Por Galicia Confidencial | Compostela | 05/03/2024 | Actualizada ás 11:12
O campo está en loita e con moita razón. As actividades do campo sempre estiveron moi mal valoradas e xestionadas na Unión Europea (UE). Neste momento, a UE está a perder unha grade oportunidade para levar a cabo unha transición verde e xusta, precisamente aproveitando o potencial das actividades do campo, en cuanto a súa capacidade de xerar recursos sostibles para unha sociedade cada vez máis consciente cos problemas climáticos do planeta.
Un dos problemas importantes na xestión das actividades do campo é que non existe unha contabilización previa do valor social de ditas actividades. Poñamos como exemplo o caso do sector lácteo galego. Sabemos o que se paga nos supermercados por un litro de leite (prezo de mercado), sabemos que deste prezo o produtor recibe unha parte, que en moitos casos non cubre os custos de produción, pero seguimos sen saber o valor dun litro de leite. Se non temos valorado axeitadamente o que producimos, como vamos a xestionar axeitadamente esa produción?
Resulta imprescindible empezar a contabilizar as actividades do campo segundo o seu valor neto social. Indícase o termo neto porque estas actividades tamén poden ocasionar efectos sociais negativos que deben contabilizarse. O valor neto social debe ter como mínimo tres compoñentes: os custos de produción, unha marxe normal de beneficio e as Externalidades Netas Sociais (ENS). As ENS recollen os efectos netos sociais positivos que as actividades do campo sexan para a sociedade, adicionais aos propios produtos agrarios. Entre estes efectos netos sociais positivos poden citarse, entre outros, os seguintes: son actividades que axudan a protección do medio ambiente, contribúen a fixar poboación no rural, son a grande despensa da produción ecolóxica, subministran produtos de calidade e de proximidade... Todos estes efectos positivos é posible cuantificalos e rexistralos mediante o establecemento dunha axeitada contabilidade social e ambiental das actividades do campo.
É precisamente este tipo de contabilidade e concretamente o valor do compoñente ENS mencionado, conxuntamente con outros aspectos que se podan considerar, o que debe ter en conta a UE para establecer as súas políticas e axudas ao campo, na busca desa desexable transición verde e xusta.
Parece que na UE xa se deron conta de que o modelo hiperintensivo de produción e distribución dos produtos do campo non é sostible. Que hai que mudar a un sistema de produción cada vez máis en ecolóxico que permita abastecer os distintos mercados con producións de proximidade. Este novo sistema de produción é mais caro, pero xera máis ENS. Se só valoramos os maiores custos e non as ENS o sistema non vai a funcionar. En definitiva, debemos mudar a forma de producir e o mesmo tempo mudar a forma de valorar o que producirmos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.