Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/02/2024 | Actualizada ás 21:18
A candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, comprometeu un plan de rexeneración das rías, incluíndo a limpeza e recollida de plásticos os 365 días do ano, co obxectivo de recuperar a produtividade "perdida". "Galicia é unha nación pesqueira e marisqueira e queremos que siga sendo así, e iso pasa pola limpeza integral das nosas rías, tanto por razóns ambientais como de xeración de riqueza e emprego", proclamou este martes en Ribeira, un dos concellos afectados pola crise ambiental da vertedura de pélets e onde por primeira vez goberna o BNG.
Esta xornada, que precede a outra na Illa de Arousa co sector marisqueiro, Pontón manifestou que para que siga sendo unha terra pesqueira e marisqueira, é preciso "a limpeza integral das rías, tanto por razóns ambientais como de rexeneración de riqueza e emprego". No acto no que tamén participou a candidata da comarca, Rosana Pérez, e o alcalde, Luís Pérez Barral, Pontón sinalou que o goberno que aspira a presidir "vai cumprir con Ribeira e coa comarca do Barbanza".
Entre as prioridades do BNG, estará a defensa do sector da pesca e o marisqueo, "clave" para a economía galega e que hoxe en día está "en risco" debido á perda de produtividade, que nalgunhas especies pode chegar ao 80 por cento, polo "elevadísimo nivel de mortalidade da ameixa, berberecho ou navalla". "Non podemos permitir que se poñan en risco centos de postos de traballo mentres que PP está cruzado de brazos", manifestou Pontón, que arrincou a xornada explicando as propostas de mobilidade ferroviaria e facendo unha viaxe en tren ata Ourense.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.