Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/01/2024 | Actualizada ás 22:15
O Tenébrio molitor e o Zophobas morio. Teñen nomes de sagas fantásticas pero estes vermes poden ser unha das solucións contra os plásticos que contaminan os ecosistemas. Iso cando menos é o que apunta un estudo de investigadores brasileiros que utilizaron estas larvas, e outras, como biodegradables naturais de distintos tipos de polietileno, a base principal dos microplásticos que nas últimas semanas están chegando á costa galega.
"Análise comparativa utilizando Tenébrio molitor e Zophobas morio: degradação de diferentes tipos de plástico", publicado en Scientia Naturalis polos investigadores e agrónomos brasileiros Izabella Aline Ferreira, Alessandra Arissa Numai, Lucas Cunha Foster, Maria Aline Martinez, Marcilene Ferrari Barriquello Consolin, Nelson Consolin Filho e José Hilton Bernardino de Araújo comparou a degradación causada en catro tipos de plástico polas larvas de dúas especies de vermes, o Tenébrio molitor e o Zophobas morio.
Os tipos de plásticos utilizados nos experimentos foron o polietileno tereftalato (PET), Polietileno de baixa densidade (PEBD), poliestireno expandido (EPS) e polipropileno (PP). Na avaliación da biodegradación utilizáronse 10 larvas de Tenébrio molitor e Zophobas morio colocadas en distintos potes contendo un tipo de plástico (4 potes co Tenébrio molitor e 4 con Zophobas morio, e 4 potes contendo cada tipo de plástico e 10 gramos de pataca, como fonte de humidade).
As mostras de plásticos e as larvas eran pesadas semanalmente durante o período do experimento (7 semanas). Esas especies axudaron no proceso de descomposición dos plásticos, principalmente no caso do EPS e PEBD sen a presenza de pataca. Para a especie Zophobas morio, o índice de degradación do EPS foi 21,75% e para a especie Tenébrio molitor, foi do 2,91%. Canto ao índice de degradación de PEBD foi do 0,15% utilizando a especie Zophobas morio e 2,93% coa especie Tenébrio molitor.
Segundo o estudo, o non consumo dos plásticos PP e PET é debido a que os materiais son máis ríxidos que os EPS e PEBD, o que levou ao seu rexeitamento por parte das larvas. Con todo, tamén alerta de que, durante o experimento, tamén se atoparon micropartículas, provocadas polas larvas ao inxerir os plásticos o que, segundo os investigadores "agravaría máis a problemática ambiental". Por tanto, recomendan realizar estudos máis afondados, con análises deses residuos degradados, para mellores conclusións sobre posíbeis beneficios ou malefícios ambientais.
Tanto os fungos como os vermes poden ofrecer unha alternativa a métodos que, como o enterramento de residuos plásticos en vertedoiros ou a incineración
OUTRAS PROBAS CON FUNGOS
Estes experimentos non son os primeiros. O pasado ano, npj Materials Degradation publicaba un novo estudo realizado por investigadores da Universidade de Sydney que conseguiu biodegradar con éxito o polipropileno utilizando para iso dúas cepas comúns de fungos.
Normalmente atopados no chan e as plantas, o Aspergillus terreus e Engyodontium album puideron descompor o polipropileno despois de tratalo previamente con luz ultravioleta ou calor, o que reduciu o plástico nun 21% durante 30 días de incubación e nun 25%-27% durante 90 días.
Previamente, en distintas probas de laboratorio científicos do World Agroforestry Centre e do Instituto Botánico Kunming, en China, descubriron nunha especie de fungo, coñecido cientificamente como Aspergillus tubingensis, que tamén funciona como biodegradante natural dos plásticos.
O Aspergillus tubingensis é un fungo que crece en superficies plásticas, sobre as que segrega unhas encimas que rompen as ligazóns químicas das moléculas plásticas e descompoñen os polímeros. Con todo, o rendemento destes fungos na descomposición do plástico vese influído por factores ambientais, como os niveis de pH ou a temperatura.
Segundo os científicos, tanto os fungos como os vermes poden ofrecer unha alternativa a métodos que, como o enterramento de residuos plásticos en vertedoiros ou a incineración, non son suficientemente sustentables para enfrontar este desafío ao medioambiente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.