Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 09/03/2024 | Actualizada ás 22:00
As prais galegas están cheas de cabichas de cigarros, unha problemática da que apenas nos decatamos porque estamos moi acostumados a velas e non lle damos a importancia que merecen. As cabichas contaminan e, aínda que son de pequeno tamaño, fano en maior medida da que pensamos, pois levan toda unha serie de compoñentes químicos que danan gravemente o noso medio ambiente e a fauna que nel habita. Mesmo cando as vemos tiradas polas beirrarúas das cidades hai posibilidade de que estas cheguen ao mar movidas polo vento ou arrastradas polas choivas. Tan complicado resulta coller os restos dos cigarros e tiralos no contedor de lixo correspondente ou nun cinceiro? Semella que si. Dende Galicia Confidencial, e tras realizar un repaso pola situación dalgunhas praias galegas en relación con esta problemática, falamos con Dayana del Puerto, da Asociación Noia Limpa, que nos conta que na vila de Noia, como en moitas outras ao longo de Galicia, as cabichas son un auténtico problema que está lonxe de solucionarse.
"Non só están cheas de cabichas as praias, tamén a propia vila e os paseos marítimos", conta Dayana, que asegura que "mesmo en praias que están catalogadas como 'sen fume' hai cabichas" e "nas que teñen bares preto é onde máis se atopan". Pon o exemplo da Praia das Gaivotas onde "se poden ver cabichas dende a zona onde aparcan os coches ata no propio areal". Para ela está claro que "a xente fuma nas praias libres de fume, iso é unha realidade", polo que non hai que tapar o sol cun dedo, como adoita dicirse. O pasado ano 2023 había en Galicia un total 92 areais (repartidos en 27 concellos) libres de fume na provincia da Coruña, aos que se suman outros 85 (en 27 concellos) na de Pontevedra, 34 (en 15 concellos) na de Lugo e 13 praias fluviais (en 11 concellos) na de Ourense. Cúmprese ese 'sen fume' nalgunha delas? Quen vixía para que así sexa?
Agora que a nova normativa que pretende sacar adiante o Goberno central para prohibir fumar en máis lugares como poden ser as terrazas dos establecementos de hostalaría e as propias praias, deixará de fumarse realmente nos areais? Para Dayana, "máis que prohibir, o que hai que facer é dar opcións", porque "fumar podes fumar, sempre e cando tires as cabichas no lugar que corresponde". Con todo, reflexiona que "o problema dos cigarrillos non só está nas cabichas, senón tamén no propio fume e na contaminación que supón ser fumador pasivo nunha praia". Lembra que, "cando fixemos a recollida de cabichas en Noia, unha persoa achegouse e preguntounos: por que eu non sendo fumador teño que aspirar o fume?".
EN 45 MINUTOS RETIRARON 5.200 CABICHAS DAS RÚAS DE NOIA
En concreto, dende Noia Limpa organizaron unha saída en marzo de 2022 para dar visibilidade a este problema das cabichas nas rúas e praias e o que se atoparon foi moito máis alarmante do que nun principio pensaron, e iso a pesares de que "Noia é un sitio no que hai varredores e no que se limpa con frecuencia e se recollen as cabichas". En total, "recollimos 5.200 cabichas en 45 minutos". Dividíronse en cinco grupos para controlar as zonas onde se atopan frecuentemente máis cabichas, e o resultado foi: na zona de Labarta e o Paseo Marítimo, 1.400 cigarrillos en 45 minutos; en Escultor Ferreiro e San Lázaro, 1.200; na Alameda, 1.000; no núcleo histórico (sen contar a Praza do Tapal, o Cantón e outras rúas pequenas), 850; e no Malecón de Gasset e na contorna do IES Virxe do Mar, 700. "Cando xuntamos todas as cabichas na mesma bolsa, cheiraba que apestaba", lembra Dayana, que apunta que atopáronse con moitas cabichas, ademais de no chan, en "macetas das plantas ou onde se plantan as árbores".
Estas cifras supoñen un verdadeiro problema, xa que, como apunta Dayana, "Greenpeace sinala que as cabichas conteñen máis de 100 substancias tóxicas, entre elas cobalto, aluminio, arsénico, níquel, alquitrán... e o filtro está feito de celulosa". Ademais, asegura que calquera destas cabichas atopadas nas rúas de Noia pode acabar facilmente no mar. "Ti o que tires nun pobo sempre vai ser movido polo vento ou pola choiva, ao facer limpezas ou polo alcantarillado, e pode chegar ao río ou ao mar", indica Dayana. De feito, estímase que unha soa cabicha é quen de contaminar entre 8 e 10 litros de auga salgada e ata 50 litros de auga doce, aínda que segundo os últimos datos de Greenpeace esta cifra sería moito maior, chegando a poder contaminar entre 40 e 1.000 litros de auga. Así mesmo, estas cabichas tardan 10 anos en descompoñerse e estímase que cada ano rematan nos océanos uns 5.000 millóns de cigarrillos.
Por iso, Dayana non pode entender que o tirar as cabichas ao chan "non se considere un mal hábito" e que "a xente o acepte como algo normal". "Se ves que alguén deixa os excrementos do can sen recoller vas e disllo, pero aos fumadores ninguén os ten observados e realmente tamén están a causar moito dano, están tirando lixo todos os días ao chan", plantexa. Ademais, recorda que fai ben pouco, o 7 de xaneiro de 2023, "saíra unha lei pola que as tabaqueiras estaban obrigadas a pagar a recollida de cabichas en toda España tanto nas rúas como nas praias". "Que pasou con esa normativa? Estanas limpando? Polo que se pode ver non creo que estean limpando nada", pregúntase Dayana. E é que dende aquela, España nin sequera dixo como se levaría a cabo a limpeza nin canto custaría esta á industria tabaqueira.
"O FEITO DE QUE AGORA O TAPÓN VAIA PEGADO Á BOTELLA NON QUITA QUE NON SE VAI CONTAMINAR: TIRARASE A BOTELLA CON TAPÓN E TODO"
Outro tipo de contaminación frecuente nas nosas praias son os tapóns das botellas. Agora unha nova normativa tamén obriga a que as botellas leven o tapón adherido. De seguro que xa te tes fixado, como consumidor, en que dun tempo a esta parte iso é así. Con todo, canta xente o solta porque resulta realmente incómodo á hora de beber? "Os tapóns que chegan ás praias son realmente unha pequena porcentaxe do que queda no mar, e non todo remata chegando á costa", apunta Dayana, que asegura que "o feito de que só nos cheguen os tapóns non significa que as botellas que os acompañaban non estean, senón que polo seu peso ao coller auga, poden quedar no fondo do mar e non chegar ás praias, polo que non as vemos". Mentres, "os tapóns teñen unha maior flotabilidade e, ao ser pequenos, chegan en maior medida". Por iso, para ela, "o feito de que agora o tapón vaia pegado á botella non quita que non se vaia contaminar, tirarase a botella con tapón e todo".
Preguntámoslle ata que punto a xente está concienciada a día de hoxe coa vertedura de residuos no mar e co lixo das praias e asegura que, dende Noia Limpa, ven que "dende que ocorreu a crise dos pélets a xente foise concienciando máis de todo o lixo que hai nos nosos océanos e do cal chega unha pequena parte ás praias". No que ten que ver co tema das cabichas, Dayana afirma que "levamos moito tempo dicíndolle á xente que abra os ollos e mire o que hai, porque se non somos conscientes pareceranos que os areais están limpos". "É como que xa non ves o lixo porque o ignoras, estás tan acostumado que non o ves e, cando comezas a ver unha parte, velo todo", asegura Dayana, confesando que "co tema dos pélets, moita xente espertou".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.