas fai que non temamos unha catástrofe ecolóxica, como sucedeu noutras ocasións, nin prevemos grandes problemas nas augas españolas nin para os recursos pesqueiros". E cando xa había máis de 130 praias afectadas dixo: "A vertedura afecta a unha estensión moi importante, pero non é unha marea negra". Arsenio Fernández de Mesa, delegado do Goberno en Galicia, un día despois do SOS do barco afirmou que "probablemente o chapapote non toque a costa galega; o destino do chapapote no fondo do mar é convertirse en adoquín". 

O PROTOCOLO DE ACTUACIÓN DA XUNTA PARA OS CONCELLOS

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, enviou a máis alcaldes a carta que xa remitiu a semana pasada, o xoves 4 de xaneiro, a concellos costeiros cun protocolo de actuación e de reclamación de danos fronte aos pellets de plástico chegados nos últimos días ao litoral galego. Villares insiste nas "competencias que ten a administración local" na limpeza das praias e, para ese efecto, proponlles un protocolo para recompilar nun informe estes labores e os seus custos.

A intención é que, posteriormente, a Xunta faga "chegar esa información" a Maersk, empresa armadora do mercante 'Tocanao', que o 8 de decembro perdeu fronte ás costas portuguesas varios colectores con máis de 26 toneladas deste material en total. Con este fin, o Goberno galego suxire aos concellos que redacten un informe no que figuren datos como a descrición do lugar contaminado, a identificación do reclamante dos custos de limpeza, cuantificación da afección ambiental, unha reportaxe gráfica da vertedura, medios materiais e humanos empregados, así como xustificación de gastos con facturas, entre outros.

"Aproveito para expresar a máxima colaboración da Xunta de Galicia para colaborar en todo o preciso para actuar, no marco das súas competencias, coa maior dilixencia e eficacia fronte a esta situación en protección do noso litoral", conclúe a carta de Villares aos alcaldes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta