Por Galicia Confidencial | Verín | 24/02/2024 | Actualizada ás 10:00
O Concello de Verín vén de presentar á veciñanza e ao tecido empresaria os proxectos para mellorar a xestión dos biorresidous no municipio. O acto contou coa presenza de Manuel Lorenzo, concelleiro de Xuventude, Feiras e Transportes e Julio Viétez, concelleiro de Xardíns, Obras e Servizos Públicos.
Un experto na materia explicou o contido da bolsa da lixo na que os restos de comida son case a metade do peso da mesma. Destacouse que a colaboración cidadá e imprescindible para o éxito desta iniciativa. Ofrécese con isto distintas vantaxes para o medio ambiente, como baixar a pegada de carbono do servizo municipal de recollida de residuos ou obter dos residuos un produto, o compost, que aporta nutrientes para o chan. Ademais, o éxito da campaña ten tamén como obxectivo a longo prazo baixar os custes de xestión dos residuos.
No rural, apostarase pola autoxestión da materia orgánica, fomentando a compostaxe doméstica. As persoas recibiran un composteiro, un manual e un aireador ademais de formación e seguimento. O material entregarase en un acto formativo e tras uns meses visitaranse as casas cos mestres composteiros. O único requisito é ter unha zona verde na casa de mais de 50 metros cadrados.
Doutra banda, no ámbito urbano, engadirase un novo contedor aos xa existentes na rúa, o contedor marrón. Este contedor, dedicado exclusivamente aos residuos orgánicos, presentará a peculiaridade de ter fechadura, polo que os veciños e veciñas que queiran participar na devandita iniciativa, deberán solicitar a súa tarxeta identificativa que terán xunto a un caldeiro, un paquete de bolsas compostables e unha guía. Desta forma, preténdese mellorar a separación dos residuos, facilitando a súa reciclaxe.
Para implementar estas iniciativas teranse en conta aos grandes produtores, polo que, de cara a que o proxecto sexa un éxito, recibiran, de balde, asesoramento e medios para levar a cabo esta transición.
Dende o concello indican que xa é posible apuntarse a estas iniciativas, tanto para o rural como para o urbano, a través da páxina web https://verin.rsu.gal/
APOIO E FINANCIAMENTO
Esta iniciativa, conta co apoio da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia e coa cofinanciación da Unión Europea a través do Fondo Europeo relativo ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da UE, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia - Financiado pola Unión Europea - NextGenerationEU.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.