Lixo e plásticos nas praias: "As cousas agora están moi mal"

Virginia Barros, presidenta da Asociación Mar de Fábula, reflexiona con Galicia Confidencial sobre a gran problemática dos residuos. Os temporais que estes días azotan a costa galega deixan ao descuberto o lixo que hai nos mares e, mesmo aqueles residuos plásticos que a xente bota no contedor amarelo, "a realidade é que case ningún se pode reciclar", porque "están feitos de distintos tipos de plástico que habería que separar".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 10/03/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As praias galegas tras os temporais que azotaron a costa nestes días parecen unha auténtica esterqueira. Cando o mar baixa, na liña das mareas, xunto coas algas e os restos orgánicos, aparecen enredados tapóns de botellas, cabichas de cigarros, variñas de bateas, botellas, biosoportes, cordas e artes de pesca e todo tipo de lixo desbotado polo ser humano. Neste tempo no que aínda é inverno e non hai apenas xente paseando pola praia, tampouco hai servizos de limpeza que se encarguen de mantela limpa, polo que toda esta contaminación faise máis evidente. Dende Galicia Confidencial, tras ir a comprobar de primeira man como se atopan varias das nosas praias na zona do Barbanza, preguntamos á Asociación Mar de Fábula pola situación.

Residuos de plástico nas praias
Residuos de plástico nas praias | Fonte: Axencia EFE

"As cousas agora mesmo nas praias están moi mal, eu achegueime fai dous días ata a praia de Ribeira porque tivemos unha ventá de bo tempo despois dos temporais e o panorama é estremecedor, hai todo tipo de lixo", cóntanos Virginia Barros, presidenta da asociación, que explica que "agora mesmo a xente non está indo ás praias e, polo tanto, non sería normal que aparecesen cousas como cabichas en praias catalogadas coma sen fume, pero é que o mar non coñece fronteiras, depende das correntes e dos ventos, das mareas, e leva para un lado e para outro o lixo", reflexiona.

Ante semellante problema, para Virginia unha boa solución sería copiar do que fan pequenos concellos do resto de España en materia de residuos. "Fai ben pouquiño, a pasada semana, o Concello de Ibiza sacou unha nova normativa pola que vai multar con 2.000 euros a quen tire as cabichas dos cigarros ao chan, tanto nas rúas como nas praias, e tamén a quen deixe sen recoller os excrementos dos animais", explica. E é que "non todos os municipios atenden a esta fonte de contaminación cada vez máis grande e xeralizada que son as cabichas". Para Virginia non se entende que "se a estadística di que a xente fuma menos, ou é que os que fuman fano moitísimo máis ou que hai menos conciencia ambiental".

"POÑER BANDEIRAS DE 'PRAIA SEN FUME' PODE VENDER MOITO, PERO QUEDA EN NADA SE NON SE APLICAN MEDIDAS SANCIONADORAS"

Virginia tamén chama a atención sobre outro lugar onde a contaminación se acumula: as cunetas das estradas. "Todos vemos cando vamos conducindo que hai moito lixo acumulado nas cunetas, a xente segue a tirar as cousas pola ventá do coche e, co que está chovendo, escorregan cara as cunetas, dende botellas ata cabichas", apunta, asegurando que "as cunetas parecen camposantos do lixo, dando a sensación de que ese lixo vai quedar aí por sempre, o cal me parece un verdadeiro escándalo". E é que aínda que tirar cabichas pola ventanilla xa leva anos prohibido, e facelo acarrea unha multa de 200 euros máis a perda de puntos, hai quen o segue a facer. Con todo, para Virginia ese é o camiño adecuado: "multar, multar e multar".

Refugallos de obras municipais nas cunetas de Touro
Refugallos de obras municipais nas cunetas de Touro | Fonte: Aldea Viva - Arquivo

Pois o poñer, no caso das praias, bandeiras co logo de 'praia sen fume' "pode vender moito, atraer ao turismo e o que sexa, pero é marketing puro para os concellos", pois todo queda en nada "se non se aplican medidas sancionadoras", algo que, na opinión desta ecoloxista, "non se fai porque a xente se lles tira enriba, non son medidas populares". Por iso alaba "a valentía deses concellos pequenos, non só de Galicia, senón de toda España, que aplican sancións e toman este tipo de medidas, porque aínda que poida parecer unha gotiña no medio dun océano moi grande, por algo hai que comezar". Pois semella que as praias só interesan no verán, mentres que durante o inverno para os concellos o seu estado pasa totalmente desapercibido.

"HAI MILLEIROS DE ENVASES QUE BOTAMOS AO CONTEDOR AMARELO CRENDO QUE SE VAN RECICLAR E, AGORA MESMO, CASE NADA SE PODE RECICLAR"

Ao preguntarlle pola medida do tapón adherido que agora incorporan practicamente a totalidade das botellas, Virginia cre que "está ben", aínda que "para o consumidor non é moi cómodo, pois eu, por exemplo, pásome o día pelexando para cerrar as botellas do leite, así que creo que este invento non o probaron moito no departamento de calidade". Ademais, para ela, "o que realmente funcionaría, neste sentido, e polo que estamos loitando asociacións ecoloxistas, asociacións de veciños e sindicatos de toda España (xa hai 115 firmantes do manifesto), é que se cumpra a lei de residuos, e que se cumpra o decreto lei de envases". Así, demandan as mesmas máquinas de reciclaxe "que xa funcionan en tantísimos países cun éxito do 90 e pico por cento". "Sería un bo paso, tampouco é a panacea, pero pouco a pouco", di.

Nesta liña, tamén aposta por "conseguir que os produtores e fabricantes de produtos usen un mesmo plástico para todos os seus produtos". Por que? "Porque hai milleiros de envases que nós botamos ao contedor amarelo crendo que esa botella se vai reciclar, e a realidade é que non se recicla, porque non é posible nin viable andar separando un tipo de plástico doutro, ao estar fabricada con diferentes tipos", asegura Virginia, que conclúe que, "lamentablemente, agora mesmo, case nada do que se bota no contedor amarelo se pode reciclar". Deste xeito, a pesares de que cada vez hai máis xente concienciada co tema da economía circular, "que sería o ideal, xa que o que para uns é un residuo para outros é un recurso", a realidade é que "o sistema capitalista e consumista no que vivimos está encamiñado a que non paremos de consumir".

SINATURAS PARA LOGRAR QUE OS PÉLETS SEXAN CONSIDERADOS MERCADORÍA PERIGOSA E CONSEGUIR UNHA AUDIENCIA CON MEDIO AMBIENTE DA XUNTA

Se ben é certo que coa crise dos pélets moita xente abriu os ollos e deuse conta da gran problemática que supón a contaminación dos océanos. Dende Mar de Fábula e a asociación Noia Limpa seguen impulsando unha petición en Change.org para lograr "presionar para que os pélets de resina de plástico sexan considerados e tratados como mercadoría perigosa". Como explica Virginia, "non porque os pélets en si sexan perigosos, algúns si e outros, como os do 'Toconao', eran para embalaxes para o consumo, pero o que si é perigosísimo é se caen ao medio ambiente, porque logo son moi difíciles de apañar". A única forma para conseguir que sexan tratados como mercadoría perigosa é facendo presión en Europa, para o cal "estamos a recoller firmas". Ademais, tamén pretenden "pedir unha audiencia con Medio Ambiente da Xunta de Galicia para abordar a cuestión, para o que precisamos chegar con moitas firmas". Polo momento, levan algo máis de 47.000 sinaturas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta