Eles teñen sempre presente que o seu poder xurdiu do éxito da súa rebelión contra o anterior círculo dominante e das súas continuas guerras para manterse no poder. Temen que xurdan revoltas e motíns e por iso crearon unha política asentada nos coñecementos da Polemoloxía, Oratoria e o principio filosófico do Amoralismo. Ao seu réxime oligárquico fanlle chamar “Sistema Xeneroso”, ou “Réxime Xeneroso”. E á imposición dos seus privilexios “Xenerosía”.
No seu Réxime Xeneroso os cargos sortéanse entre os candidatos das diferentes faccións ou negociados, e así a Axenda Xenerosa está asegurada con esta refinadísima añagaza. O Pobo elixe unhas bólas con números que levan de casa e deposítanas nuns recipientes. Unhas persoas tamén elixidas por sorteo contan as bólas e os números asignados nelas, e así conceden os premios do sorteo, os cargos públicos, a aqueles que teñan máis números de bólas. Os números con máis posibilidades de saír elixidos repártenllos entre os amigos dos xefes facciosos ou directivos dos negociados.
O poder real está nos nosos amigos oligarcas, mais o Pobo cre que os cargos sorteados ostentan potestade, cando unicamente regulan a limpeza pública, empedrado de rúas e calzadas, festas e cousas baladíes. O decisivo decídeno os oligarcas converténdoo en leis obrigatorias a través dos diferentes senados creados para ese labor. Os cargos sorteados votan nas asembleas sempre a Axenda Xenerosa. Todos os gastos, despilfarros, subornos e barrumbadas págaos o Pobo. A iso fanlle chamar Xenerosía.
Asisto ultimamente a un faladoiro onde participan os grandes filósofos e pensadores de Réxime Xeneroso. O máis destacado traballa como profesor na Universidade impartindo clases de moral, lóxica, teoloxía natural, ética, xurisprudencia e economía política. Á miña pregunta sobre como viven os habitantes na Republica Xenerosa, moi razonadamente contestoume:
“Un home ha de vivir sempre do seu traballo, e o seu salario debe polo menos ser capaz de mantelo. Na maior parte dos casos debe ser capaz de máis; se non lle será imposible manter á súa familia, e a raza dos traballadores extinguiríase pasada unha xeración. O Sr. Cantillon supón por esta razón que en todas partes os traballadores máis modestos deben gañar polo menos o dobre do que necesitan para subsistir, para que poidan por parellas criar dous fillos; e supón que o traballo da muller, que se encarga de crialos, só alcanza para a súa propia subsistencia”.
Razoou a magnificencia do seu réxime: “o traballo dun escravo vale o dobre do que custa a súa subsistencia; e el pensa que o do traballador máis modesto non pode valer menos que o dun escravo. É entón evidente que para poder manter a unha familia, o traballo conxunto do marido e a muller, mesmo nos labores máis modestos, debe ser capaz de gañar máis do necesario para a súa propia subsistencia”.
Dentro dunhas semanas vanse sortear os cargos públicos dunha rexión do norte da Republica. Convidáronme observar o procedemento e irei acompañado do profesor de Moral. As súas explicacións, análises e método de dominación son merecedores de análises. Estou a tomar notas do brillante pensamento do profesor para enviarchas e que sexan analizadas polos nosos científicos. Debo recoñecer, oh estimado amigo Terámenes!, que me conmovo ante a astucia da añagaza. O profesor de moral vende os seus libros e son de fácil lectura, os ambientes cultos estúdano, nada hai oculto á masa; a dedución é que os outrora servos dan grazas hoxe por vivir no flamante réxime de xenerosidade. Seguirei narrándoche as deliciosas proezas da gresca.