A empresa propietaria da mina de San Fins é imputada por delitos contra o ambiente, segundo ecoloxistas

Organizacións ecoloxistas e do mar convocan unha concentración en Noia esixindo acabar coas verteduras con metais pesados.

Por Galicia Confidencial | Noia | 24/01/2024 | Actualizada ás 10:07

Comparte esta noticia

O Xulgado de Instrución N.º 2 de Noia ven de chamar a declarar a Tungsten San Finx, S.L., empresa concesionaria da mina de San Fins, en Lousame, como investigada por presuntos delitos contra os recursos naturais e o ambiente, logo de que nas dilixencias penais se evidenciaran os altos niveis de concentración de metais pesados que as verteduras da mina está inxectando no medio natural.

Protesta contra a mina de San Fins
Protesta contra a mina de San Fins | Fonte: Ecoloxistas contra San Finx - Ecoloxistas en Acción

Segundo apuntan Ecoloxistas en Acción, testemuñan esta nociva contaminación os contundentes informes achegados tanto polo SEPRONA, como pola acusación popular ambiental exercida polas cofradías de Noia e Portosín e organizacións ecoloxistas. Ecoloxistas e cofradías sinalan que nas últimas analíticas, do pasado mes de outubro, os niveis de cadmio augas abaixo do punto de vertedura superaban 100 veces os niveis máximos permitidos pola lexislación.

O representante da empresa, Miguel Cabal Lorenzo, deberá comparecer ante o Xulgado o próximo 1 de fevereiro ás 10 da maña, circunstancia que aproveitaran os colectivos ecoloxistas e do mar para demandar solucións. Unha protesta ante a negativa da empresa mineira e da Xunta a adoptar as medidas necesarias para evitar as verteduras que veñen propoñendo os colectivos. 

“O xoves 1 concentraremonos diante do xulgado para esixir o selado de galerías e escombreiras e a retirada dos residuos mineiros acumulados no río, e rematar así coas verteduras de metais pesados“, anuncia Joám Evans, voceiro da plataforma comarcal e de Ecoloxistas en Acción.

EVITAR A FUGA DA EMPRESA

Desde cofradías e organizacións ecoloxistas demandan medidas para que a empresa non se dea á fuga, como fixeron anteriormente Sacyr en 2021 e a australiana Pivotal Metals o pasado verán. Por iso, ademais de reclamar a Augas de Galicia que impoña o cobro do canon de control de verteduras, que cifran en 30 millóns de euros, solicitaron ante o propio Xulgado de Noia que se adopten medidas cautelares obrigando á empresa a iniciar actuación urxente para a reinundación e selado da mina.

Desde a Plataforma comarcal contra as verteduras da mina de San Finx advirten que é necesario protexer de xeito efectivo a ría frente á contaminación por metais pesados, que suma a outros problemas recorrentes como as deficiencias no saneamento, a mala xestión da central hidroeléctrica do Tambre ou a recen chegada masiva de plásticos. Por iso, animan á veciñanza a achegarse o xoves día 1 aos Xulgados de Noia para informarse e defender o futuro da ría ante as continuas agresións ambientais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta