Converso co taxista, un mozo de rasgos quechua: “Y usted vive en Quito?”
-“He venido a visitar a mi esposa”
-“¿Y es la primera vez que viene?”
--“No, he estado varias veces antes, ahora voy al MCCH a visitar a unos amigos”
-“Ah, ¿va usted a Maquita?. Que bueno, ¿y conoce al Padre Grazziano?”.
Si, dígome para min mesmo, coñezo ao Padre Grazziano, e pregúntome si algún día me podería esquecer del... e sobre todo do que co paso dos anos ten contribuído a construír.
Fai xa mais dunha década, nunha das primeiras viaxes a Ecuador, acompañado dun bo compañeiro do COSAL, Comité de Solidariedade con América Latina, percorremos o país visitando proxectos de diferentes ONGDs, entre eles varios proxectos do MCCH, Maquita Cushunchic-Comercializando como Hermanos, coñecida como Maquita. Daquela visitamos varias cooperativas de cacao na provincia de Esmeraldas, daquela coñecimos a persoas da valía do Padre Grazziano, ou a directora executiva da organización, María Jesús Pérez.
Maquita é con toda probabilidade unha grande descoñecida entre nos, tal vez os asiduos ás tendas de comercio xusto podan recoñecer a súa marca, o seu logotipo con dúas mans, en paquetes de panela ou de cacao, pero serán, seremos, uns poucos. Case todos coñecemos o nome dunhas cantas ONGD europeas, cando menos das mais importantes, daquelas que se anuncian na TV ou de quenes os seus comerciais nos paran na rúa de calquera cidade para ofrecernos facernos socios: Médicos Sen Fronteiras, Acción contra a Fame, Axuda en Acción, Aldeas Infantiles, World Vision… e moitas outras… Ao final poucos coñecemos a realidade dos países do Sur e poucos coñecemos a realidade das organizacións que día a día traballan cos mais desfavorecidos, cos pequenos agricultores, coas mulleres dos barrios pobres, cos nenos da rúa… Poucos coñecemos sequera un nome dalgunha das centenares, dos milleiros, de pequenas, e as veces non tan que pequenas, organizacións locais que fan posible que as nosas aportacións se convertan en accións que combatan a pobreza, a desigualdade, a inxustiza en tantas formas como esta se manifesta.
Aínda que o traballo de Maquita se desenvolve en diferentes áreas, como a produción de artesanías ou o turismo solidario, a súa labor mais destacada desenvólvese no apoio aos produtores agrarios de cacao, a través da empresa social AgroMaquita, na que dunha ou outra forma participan case 24.000 familias campesiñas, en concreto produtoras da variedade “Cacao fino de aroma”, a materia prima mais apreciada para fabricar os chocolates da maior calidade. Vinte catro mil familias organizadas en 186 organizacións de base nas provincias de Esmeraldas, Manabí, Los Rios, Guayas, El Oro e Bólivar.
Maquita leva 30 anos traballando, 30 anos de duro traballo, e a súa labor no mundo campesiño está impregnada de valores como a igualdade, a equidade, o compromiso social, a promoción da muller, a sostenibilidade medioambiental, o empoderamento.. O froito do inmenso esforzo está avalado polos números: en 1991 o MCCH exportou 36 toneladas de cacao. En 2014 a cifra foi de mais de 9.000 toneladas, convertido á organización na sexta exportadora ecuatoriana de cacao, entre un total de 42.
Ao longo destes anos esta organización ecuatoriana ten contado coa colaboración solidaria de ONGDs como Mans Unidas, Intermón Oxfam, Solidarios, ou a organización galega Amarante que chegou a importar directamente panela para as súas tendas de comercio xusto. A propia María Jesús, xa fai anos, estivo en Galicia convidada pola Coordinadora Galega de ONGDs para dar a coñecer a labor do MCCH.
Paso parte do día con María Jesús , unha monxa franciscana de La Bañeza, unha desas persoas que fan un traballo constante, incansable, a prol das persoas que o necesitan, que fan da súa vida un exemplo de compromiso social, unha desas persoas que cando as coñeces te das contas que é do tipo de persoa que fai o mundo mellor día a día. Falamos do futuro da organización, de como a diminución dos fondos españois para cooperación ao desenvolvemento lles ten afectado, da situación de Ecuador, falamos un pouco da vida... dos seus primeiros anos, fai xa tanto, en Ecuador. Acabamos o encontro xa ben entrada a tarde, ela aínda ten que preparar unha viaxe ao día seguinte a Guayaquil, cidade na que ten a súa sede a exportadora de cacao. Igual que fai mais de dez anos teño que rexeitar o convite a acompañala, ten que quedar para outra vez, ao día seguinte xa tiña axendada outra reunión que non podía aprazar.
Despedímonos. O garda de seguridade para un taxi na rúa. Facemos o camiño de volta pola avenida Pedro Vicente Maldonado, alonxámonos do Barrio Sur. Dentro dun rato seguirei no mesmo Quito, pero estarei noutro mundo, lonxe de aquí, moi moi lonxe. Moi lonxe das persoas que teñen que aferrarse á vida como si se tratara dun toro mecánico que brinca con todas as súas forzas para derrubalos, para deixalos lonxe do progreso, para deixalos sen futuro. Persoas que son as que contan para organizacións como o MCCH ou o Fondo Ecuatoriano Populorum Progressio, organizacións de inspiración católica, que fan da xustiza social a súa razón de ser.
A última hora da tarde mentres camiño con Nohemí para encontrarnos cuns amigos coméntolle a visita, e planeo con ela que a próxima vez temos que quedar a xantar ou cear con María Jesús para que a coñeza. Coméntolle que é unha magoa que aínda que o Código de Conducta das ONG de Desenvolvemento fala de que se lle debe dar a suficiente relevancia ao traballo das organizacións locais, ás organizacións do Sur que coñecemos como contrapartes, teño a impresión de que demasiadas veces isto é obviado. O seu comentario é en forma de pregunta: “E por qué non falas ti de Maquita?”.