Por Ángela Precedo | OURENSE | 18/02/2024 | Actualizada ás 14:00
O prezo dos coches hoxe en día é algo case prohibitivo para moitas persoas. Dende a crise dos 'microchips' e o momento en que obter un coche novo tardaba, como mínimo, medio ano (máis ou menos, dependendo da marca), o mercado de coches de segunda man disparouse, ata o punto de que agora hai coches que saíron fai dous anos do concesionario por un custe de, poñamos, 20.000 euros, que no mercado de segunda man se están a vender por 22.000, é dicir, máis caros do seu custe orixinal. E é que a demanda é moi alta e a oferta non a dá cuberto dende que estalou a pandemia e paralizou o mundo. Aínda que a día de hoxe a situación xa non é tan crítica como fai uns meses, segue moi lonxe de volver a un estado de normalidade e os prezos dos coches tamén seguen moi lonxe do custe aceptable como sociedade. Tanto é así que a moita xente non lle queda outra que, tendo un coche de máis de dez anos, arreglalo fallo tras fallo. Isto é algo que notaron moito os talleres, que se atopan desbordados ante tantos clientes.
Clientes que, por outra banda, se teñen que enfrontar tamén a prezos de pezas desorbitados. Ricardo Borrajo, da Asociación de Talleres de Reparación de Vehículos de Ourense (ATAVE), explica a Galicia Confidencial que "a porcentaxe de subida do prezo do recambio medio non é moi alto, pero vai aumentando máis, segundo estamos a ver, a taxa de recambio de mantemento". Na súa opinión, "creo que os fabricantes xogan un pouco a manter os prezos das pezas de pouca rotación e a aumentar os prezos das pezas máis demandadas". Nese senso, dende os talleres si están a apreciar un aumento de prezos na reparación. Ademais, fai ben pouco, tamén estaban disparados os prezos dos lubricantes: "O prezo dos aceites, por exemplo, comezou agora a conterse un pouco, pero o ano pasado todo o que eran aceites e lubricantes e líquidos de cambio aumentaron bastante o seu prezo".
Segundo nos conta este mecánico experto, "eu creo que o que fixeron os fabricantes foi aumentar o prezo do recambio de primeira rotación, mentres outro tipo de recambios, aínda que subiron, fixérono razoablemente". E é que, como confesa, "segue habendo falta de compoñentes, sobre todo cando se trata de compoñentes electrónicas, e iso é algo que se segue a notar, tanto nos talleres como nos servizos oficiais, todos temos a mesma carencia". Pero, ante a gran pregunta de cales son as pezas que máis faltan, Borrajo asegura que "depende do fabricante, non hai unha concreta, senón que son diferentes dependendo do modelo concreto de vehículo, dende unha xunta dunha porta ata falta de faros ou de compoñentes electrónicas ou mecánicas, vai un pouquiño segundo a marca e o modelo, non é que haxa unha falta dun tipo de recambios concreto".
"OS COCHES NOS ÚLTIMOS ANOS CRECERON EN TAMAÑO E EN COMPLEXIDADE"
Para el, esta situación de desabastecemento é algo que "comezou coa pandemia" e "aínda non se regularizou". Así as cousas, os talleres quédanse pequenos para atender tantos coches que chegan para reparar e que, por falta de pezas, pasan días e ata semanas ocupando sitio alí parados ata que a peza para poder proceder á súa reparación chega. "Os vehículos nos últimos anos creceron en tamaño, pero tamén en complexidade, dunha maneira expoñencial, e cada día fainos falta máis espazo no taller", asegura o presidente de ATAVE, que recorda que os mecánicos tamén tiveron que estar formándose continuamente para aprender a reparar os coches actuais, pois "os vehículos nos últimos años creceron moito a nivel de complicación tecnolóxica, e hoxe temos nos talleres coches de metano, vehículos capaces de ler sinais de tráficoo durante a condución, sistemas de anticontaminación moi sofisticados...". "É o noso oficio e temos que estar atentos á evolución dos fabricantes", evidencia Borrajo.
Con todo, máis aló da falta de pezas e do custe das mesmas en xeral, polo que se amosa máis preocupado é por "ver como nalgúns sistemas moi importantes no vehículo, como poden ser os sistemas anticontaminación, o prezo das compoñentes de substitución é moi, moi alto". "Hai compoñentes no vehículo que en relación ao custe total do coche teñen un prezo desorbitado", asegura, e pon como exemplo que "non pode ser que un faro dianteiro dun vehículo moderno vala máis de 2.000 euros", porque "mercas un coche que vale 30.000 euros e cambiarlle un faro váleche o 12 ou o 14 % do valor do coche". Na mesma liña, afirma que "non pode ser que unha compoñente que é susceptible de avería, como pode ser un filtro de partículas ou un sistema anticontaminación, teña custes de máis de 4.000 euros nalgúns modelos de vehículos". "Iso é o que máis me preocupa, o custe que teñen algúns recambios concretos", asegura.
"O PREZO DOS COCHES AUMENTOU UN 30 % NOS ÚLTIMOS ANOS, EN BASE A QUE?"
Pois na maioría das ocasións, cando un cliente merca un coche, non sabe verdadeiramente os sobrecustes que isto pode traer detrás. "Ti agora mercas un coche que vale 30.000 ou 35.000 euros, que non é un vehículo barato, aínda que agora o pareza porque nos esquecemos de que ata fai non moito comprabas coches marabillosos por 15.000 ou 18.000 euros, e tes que enfrentarte aos custes escandalosos de certas reparacións, cun prezo dos coches que se incrementou un 30 % nos últimos anos", apunta Borrajo, que plantexa que quizáis habería que preguntarlles aos fabricantes "en base a que" subiron tanto os prezos. "De súpeto atópaste moitas veces con que tes que dicirlle a un cliente que un compoñente que lle falla ao vehículo non ten reparación porque todo o que teñen integrado nel non ten recambios e hai que cambialo directamente, o que lle custa un 15 % do valor do coche", apunta Ricardo, que exemplifica que "a cousa aínda é máis dramática se lle dis ao cliente que ten que cambiar a súa caixa de cambios porque o fabricante non vende material para reparala e cambiala vaille custar o 40 % do que lle custou o coche novo". "É moi complicado, a día de hoxe non é un sector fácil, é moi complexo", asegura.
E a toda esta problemática hai que sumar outra máis, que é común a practicamente todos os oficios na actualidade: a falta de relevo xeracional. "Non é que o sector de reparación do automóbil teña un problema distinto ao que teñen o resto de oficios, precisamos como todos relevo xeracional, porque é verdade que no prazo duns poucos anos vai haber moita xubilación no sector, e non estamos a incorporar a toda a xente nova que quixésemos, algo que debemos facer: lograr volver a ser chamativos para os mozos", considera o mecánico, que tamén cre que "isto dos coches sempre tivo unha compoñente moi paixoal, moi de afición, e hoxe o mundo do automóbil perdeu interese, ou simplemente é que as novas xeracións enfocaron os seus gustos máis cara outro tipo de actividades". Por iso, cre que é momento de cambiar a estratexia e logar "atraer a xente nova a este sector".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.