Coren alerta da grave situación do sector agroalimentario tras as masivas protestas en Europa

"Desde o sector agroalimentario compartimos a preocupación ante a inviabilidade económica á que se está abocando aos produtores europeos", asegura.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 05/02/2024 | Actualizada ás 20:40

Comparte esta noticia

O Grupo Coren alerta da grave situaicón que vive o sector agroalimentario galego, especialmente, tras a crise que sofren os produtores e amosa o seu posicionamento como parte integrante do sector agroalimentario:

Sede central de Coren. Foto: Comunicación Coren.
Sede central de Coren. Foto: Comunicación Coren.

Nas últimas semanas estendéronse en Europa as protestas dos agricultores ante a crise que atravesan os produtores e que está a poñer en xaque a súa viabilidade. A principal causa é o baixo prezo percibido polos produtos agroalimentarios, nun contexto de continua subida de custos polo encarecemento das materias primas, electricidade, combustibles e outras subministracións.

A iso súmase o rexeitamento á incoherencia das políticas da Unión Europea, que é cada vez máis estrita nas súas normas de produción, calidade, sanidade e medio ambiente, pero ao mesmo tempo permite a entrada de produtos con prezos moito máis baixos procedentes de países extracomunitarios como Brasil ou China, que non teñen as garantías para o consumidor que si cumpren os produtos europeos.

As protestas comezaron en Francia, estendéronse a outros países europeos e empezan a chegar a España, onde a situación do sector é tan crítica como no resto de Europa ou mesmo máis, xa que os prezos percibidos polos produtos agroalimentarios en España son notablemente inferiores, o que en moitos casos practicamente non dá para cubrir custos e aboca a moitos produtores á ruína.

"Desde o sector agroalimentario compartimos a preocupación ante a inviabilidade económica á que se está abocando aos produtores europeos. A sociedade ten que ser consciente da importancia de que os produtores de alimentos perciban uns prezos xustos polos seus produtos que lles permitan traballar de modo viable, cumprindo todas as garantías de calidade, sanidade, benestar animal e medioambiente", din desde Coren.

"Isto é vital para poder manter un sector agroalimentario forte e ben dimensionado en España e Europa, que garanta a produción de alimentos para os cidadáns europeos sen depender de terceiros países. De non ser así, o desmantelamento do sector produtivo en Europa acabaría causando problemas de subministración e escaseza (o cal podería ser crítico en momentos de crises como a pandemia dos últimos anos), ademais de deixar aos cidadáns desprotexidos e sen as garantías alimentarias que actualmente gozan", engaden.

Por iso, o sector agroalimentario di estar unido á inquietude do resto de produtores europeos pedindo aos organismos competentes que adopten canto antes as medidas necesarias para asegurar o futuro da produción de alimentos en España e Europa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta