Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/02/2024 | Actualizada ás 18:46
O presidente do PP provincial de Pontevedra, Luís López, anunciou a volta ás filas da formación do alcalde de Meaño (Pontevedra), Carlos Viéitez, e de todo o seu grupo de independentes (ata agora baixo as siglas 'Veciños de Meaño'). O obxectivo, remarcou, é "construír un proxecto máis forte e unido".
Viéitez fora expulsado polo PP de Pontevedra no ano 2019 por unha "falta moi grave de deslealdade" cara á formación despois de que os votos dos concelleiros populares do municipio no pleno local facilitasen que o PSOE asumise o control da Mancomunidade do Salnés.
Este xoves, no medio da campaña para as autonómicas de 18 de febreiro, o PP de Pontevedra trasladou que Luís López ultimou o acordo para o regreso do rexedor nunha reunión celebrada con todos os membros desta formación independente e co concelleiro popular de Meaño, Suso Sueiro. López mostrou a súa satisfacción "pola suma de esforzos e de persoas no Partido Popular como a gran casa común do centro-dereita".
Deste xeito, nos próximos días activaranse os formalismos e os procedementos regulados internos para confirmar a reintegración no PP. "Cando acaben esas cuestións administrativas empezaremos a funcionar como un grupo forte e maioritario en Meaño con nove dos 13 concelleiros da corporación municipal", subliñou.
LÓPEZ AGRADECE A XENEROSIDADE
Luís López quixo agradecer a xenerosidade de Carlos Viéitez e de todos os seus compañeiros, do edil Suso Sueiro, "que fixo un grandísimo traballo e que demostrou ser un home de partido e unha persoa que puxo a Meaño por diante de todas as cousas", e da familia popular do Salnés.
"Todas as partes decidiron axuntar as súas sensibilidades e entenderon que o traballo conxunto e en común é moito máis produtivo para os meañeses e todos veciños da comarca", aseverou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.