Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 20/02/2024 | Actualizada ás 21:00
Nace a asociación de Tendas Agrarias, ATIGA, coa finalidade de loitar polos dereitos deste colectivo. "Por agora é unha plataforma, no que se constitúe a asociación, eu máis outras persoas, aconsellados por Unións Agrarias, decidimos conformala", afirma Manuel Calvo, membro e, nestes momentos, portavoz. Nace da necesidade, segundo explica, de ter representación no plano institucional e a nivel autonómico para poder denunciar aquelas, accións ou omisións, "que acaban cos negocios". Neste sentido, tamén queren ir como colectivo, que sexa a unión das tendas agrarias, "dos pequenos negocios" de cara á negociación ou reclamación "se fose necesaria ante a administración ou calquera órgano que saque unha lei que afecte".
A súa intención é xa funcionar ben logo destas eleccións autonómicas. "Que nos escoite o conselleiro/a de medio rural, si se mantén ou cambia, para ter voz como asociación de tendas agrarias xa de xa!", manifesta Manuel, que anima a toda persoa que teñan unha tenda agraria e que comparta estas inquedanzas, se poida unir a ATIGA.
OS PROBLEMAS REAIS TRAS AS NORMATIVAS EUROPEAS
Manuel expón os problemas reais que sofre este colectivo ante a aplicación de "normativas europeas e nacionais" ás que, segundo o seu ver "a administración autonómica tería que dar unha volta". Defende que Galicia, a cornixa cantábrica, é un caso diferente on de o autoconsumo é moi grande pero a súa vez "moi fráxil". "Con estas normativas ao final pode destruírse algo tan valioso como é a cultura de plantación e cría de animais para o consumo propio", lamenta.
Di que o que se consegue é que a xente queira abandonar o agro porque o autoconsumo "non dá cartos e por riba esixiría moitos trámites e papeleo". Manuel afirma que coa nova normativa da lei de rexistro obrigatorio de galiñas e de polos, terán que cumprir cunha cantidade "inxente de apeleo, así como coa nova lei dos fitosanitarios". Istro tráducese, segundo el, nunha excesiva burocracia que aumenta as posibillidades de equivocación que poida conlevar unha sanción económica. Expón o dato, de que o 90% das tendas agrícolas de Galicia, non ten a unha persoa de oficina que se encargue destes trámites. "Moitas veces somos nos, as propias tendas, as que estamos facendo ese papeleo por facilitar a xestión aos clientes, que supón ir á oficina agraria comarcal e pedir un número de explotación".
Reivindica que en Galicia, soamente o sector das tendas agrarias dá en Galicia traballo directo a máis de 2.000 persoas sen contar transportistas ou comerciais. "Queremos que se adapten as normativas a nós e a Galicia e que non sexa igual aquí que en Castela, onde o autoconsumo é moi diferente e non hai esa cultura da señora que ten catro galiñas na casa".
O MEDO ENTRE OS CLIENTES: FIN DO AUTOCONSUMO?
Manuel expresa a preocupación ante o medo xeralizado entre os seus clientes, principalmente xente maior. Fai fincapé en que no país veciño, en Portugal, unha persoa si pode ir á feira e mercar galiñas e polos sen rexistro. "Sen o seu número de Rega, sen que se inclúa no ticket, así como un número gravado nas caixas onde se meta ao animal. Aquí hai que facer todo iso para vender un só polo ao día, e resulta que podes cruzar a Portugal e mercar na feira".
Recoñece que o panorama se presenta difícil e que "os pronósticos son bastante malos". Lamenta que se perda o conseguido, logo de que a xente entendera que se debía mercar nas tendas agrarias porque "as galiñas veñen coas súas probas ante infeccións por bacterias, tamén das súas nais e avoas, e os polos coas súas vacinas". Di que se fixo unha industria que agora pasa por un momento "burocráticamente, difícil". "A xente que criaba, plantexarase deixar de facelo, ou criar na casa ou mercar en sabe Deus onde", apunta Manuel.
Incide especialmente en que a xente está collendo medo e que pode ser o fin do autoconsumo e con iso o peche das tendas agrarias. Manuel di que, Coa asociación ATIGA, buscan respostas: "Que quere Europa, o Estado, a Xunta, con todo isto? Que queren conseguir? Que desapareza o autoconsumo?", cuestiona.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.