Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 24/02/2024 | Actualizada ás 22:00
Cos datos na man, as eleccións deste 18F son sinxelas de interpretar, con todo, é preciso ter en conta as diferencias territoriais e a gran diversidade da comunidade galega para poder entender quen saiu gañador e quen saiu perdedor nestas eleccións. Nesta ocasión facemos un repaso polos votos emitidos polos 16 concellos coa poboación máis nova de Galicia (os que contan cunha poboación cuxa idade media cae dos 48,01 anos, a media da comunidade), case todos eles de moi próximos ás grandes cidades e pertencentes á provincia de Pontevedra. Trátase de Ames, Salceda de Caselas, O Porriño, Oroso, Ponteareas, Arteixo, Soutomaior, Culleredo, Pontecesures, Gondomar, Barbadás, Poio, Oleiros, Burela, Mos e Tui. Estas localidades apoiaron historicamente ao PP (excepto Soutomaior, onde a primeira forza era o BNG) e poñían como segunda forza ao BNG (agás en Soutomaior, onde se puxo primeiro o PP; e en Gondomar e Mos, onde os nacionalistas foron adiantados polo PSdeG). Así foi nos pasados comicios autonómicos do 2020.
E cales foron os resultados deste pasado 18F nos concellos máis novos de Galicia? Nótase un cambio con respecto aos demais e mesmo con respecto aos que contan con máis poboación envellecida? Pois o certo é que, como no resto do territorio galego, todos estes concellos elixiron como primeira forza ao PP (agás Soutomaior, que xa conta cunha longa tradición de voto nacionalista). A diferenza principal está na diferenza de votos que logrou o PP respecto á segunda forza máis apoiada (na maioría dos casos, o BNG). E é que, de feito, en non poucos concellos (case todos de máis de 5.000 habitantes) separárono menos de 1.000 votos de diferenza. O PSdeG ben é certo que, seguindo a tendencia do resto da comunidade, se desplomou en todos eles, votos que, previsiblemente, engordaron os resultados do BNG, que tamén foi quen de convencer a parte dos votantes da dereita, pois o PP perdeu votos nestes comicios con respecto aos de 2020.
O BNG LOGROU ALZARSE COMO PRIMEIRA FORZA EN SOUTOMAIOR
Analizando concello a concello, é preciso comezar polo que supón unha excepción á regra: Soutomaior, un municipio da provincia de Pontevedra de 7.426 habitantes. Neste concello o BNG foi a primeira forza unha vez máis, despois de telo logrado tamén en anos anteriores, e o PP non se achegou en votos máis do que o fixo no 2020. En concreto, fai catro anos, o BNG sacara 1.542 votos e neste 18F logrou 1.916 (+2,35 puntos), é dicir, continuou subindo. O PP, pola súa banda, tamén subiu, pasando dos 1.382 votos colleitados no 2020 aos 1.736 logrados na actualidade (+2,55 puntos). Quen se desplomou foi o PSdeG, que caeu dende os 407 votos ata os 339 (-3,32 puntos). A cuarta forza foi Vox e a quinta Sumar.
EN CINCO CONCELLOS O BNG MELLOROU EN 10 PUNTOS OS RESULTADOS DO 2020: MOS, PONTECESURES, GONDOMAR, SALCEDA DE CASELAS E PONTEAREAS
E tendo en conta que todos os demais concellos tiveron como segunda forma ao BNG, en cales tivo un maior crecemento a formación nacionalista con respecto a fai catro anos? Podemos destacar cinco, nos que a cantidade de votos obtida polo BNG subiu máis de 10 puntos en catro anos: Mos, Pontecesures, Gondomar, Salceda de Caselas e Ponteareas. No caso do concello pontevedrés de Mos, de 15.199 habitantes, o BNG colleitou 1.888 votos no 2020 fronte aos 3.204 deste 2024 (+12,62 puntos). Pola súa banda, o PP subiu lixeiramente, dende os 3.289 votos de fai catro anos ata os 3.816 deste 18F (+1,73 puntos); e o PSdeG caeu a frioleira de 10,96 puntos, dende os 1.915 votos do 2020 ata os 1.179 votos deste 2024. A cuarta forza foi Vox e a quinta Sumar.
No caso do concello pontevedrés de Pontecesures, de 3.053 habitantes, o BNG pasou dos 373 votos de fai catro anos ata os 668 deste 18F (+11,74 puntos). As outras dúas forzas perderon moitos votantes: o PP caeu dende os 736 votos do 2020 ata os 850 da actualidade (-3,32 votos); e o PSdeG baixou dende os 216 dos pasados comicios ata os 177 destas eleccións (-5,07 puntos). A cuarta forza foi Vox e a quinta foi Sumar. No concello pontevedrés de Gondomar, de 14.970 veciños, os nacionalistas creceron dende os 1.375 votos do 2020 ata os 2.600 deste 2024 (+11,64 puntos). Aínda que tamén o PP creceu nesta localidade, pasando dos 3.114 votos colleitados fai catro anos ata os 3.839 da actualidade (+1,46 puntos); e o PSdeG desplomouse dende os 1.569 votos dos pasados comicios ata os 1.173 dos actuais (-8,52 puntos). A cuarta forza foi Sumar e a quinta Vox.
No municipio pontevedrés de Salceda de Caselas, de 9.380 habitantes, o BNG subiu dos 1.058 votos de fai catro anos ata os 1.821 deste 18F (+11,60 puntos). As outras dúas formacións baixaron: o PP caeu en 0,26 puntos e o PSdeG pasou de obter 757 votos no 2020 a tan só 445 nas eleccións deste 2024 (-8,83 puntos). A cuarta forza foi Sumar e a quinta foi Vox. E na localidade pontevedresa de Ponteareas, de 23.049 habitantes, o BNG creceu dende os 3.003 votos do 2020 ata os 4.809 deste 2024 (+10,79 puntos). Tamén creceu no municipio o PP, que pasou de 4.026 votos a 4.990 (+2,43 puntos). Non así o PSdeG, que baixou a abultada cifra de 10,60 puntos, pasando de 2.323 votos obtidos nos comicios de fai catro anos aos 1.426 dos comicios actuais. A cuarta forza foi Sumar e a quinta foi Vox.
EN 10 DOS 16 CONCELLOS O PP SUBIU EN VOTOS: MOS, PONTEAREAS, SOUTOMAIOR, GONDOMAR, OROSO, O PORRIÑO, TUI, CULLEREDO, POIO E BURELA
A modo de curiosidade, tamén é importante salientar que en 10 destes 16 concellos o PP, lonxe de perder votos que se irían para o BNG (debido ao seu notable incremento), gañounos, subindo a porcentaxe de votos obtidos con respecto ao 2020. Esta situación deuse, como xa comentamos, nos concellos de Mos, Ponteareas, Soutomaior e Gondomar; aos que hai que sumar Oroso, O Porriño, Tui, Culleredo, Poio e Burela. Onde creceu en maior medida? No municipio pontevedrés do Porriño, de 20.408 habitantes, onde pasou de colleitar 3.813 votos no 2020 a obter nada menos que 5.139 neste 2024 (+5,32 puntos). Tamén neste concello experimentou unha importante suba o BNG, que pasou de 2.367 votos fai catro anos a 3.686 na actualidade (+7,96 puntos). O PSdeG, pola súa banda, caeu dende os 1.767 votos ata os 1.132 (-9,25 puntos). A cuarta forza foi Sumar e a quinta foi Vox.
Seguiulle a suba que os populares tiveron no concello lucense de Burela, de 9.430 habitantes, onde o PP subiu dende os 1.608 votos do 2020 ata os 2.153 do 2024 (+4,44 puntos). Pola súa banda, cabe sinalar que este foi un dos poucos concellos nos que o BNG perdeu votantes neste 18F, baixando en 2,04 puntos con respecto a fai catro anos. Mentres que o PSdeG, curiosamente, subiu dende os 510 votos do 2020 ata os 640 deste domingo (+0,43 puntos). A cuarta forza foi Vox e a quinta foi Sumar. Despois estaría Soutomaior (xa analizado) e Ponteareas (xa analizado). Tras eles cabe nomear a Tui, o concello pontevedrés con 17.375 habitantes onde o PP ascendeu dende os 3.826 votos ata os 4.659 (+1,83 puntos); seguido do ascenso meteórico dun BNG que pasou de 2.055 votos fai catro anos a 3.223 na actualidade (+8,63 puntos); e dun PSdeG que se desplomou dende os 1.444 votos do 2020 ata os 968 deste 18F (-7,70 puntos). A cuarta forza foi Vox e a quinta foi Sumar. Logo estaría Mos (xa analizado).
E viría, seguidamente, o concello coruñés de Oroso, de 7.533 habitantes, onde o PP pasou dos 1.849 votos obtidos fai catro anos aos 2.324 da actualidade (+1,57 puntos). Nel o BNG creceu dende os 937 votos de 2020 ata os 1.330 deste 18F (+4,23 puntos); e o PSdeG baixou dos 556 aos 506 (-3,88 puntos). A cuarta forza foi Vox e a quinta Sumar. Chegaría logo Gondomar (xa analizado) e Poio, concello pontevedrés de 17.276 habitantes onde o PP subiu dende os 4.037 votos do 2020 ata os 4.896 deste 18F (+1,23 puntos); seguido dun BNG que creceu dende os 1.680 votos ata os 2.644 (+7,12 puntos); e dun PSdeG que caeu en picado dende os 1.338 ata os 1.072 votos destas eleccións (-5,59 puntos). A cuarta forza foi Vox e a quinta foi Sumar. Finalmente, sería o caso do municipio coruñés de Culleredo, de 30.790 habitantes, onde o PP creceu lixeiramente dende os 5.414 votos do 2020 ata os 6.514 deste 2024 (+0,09 puntos); o BNG o fixo dende os 3.503 votos ata os 5.583 (+8,71 puntos); e o PSdeG, dende os 2.840 ata os 2.481 (-5,87 puntos). A cuarta forza foi Vox e a quinta Sumar.
SITUACIÓN NOS OUTROS CONCELLOS: AMES, ARTEIXO, BARBADÁS E OLEIROS
Nos restantes concellos pódese destacar que en Ames, localidade coruñesa de 32.095 habitantes, o BNG tamén tivo un importante crecemento, pasando dos 4.090 votos do 2020 ata os 6.234 da actualidade (+7,47 puntos). O PP caeu en 1,06 puntos e o PSdeG fíxoo en 3,38, baixando dende os 2.117 votos ata os 1.987. A cuarta forza foi Sumar e a quinta foi Vox. Tamén no municipio coruñés de Arteixo, de 33.076 habitantes, a subida do BNG é destacable, pois pasou de colleitar 3.178 nos pasados comicios autonómicos a ter nestes 5.083 (+8,23 puntos). Neste pobo o PP caeu en 1,11 puntos e o PSdeG fíxoo en 5,07 puntos, pasando de 2.131 votos conseguidos no 2020 a 1.817 logrados neste 2024. A cuarta forza foi Vox e a quinta Sumar.
Xa no concello ourensán de Barbadás, a caída estrepitosa do PSdeG é digna de destacar, pois os socialistas pasaron neste municipio de 11.158 habitantes de 960 votos a 637 (-9,16 puntos). O BNG subiu dende os 1.142 votos de fai catro anos ata os 1.641 deste 18F (+4,35 puntos); e o PP baixou en 3,59 puntos. Finalmente, no concello coruñés de Oleiros, de 37.271 habitantes, o BNG tivo unha importante subida, pasando de 3.962 votos conseguidos nos comicios do 2020 aos 6.447 dos deste pasado domingo (+8,57 puntos). Pola súa banda, o PP caeu lixeiramente en 0,82 puntos; e o PSdeG fíxoo en 3,94 puntos, baixando de 2.691 votos no 2020 a 2.390 neste 2024. A cuarta forza foi Sumar e a quinta Vox.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.