Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/03/2024 | Actualizada ás 16:44
O plan anticontaminación autonómico foi desactivado pola "baixa incidencia" na chegada de pélets plásticos á costa galega procedentes do colector perdido polo cargueiro Toconao a mediados de decembro do ano pasado.
A decisión foi adoptada este venres na reunión do Centro de Coordinación Operativa (Cecop) do Plan Camgal, que estivo encabezada polo subdirector xeral de Gardacostas, Lino Sexto; segundo trasladou a Xunta nun comunicado.
O Plan Camgal permanecía activo desde o 5 de xaneiro, cando se decretou a situación 1, elevada catro días despois ao nivel 2 e que volveu ao primeiro chanzo o 25 de xaneiro. Case dous meses despois da súa declaración, queda anulado despois de que "non se apreciasen novas chegadas significativas de máis granulado".
Así o recolle o comunicado do Goberno galego no que apuntan que as condicións oceanográficas dos últimos días eran "favorables" á entrada de material plástico procedente da carga perdida polo Toconao, pero o granulado non arribou ás praias de forma "significativa".
Por iso, o centro de coordinación acordou a desactivación total do plan anticontaminación, que xa fora rebaixado a nivel 1 a finais de xaneiro pola "reuducción notable da presenza de granza" nos areais que, segundo a Xunta, "non alcanzaba os cocientes mínimas recomendadas polos organismos internacionais para a súa recollida". Así pois, deciden completar a "desescalada progresiva dos medios de limpeza" e apostar "por unha vixilancia que permita actuar con velocidade ante calquera cambio".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.