Por Ángela Precedo | VIGO | 29/02/2024 | Actualizada ás 22:00
O fentanilo é unha droga que está a causar unha auténtica catástrofe nos Estados Unidos. Ata o noso lado do océano chegan centos de novas sobre a xa famosa cidade de Portland, tamén coñecida como a cidade 'zombie', polo colocada que vai a xente polas súas rúas. Entre os anos 2018 e 2021 as mortes atribuídas a sobredose deste potente opiáceo disparáronse en máis do 90 %, con aproximadamente 70.000 falecementos rexistrados no último ano mencionado. No 2023 falábase xa de 150.000 mortes nos Estados Unidos. Dende Galicia Confidencial contactamos con Jesús Cancelo, director xeral da asociación Alborada Vigo, que conta cunha longa tradición de loita contra as drogas, dende onde nos explica ata que punto debemos preocuparnos por esta substancia en Galicia.
"Non temos ningunha incidencia do fentanilo polo momento en Galicia", asegura Cancelo, que explica que "os casos que se estean dando probablemente son de xente que consume fentanilo porque tivo unha enfermidade grave e, para tratala, lle receitaron fentanilo como analxésico". E é que o fentanilo é un analxésico tan potente que "só se lle receita a xente con cancros e graves doenzas, como último recurso, practicamente". Así, Cancelo apunta que "pode ser que algúns destes pacientes tratados con fentanilo non fagan un uso correcto do mesmo, inxerindo maior cantidade porque a dose inicial xa non lles calma ou buscando outras formas fóra da vía médica para conseguilo". Con todo, incide en que "aquí o fentanilo e a adicción ao mesmo sempre foi moi vinculado ao tema da dor".
"AS AUTORIDADES SANITARIAS TEÑEN QUE RECOLLER AS DOSES QUE LLES SOBRAN A PERSOAS FALECIDAS OU CURADAS"
Así as cousas, asegura que pode ser posible que haxa xente adicta ao fentanilo para calmar certas dores, polo que "son as autoridades sanitarias as que teñen que controlar que só se lles receite ás persoas con dor grave". "É preciso ter coidado ao recetar tratamentos con morfina, con fentanilo ou con oxicodona (droga que causou grandes problemas de adicción entre pacientes con dor nos Estados Unidos aló polos anos 90 do século pasado), por exemplo, dándollo só a xente con enfermidades terminais que están nos seus domicilios", expón.
E se esa xente que estaba consumindo o tratamento falece ou se cura quedándolle doses dispoñibles, "as autoridades sanitarias teñen que recollerllas, facendo un seguimento deses casos", plantexa Cancelo. Con todo, esta situación non é o caso de Estados Unidos, onde hai moito máis control. A mensaxe está clara: "Non podemos deixar que as doses de fentanilo terapéutico ou médico saian á rúa". Outra cuestión xa estaría en que comezasen a fabricarse doses de fentanilo en laboratorios clandestinos, apunta o director xeral de Alborada Vigo, que é o que sucede xa nos Estados Unidos e "é algo que pode chegar aquí en calquera momento".
"HAI RUMORES DE QUE SE ATOPARON DOSES DE COCAÍNA CORTADA CON FENTANILO"
De feito, afirma que xa "hai rumores de que se analizaron doses de cocaína porque os consumidores dicían que dende un tempo a esta parte a cocaína lles engancha moito máis, e estaba cortada con fentanilo". E é que a cocaína ten un efecto estimulante, pero o fentanilo ten un efecto depresor. Pero Cancelo advirte de que o feito de que isto puidese ser así nalgún caso, "non xera unha categoría, senón que é un feito particular". Ao tempo que alerta de que "esa fabricación de fentanilo tal e como se vive en México, onde se fan pílulas de cores que non se sabe exactamente que conteñen, para introducilas logo nos Estados Unidos, aquí aínda non chegou, pero pode facelo".
"Hai que estar alerta para que non cheguen esas doses de fentanilo que asolagan os Estados Unidos, porque sería unha traxedia: en España e en Galicia non nacen nenos, non hai xente moza e a iso lle sumamos as mortes por fentanilo que se producen ao ano nos Estados Unidos (150.000 o ano pasado)", plantexa o experto, que resalta que "en España coa crise demográfica que temos actualmente non podemos permitirnos miles de mortos, sería unha traxedia social". De momento non está a suceder, porque o fentanilo non chegou, pero podería facelo en calquera momento.
"QUE NON HAXA DROGAS NAS RÚAS É IMPOSIBLE, O QUE HAI QUE EVITAR É QUE SE INUNDE O MERCADO COMO AGORA"
Por agora, dende asociacións como Alborada Vigo seguen traballando na parte da prevención da demanda: indo a colexios, facendo actividades de prevención para evitar que os mozos demanden drogas e poñendo todos os medios ao seu alcance para evitar a catástrofe. "Pero a oferta non podemos regulala nós, é cousa da policía, dos xuíces, das forzas de seguridade, dos fiscais, das leis, dos gobernantes que teñen que pór todos os medios e non os están poñendo, porque é evidente que os que hai non chegan para que o mercado estea abastecido", evidencia Cancelo.
Pois, "que non haxa drogas nas rúas sabemos que a día de hoxe é imposible", pero "o que hai que evitar é que haxa a cantidade ou a facilidade de obtelas que hai agora, que non se inunde o mercado". E, sobre todo, "hai que evitar que se legalicen certas drogas como o cánnabis, do que se fala agora, para evitar que se creen estas dependencias". Cancelo conclúe asegurando que, aínda que lles gustaría facer máis, dende as asociacións "chegamos ao que chegamos e sabemos o que nos conta a xente".
EN ESPAÑA É O TERCEIRO OPIÁCEO MÁIS CONSUMIDO EN ESPAÑA, DESPOIS DA CODEÍNA E O TRAMADOL
O fentanilo foi sintetizado por primeira vez no ano 1960, utilizado orixinalmente como analxésico intravenoso. Sen embargo, nas décadas de 1970 e 1980 o seu uso expandiuse a outros fins, especialmente recreativos. A súa acción sobre o noso organismo é complexa e multifacética. No noso corpo hai máis de 20 péptidos opiáceos endóxenos, como as endorfinas, que facilitan que substancias como o fentanilo actúen en lugares específicos do cerebro. A estimulación destas substancias no sistema nervioso central pode afectar ao que se coñece como sistema cerebral de recompensa, que regula diversos aspectos do comportamento humano, como o pracer, a memoria e a aprendizaxe.
A poderosa estimulación que o fentanilo induce neste sistema pode levar a cambios cerebrais coñecidos como neuroadaptacións. Estes cambios promoven unha maior tolerancia (o que significa que se requiren doses cada vez maiores para lograr os efectos desexados), a dependencia, a adicción e síntomas de abstinencia. O efecto reforzante do fentanilo está relacionado co sistema dopaminérxico mesolímbico, as vías que usa o neurotransmisor dopamina para distribuírse no cerebro. Despois dun consumo continuado, as primeiras neuroadaptacións comezan a afectar ao estriado dorsal, unha rexión involucrada na formación de hábitos.
A toxicidade e potencial adictivo desta substancia supera o da morfina e o da heroína. Por exemplo, é 50 veces máis potente que a heroína, o que o converteu nun dos opiáceos sintéticos máis destacados e temidos do mundo. En España, o fentanilo, que antes era un opiáceo marxinal, agora é o terceiro máis consumido (14 %) despois da codeína e o tramadol. Iso si, é usado como analxésico para tratar dores crónicas e severas, e comercialízase en forma de parches transdérmicos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.