Por Ángela Precedo | LUGO | 26/11/2024 | Actualizada ás 21:50
O prezo do leite que se paga aos produtores galegos situouse en 45,8 céntimos por litro en setembro, un céntimo máis que o mes anterior, aínda que continúa a ser un dos peor pagados do país a pesar de supoñer o 40 % da produción a nivel nacional. Segundo o último informe de prezos publicado polo Ministerio de Agricultura, estes 45,8 céntimos son 2,2 céntimos menos que a media de 48 céntimos por litro do conxunto do Estado e están lonxe dos 51,1 céntimos da veciña Asturias. En comparación co mesmo mes de 2023, páganse 3 céntimos menos por litro que os 48,9 céntimos que se abonaban en Galicia fai un ano. Ante este panorama, os produtores que realizan entregas en Galicia proseguen á baixa, quedando en 5.353 en setembro, 30 menos que o mes anterior e 408 menos que no noveno mes do 2023. As entregas baixan a 245.096 toneladas na comunidade en setembro, un 3,8 % por debaixo das 254.798 do mes de agosto. Así, os gandeiros seguen asfixiados, cuns custes de produción que chegan a superar os ingresos polo leite xerado; e as explotacións seguen pechando progresivamente a cada ano que pasa.
Como é posible, entón, que tendo tan grande parte da produción do leite de España os nosos grandeiros perciban os beneficios máis baixos? Dende o Galicia Confidencial falamos con Manuel Sandamil, gandeiro de Castro de Rei e presidente da Federación Frisona Galega (Frefriga), que nos explica que "esas marxes tan baixas para os gandeiros galegos atribúennas moito á dificultade da loxística", a que, "o consumo máis fuerte de leite a nivel España concéntrase no centro da Península e no Mediterráneo". Por iso, e a pesar de que "a industria láctea está a asentarse cada vez máis en Galicia, os prezos seguen a ser os máis baixos a nivel nacional". Pero a pregunta que xorde entón é: por que na veciña Asturias o leite está mellor pago se tamén debería verse aqueixada polos mesmos problemas de loxística? Pois porque "en Asturias son moitos os gandeiros que teñen detrás a marca Central Lechera Asturiana, e iso sempre lles beneficia", aínda que tamén concede que ben é certo que "hai gandeiros que non son socios desta empresa e aos que realmente se lles paga máis que aquí". Nestes momentos Sandamil apunta que "o prezo base do leite está en proceso de lixeira subida, pero non só en Galicia, tamén subirá no resto do territorio, polo que os gandeiros galegos seguirán a ser os peor pagados de España".
"ÁS VECES, NA VARIACIÓN DUN OU DOUS CÉNTIMOS NO LITRO DE LEITE ESTÁ A VIABILIDADE DUNHA EMPRESA"
Ao falar de prezos do leite tamén hai que ter en conta que "os gandeiros non notan as oscilacións do mercado dun mes para outro, pero si dun trimestre para outro (lembremos que os contratos coas empresas comercializadoras cada vez son máis curtos)". Así as cousas, e loxicamente, o prezo que se lles pague a eles polo leite tamén vai depender "da fluctuación do consumo" e "mesmo hai momentos nos que a produción de leite daquí é insuficiente e as comercializadoras vense obrigadas a traer leite de fóra, normalmente da zona de Francia, que xa é máis barato e que, polo tanto, nos perxudica á hora de poder vender o noso a un prezo máis elevado". Polo tanto, son moitos os factores que poden influír no prezo final que percibe o gandeiro, pero, aínda con todo, ese prezo non varía en demasía, xa que pode ser de 1, 2 ou 3 céntimos cara arriba ou cara abaixo. Algo que, aínda que poida parecer moi pouco, a nivel de grandes cantidades déixase notar: "A variación dun único céntimo no período dun mes de produción fará que deixes de gañar X cartos que destinabas ao pago de determinadas facturas ou ao mantemento dunha determinada parte da granxa", confesa Sandamil, que asegura que "ás veces neses un ou dous céntimos está a viabilidade dunha empresa".
Entón, segue sendo viable para as explotacións manterse abertas? O presidente de Frefriga explica que todo é unha acumulación de factores e na viabilidade ou non dunha granxa non só entra en xogo o prezo que se paga polo leite ao gandeiro, senón "que tamén inflúe que non varíen moito outros insumos, como os concentrados, as materias primas, o diésel, a electricidade..." Todos estes aspectos "acaban repercutindo moito no prezo dunha explotación" e, afortunadamente, aínda que no pasado non foi así, "agora estas outras cuestións que arrodean o prezo do leite mantéñense bastante estables". Iso si, unha cousa é que a explotación poida saír adiante e outra que o gandeiro se faga de ouro con ela, algo que non pasa, nin moito menos, porque "sempre andamos moi xustos e as medias temos que botalas anuais, porque, ao final, uns meses andas por enriba do prezo medio de produción e vaiche quedando algo de aforro, pero outros estás tan axustado que tes que empregar os cartos que aforraches os outros meses", lamenta Sandamil, que considera que todo se volve gardas dos tempos mellores para os tempos peores.
"UNHA GRANXA FAMILIAR QUE HAI 8 ANOS VIVÍA BEN DA PRODUCIÓN DE 50 VACAS, AGORA IGUAL PRECISA TER 100 PARA OBTER O MESMO RENDEMENTO"
Así as cousas, o que si asegura que está a acontecer no sector, e que xa se está notando moito nos últimos tempos, é que "está habendo un crecemento das granxas que hai, no tocante ao número de animais que teñen". Isto é, "agora para que unha explotación sexa rendible igual precisa ter maior número de animais que antes, para ter así máis produción de leite e que che poida quedar algo máis de marxe". Aínda así, tamén concede que é certo que "son tamén moitas as granxas que desaparecen", pero insiste en que "as que quedamos cada vez ímonos facendo máis grandes e medramos para poder ser máis viables". Esta é a explicación de por que, cos datos na man, nas estatísticas oficiais obsérvase que o número de animais mantense estable, baixa moi pouquiño ou mesmo medra dun ano para outra a pesar de haber unha caída progresiva e sostida do número de explotacións. Este feito deixa unha realidade, que é que sendo Galicia unha terra conformada por tantas granxas familiares, "a día de hoxe non é que deixe de habelas, pero é que as que quedan se están sobredimensionando, aínda que sigan a pertencer a unha familia". Así, Sandamil exemplifica que "unha explotación familiar que hai 8 anos vivía perfectamente da produción de 50 vacas, agora igual precisa ter 100 para obter o mesmo rendemento".
Desta maneira, o investimento que teñen que facer os gandeiros para poder ampliar as súas explotacións tamén é moi grande, especialmente tendo en conta que "cada vez téndese máis á robotización, debido aos problemas cos que conta o sector para atopar man de obra". A esa robótica habería que sumar "o custe do incremento da base territorial das granxas, coa compra ou o aluguer de leiras". Sobre este último punto Sandamil amósase orgulloso de que "en Galicia temos a sorte de ser moi competitivos no tocante á produción de millo e silo para a alimentación animal, o que tamén nos permite ser un pouco máis competitivos", algo que alivia aos gandeiros e vén compensar en certa medida ese prezo tan baixo que lles pagan por litro. Prezo que a sociedade, á hora de verdade, cando vai ao supermercado mercar o cartón de leite, non percibe como baixo, porque, pola contra, o leite experimentou unha subida dun 33 % nos últimos dous anos.
"ENTRE OS GANDEIROS E O CONSUMIDOR ESTÁ A INDUSTRIA E A DISTRIBUCIÓN E, AO FINAL, A SÚA MARXE SEMPRE É MAIOR QUE A NOSA"
Quen queda con esas marxes de beneficio entón se non son os gandeiros? "Isto é a pescada que se morde a cola", lamenta o presidente de Frefriga, que explica que "nós estamos cunhas marxes de gañancia mínima nas nosas granxas que distan moito do que paga o consumidor polo leite no supermercado". "Polo medio, dende nós ata o consumidor, o leite ten outros dous operadores, a industria e a distribución, e eu quero pensar que ese prezo encarécese máis pola distribución que pola industria, pero ao final a súa marxe sempre é maior que a nosa", asevera. Ademais, asegura que tamén se dá o caso de que "a nós hai veces que nos baixan o que nos pagan polo litro de leite, mentres que nos supermercados seguen vendendo o leite ao mesmo prezo e tardan dous meses en baixalo, despois de que xa se tiveron enchido ben os petos". "Esta loita é a que temos case a diario, é o pan de cada día", lamenta Sandamil.
Cun panorama non tan alentador como podería pensarse, interésanse os máis novos por sumarse ao negocio e aprender a rexentar unha explotación? Ou, o que é o mesmo, teñen futuro as nosas granxas? Sandamil apunta que "dende Frefriga estamos a facer unha serie de cursos nos últimos anos de preparación e manexo de animais, en colaboración con diversos patrocinadores e a verdade é que vemos que hai un importante número de mozos que se interesa por este sector, aínda que logo sabemos que non todos se acabarán incorporando a el, nin moito menos, pero alo menos ves que si que hai un pouquiño de inquietude entre os rapaces máis novos por seguir coa profesión dos seus pais e dos seus avós". Agora ben, tamén confesa que "seguramente este non vai ser un relevo xeracional suficiente como para manter o número de explotacións que temos neste momento". E é que outro problema engadido é a falta de xente nova no rural, tanto pola falta de natalidade como pola falta de novos que se queden a vivir nel, porque, como asegura Sandamil, "a xente nova escapa toda para a cidade e o rural, cada vez, queda máis despoboado".
"O SECTOR ESTÁ MÁIS PROFESIONALIZADO E HOXE MESMO PODES COLLER DÍAS LIBRES SE TE ORGANIZAS BEN, PERO HAI UNHA EXCESIVA BUROCRACIA"
É por iso que este gandeiro tamén quere resaltar as partes boas da profesión, para que a mocidade as poida valorar: "Este é un xeito de vida que na última década foi cambiando bastante e melloramos en calidade de vida; o sector está máis profesionalizado e hoxe unha granxa xa se trata como calquera outra empresa, e tes a liberdade, se te organizas ben, de poder coller os teus días libres e de ser o teu propio xefe". Así que, aínda que non deixa de ser un traballo duro, "coas instalacións modernas que temos e coa robotización temos un pouco máis de cancha que antes, o que pode ser un incentivo para a mocidade, que valora moito o poder gozar de tempo libre". Ademais, tamén apunta ao grande labor que fan neste sentido as escolas de capacitación que hai en lugares como Guísamo, Becerreá, Sergude, Ribadeo, Monforte e Lourizán, porque "son ciclos relacionados co noso traballo que axudan moito tamén a que os mozos poidan estudar para realmente chegar a exercer a actividade no futuro".
Pero para facer o sector atractivo, Sandomil considera que debería corrixirse un problema moi grande que ten na actualidade: a elevada burocracia. "Tanto papeleo día a día ás veces dáche ganas de desistir, porque non é doado manexar toda a documentación e todos os permisos que debes ter, é algo que che absorbe moito tempo do que poderías estar empregando no traballo na granxa", advirte o presidente de Frefriga, que tamén asegura que este é un problema que se dá tamén á hora de pedir axudas: "Fano tan complicado que rematas desistindo e xa non as pides". Así as cousas, concede que "os gandeiros somos os primeiros que queremos cumprir con todas as esixencias medioambientais, porque este é o medio no que vivimos e queremos telo ben, e de benestar animal, porque se os animais non están ben non van producir o leite que precisamos, así que somos os primeiros interesados en cumprir coa normativa, pero tanto trámite é algo que dende as administracións deberían relaxar e poñérnolo máis sinxelo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.