O novo perigo tecnolóxico: nenos que xogan a videoxogos para maiores de 18 anos

Videoxogos como o 'GTA', baseados na prostitución e na violencia sobre a muller, están ano tras ano no 'top 10' de ventas. O investigador da USC Antonio Rial Boubeta considera que "habería que facerse mirar, como sociedade, o feito de que alguén poida xogar, divertirse e pasar o rato con iso, e que lle sexa pracenteiro xogar a iso". "Pon a rapaces de 12 anos a xogar a iso e séntate a agardar, a ver que porcentaxe deles remata incurrindo neste tipo de condutas", plantexa.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 24/01/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os videoxogos son practicamente a principal forma de entretemento dos rapaces máis pequenos da nosa sociedade. Se antes xogaban con bonecos ou con coches, hoxe por hoxe todo iso xa o fan nas consolas, onde teñen títulos de todas as variedades para elixir. Milleiros e milleiros de títulos que saen cada mes e que, a conta da adicción de moitos dos pequenos, fanse multimillonarios. Con todo, hoxe vimos falar do seu contido, e é que os videoxogos de por si non son malos, o que é verdadeiramente malo é o seu contido se non é o apropiado ou o eticamente aceptable nunha sociedade civilizada. Hai xogos de aprendizaxe ou outros que contan historias que nada teñen de malo, pero eses non adoitan estar entre os máis vendidos. Fagamos un repaso polo 'top ten' do pasado ano e preguntémoslle a un experto na materia, o doutor en Psicoloxía e profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Antonio Rial Boubeta, pola cuestión.

Escea do videoxogo 'Cyberpunk'
Escea do videoxogo 'Cyberpunk' | Fonte: Commons

Segundo a plataforma de xogo 'Steam' (para PC), entre os títulos máis xogados de 2023 están: 'Baldur's Gate 3' (para máis de 18 anos); 'Hogwarts Legacy'; 'Goose Goose Duck'; 'Destiny 2' (para máis de 16); 'Starfield' (para máis de 18); 'Dota 2'; 'Counter Strike 2' (para máis de 16); 'PUBG: Battlegrounds' (para máis de 16); 'Sons of the Forest' (para máis de 18); 'Lost Ark' (para máis de 16); 'Apex Legends' (para máis de 16); 'Cyberpunk 2077' (para máis de 18); 'GTA 5' (para máis de 18); 'Path of Exile' (para máis de 18); 'The Finals'; 'Armored Core VI'; 'Naraka: Bladepoint'; 'Resident Evil 4' (para máis de 18); 'Call of Duty HQ (Warzone, Modern Warfare II e Modern Warfare III)' (para máis de 18); 'Team Fortress 2' (para máis de 16); 'Rust' (para máis de 16); e 'Lethal Company' (para máis de 16 anos). Entre estes 20 títulos, atopamos un total de 8 que non son recomendados para menores de 18 anos, e varios que non o son para menores de 16. Pero, como apunta Rial Boubeta, segundo a propia patronal do videoxogo, en España o 84 % dos menores de 11 a  14 anos xoga a videoxogos habitualmente, e tamén o 79 % dos menores de 6 a 10 anos, é dicir, "o principal cliente da industria son os nenos". 

"Que xogue moito e durante moitos días a videoxogos xa de por si é un problema, pois pode acabar desenvolvendo unha adicción, manifestando problemas de agresividade, trastornos no sono e moitas outras consecuencias, pero cando se analiza tamén a que está xogando o rapaz, ahí xa nos atopamos cun problema aínda maior", asegura Rial Boubeta. Como apunta, os videoxogos, por lei, deben estar clasificados por idade. Aqueles que levan na súa carátula a etiqueta PEGI 18 significa que non están recomendados para menores desa idade, pois así foron catalogados pola Unión Europea. Ademais, como indica o experto, a lei obriga aos creadores a poñer ao carón da etiqueta vermella de PEGI 18 (Pan European Game Information) unha serie de logotipos que advirten de que ese xogo ten sexo explícito, violencia explícita, lenguaxe soez, drogas... "E sempre hai máis dun par de xogos con estas características que se atopan entre o 'top' ventas xeral do ano", afirma.

A TASA DE NENOS QUE EXERCEN 'BULLYING' DUPLÍCASE ENTRE OS QUE XOGAN A ESTE TIPO DE VIDEOXOGOS CON VIOLENCIA

Partindo desa base, cal é a porcentaxe de rapaces que xoga en Galicia ou en España de maneira máis ou menos habitual a este tipo de videoxogos non aptos para a súa idade? Rial Boubeta recupera neste punto uns estudos que realizaron investigadores da USC, entre os que se inclúe, no ano 2021, con Unicef, e no 2022, coa Fundación Barrié, nos que entrevistaron a mozos e mozas de toda España, tamén de Galicia, un total de 50.000 no primeiro caso e de 10.000 no segundo. Os datos foron coincidentes: "Máis do 40 % de rapaces que xoga a videoxogos faino a xogos que teñen eses contidos non aptos para menores de 18, e que inclúen todas esas cousas, dende violencia sexual ata agresións para maiores de 18", revela o profesor Rial, que asegura que, "en termos globais, un de cada tres rapaces en Galicia ou en España xogan a estes contidos non aptos para a súa idade".

Escea do videoxogo 'Cyberpunk'
Escea do videoxogo 'Cyberpunk' | Fonte: Commons

Ante esta realidade, alarmante, a pregunta que hai que facerse é: como lles afecta o consumo deste tipo de contidos? Teñen influencia sobre eles? "Hai moitas hipóteses que manexan investigadores a nivel internacional e nós, dende a USC, tratamos de verificalas", explica o experto. E, efectivamente, semella que "xogar a estes videoxogos pode influír na normalización de condutas ou actitudes contrarias á convivencia, é dicir, conductas violentas ou doutro tipo". Canto máis? "Se temos en conta que son rapaces moi pequenos, de 11, 12 ou 13 anos, vemos que a tasa de agresores, de nenos que exercen 'bullying' e acoso escolar sobre os seus compañeiros, se duplica entre os rapaces que consumen de maneira regular este tipo de contidos a través dos videoxogos", conclúe Rial Boubeta, algo que considera como "lóxico". Ademais, tamén hai evidencias de que "o consumo de pornografía e o consumo deste tipo de videoxogos son vasos comunicantes, e unha cousa sumada á outra deriva en actitudes de normalización das agresións sexuais e mesmo nun maior potencial de ver como algo normal este tipo de cousas, e poder chegar potencialmente a exercelas ou a sufrilas".

"UN VIDEOXOGO TEN A CAPACIDADE DE MODELAR O TIPO DE PERSOAS NAS QUE SE PODEN CONVERTIR OS NOSOS FILLOS"

Vemos títulos como 'Cyberpunk' ou 'GTA' nos que o propio argumento dos xogos se centra na prostitución e na cousificación da muller, con sexo agresivo explícito, nús continuos e violencia de xénero. Dende o Goberno fanse continuamente campañas de prevención contra a violencia de xénero, pero logo estes videoxogos reprodúcena. Como é posible? "Eu non entendo que nun país libre e democrático, pero cívico, iso sexa obxecto de diversión por parte de alguén, sexa maior ou menor de idade", reflexiona o profesor da USC, que incide en que "afeccionarte a iso ten tela". "Primeiro habería que miralo dende o punto de vista ético, que xa é moi moi discutible, pero tamén o teriamos que mirar como sociedade, o feito de que alguén poida xogar, divertirse e pasar o rato con iso, e que lle sexa pracenteiro xogar a iso", plantexa o experto. Conta que nalgún foro houbo xente do público que lle dixo que xogaba ao 'GTA' e que non ía por aí violando nin matando á xente, e a súa resposta foi sinxela: "Cantos anos ten vostede? 48. Non hai máis preguntas". 

"Pon a rapaces de 12 anos a xogar a iso e séntate a agardar, a ver que porcentaxe deles remata incurrindo neste tipo de condutas", argumenta Rial Boubeta, que engade que "como se non se explica o que está a pasar coas agresións sexuais exercidas e sufridas por menores de 14 anos? Cada vez hai máis exemplos". E é que, na súa opinión, "algo terá que ver, algo haberá no seu día a día e no ambiente que o invite, canto menos, a normalizar esas actuacións, e mesmo o feito de que lle sexa pracenteiro, excitante...". Para o investigador, os videoxogos e a industria da pornografía tamén son vasos comunicantes. Ademais, pon o acento na influencia que teñen os 'youtubers', os 'tiktokers', os 'instagramers' e os chamados 'influencers' en xeral sobre os rapaces, porque "os vén xogando e eles tamén queren". Finalmente, Rial advirte de que "un videoxogo ten unha capacidade de modelar o tipo de persoas nas que se poden convertir os nosos fillos brutal, porque somos o que facemos cada día, o que construímos cada día".

Escena do videoxogo 'GTA'
Escena do videoxogo 'GTA' | Fonte: Commons
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta