Unha nova cátedra abordará o deseño microelectrónico grazas á colaboracion entre a USC e Televés

A nova Cátedra USC-Televés en deseño microelectrónico desenvolverase no marco do Proxecto Estratéxico de Microelectrónica e Semicondutores co propósito de "consolidarse como un alicerce fundamental" para o progreso neste campo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/02/2024 | Actualizada ás 15:32

Comparte esta noticia

A nova Cátedra USC-Televés en deseño microelectrónico desenvolverase no marco do Proxecto Estratéxico de Microelectrónica e Semicondutores co propósito de "consolidarse como un alicerce fundamental" para o progreso neste campo, tal e como indicou a universidade compostelá nun comunicado.

O Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, a través da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais, acaba de anunciar a resolución das axudas do programa 'Cátedras Chip', entre as que se inclúe a nova iniciativa liderada desde a Universidade de Santiago de Compostela a través do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS), e que conta coa colaboración da empresa tecnolóxica Televés.

A iniciativa disporá dun orzamento próximo aos dous millóns de euros. Deles, o Estado achegará preto de 1,6 millóns, mentres que os 300.000 euros restantes correspóndense co investimento directo da propia compañía. Á fronte da coordinación estará Paula López, directora adxunta do CiTIUS. "Queremos reivindicar o lanzamento desta Cátedra como unha medida estratéxica esencial para promover a investigación en áreas cruciais", dixo a investigadora, "así como para contrarrestar a crecente preocupación pola soberanía dixital de Europa no sector da microelectrónica e semicondutores".

Será Televés a que exerza a subdirección da Cátedra, a través da doutora Ana Peláez, directora de Maxwell Applied Technologies, filial especializada en microelectrónica dentro de Televés Corporación, o grupo tecnolóxico conformado por máis de 20 empresas no que Televés é cabeceira, dedicándose ao deseño, desenvolvemento e fabricación de produtos e solucións para infraestruturas de telecomunicacións en fogares, edificios e cidades de todo o mundo.

Na súa colaboración co CiTIUS, Televés porá o foco en impulsar a investigación para o desenvolvemento de sistemas de comunicacións avanzados, incluíndo aplicacións en tecnoloxía 5G. A Cátedra Chip USC-Televés reúne o persoal investigador máis reputado no campo dentro da Universidade de Santiago, e conta ademais coa colaboración do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), que se suma á proposta para desenvolver investigación en computación cuántica.

Chips de nanotecnoloxía para indentificar a Covid nun proxecto impulsado por un consorcio galego
Chips de nanotecnoloxía para indentificar a Covid nun proxecto impulsado por un consorcio galego | Fonte: remitida - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta