Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 12/03/2024 | Actualizada ás 21:25
Despois de falar da problemática dos residuos nas praias con numerosos colectivos ecoloxistas que nos alertaron da alarmante situación (especialmente visible no inverno despois dos temporais, que arrastran todo o lixo agochado no interior do mar á costa), dende Galicia Confidencial puxémonos en contacto con Manuel Soto Castiñeira, catedrático da Universidade da Coruña (UDC) pertencente ao Departamento de Química, experto na análise de residuos nas praias, para que nos conte realmente cales dos residuos que chegan aos nosos areais son os máis preocupantes dende o punto de vista medioambiental.
Antes de comezar, fai o apuntamento de que, realmente, os residuos máis contaminantes son precisamente os que non chegan ás praias, como "determinado tipo de líquidos e algún que outro residuo que se dispersa no mar, como aceites e hidrocarburos". "Eses son os residuos máis perigosos", asegura Soto, que engade que "hai grandes verteduras dos mesmos no mar, dos cales hai unha parte que tamén chega dende terra, pero a meirande procede tanto da maquinaria como dos propios buques, que sofren perdas durante a navegación". Agora mesmo, como indica, estanse a recoller moito en portos, pero resulta imposible chegar a todo. Faise mediante barrerasy bombas, aínda que se precisan diferentes equipos porque ao ser derramados, os hidrocarburos cambiarán as súas propiedades, dende a viscosidade ata a rapidez de movemento.
Partindo desa base, dos demais residuos que finalmente chegan ás praias, os que poderiamos chamar residuos sólidos, "o máis abundante e tamén o máis contaminante é o plástico", que tamén "é o máis estendido no seu uso como embalaxe, para envases de bebida, para fabricar artes de pesca, caixas, contedores e mesmo como parte de estruturas". E é que aínda que se descoñece a cantidade exacta de plásticos que hai nos mares, estímase que poderían ser entre 5 e 50 billóns de fragmentos flotando. Un 15 % chega ás praias. Xunto ao plástico, aínda que en moita menor cantidade, pódese atopar madeira, que "aínda que poida parecer que non ten problema, moitas veces vén tratada, polo que tamén ten contaminación polas substancias tóxicas que se lle deron". E, máis residualmente, poden aparecer algúns que outros metais.
Con todo, o catedrático da UDC resalta que "o máis preocupante de todo son os plásticos, primeiro porque duran moito tempo e despois porque non son biodegradables", é dicir, "tardan anos e mesmo décadas en desaparecer"; e tamén porque "levan toda unha serie de aditivos que non fan que xa non só o problema sexa o plástico, o compoñente en si que coñecemos, senón tamén o polietileno, o polipropileno, as poliolefinas, as poliamidas... e demais aditivos que se lle botan ao plástico segundo se vaia usar cunhas características ou con outras". Aditivos que, como asegura Soto, "son moi contaminantes", aínda que "no plástico estean en pequenas cantidades, ao final ao chegar ao medio ambiente procedentes de diferentes plásticos rematan concentrados en grandes cantidades".
UN 90 % DOS PLÁSTICOS DO MUNDO NUNCA PASARON POLA RECICLAXE
Ademais, a reciclaxe de plástico é xa de por si complicada tal e como está concibida na actualidade. O catedrático da UDC asegura que "a pesares ou precisamente porque vén da industria, o plástico é un produto que parte dunha elaboración moi precisa, industrial e controlada". Así as cousas, afirma que "é un dos materiais que menos se reciclan, estando por debaixo da materia orgánica, do papel e do vidro". Por que? "Porque non podemos falar de plástico en si, senón de alo menos 7 tipos de plástico diferentes, que están moi comunmente nos residuos (tereftalato de polietileno, polietileno de alta densidade, policloruro de vinilo, polietileno de baixa densidade, polipropileno, poliestireno e outros como policarbonato, estireno, nylon...", conclúe. E, obviamente, non é o propio consumidor o que tería que diferenciar que plásticos si pode e cales non reciclar, porque "en todos os modelos de recollida os plásticos van xuntos, pero hai moitos nos que nin sequera está indicado recollelos ou separalos".
Por exemplo, non é posible reciclar os plásticos que están mesturados con outro material como pegamento, aluminio ou resinas, porque é moi difícil separalas; tampouco é posible reciclar algúns plásticos de cor porque os seus pigmentos poderían danar as máquinas. Tamén é difícil reciclar os residuos plásticos que foron degradados polo sol durante moito tempo porque perden calidade; e non é posible reciclar os plásticos cuxa composición se descoñece porque isto pode alterar todo o proceso de reaproveitamento. Hai algúns tipos de plástico, como o PVC (que se atopa por exemplo en canalizacións) que desprenden algunhas partículas tóxicas, polo que non é un material apto para ser reutilizado en alimentos nin para ser queimado. E hai outros tipos de plástico de difícil manexo que requiren un procedemento químico de reciclaxe que, ao final do día, resulta custoso, ineficiente e moi contaminante. Isto fai, segundo os datos de Greenpeace, que un 90 % dos plásticos que existen no mundo a día de hoxe non pasasen nunca por un proceso de reciclaxe.
O MODELO DE RECICLAXE DE SOGAMA TEN MENOS DUN 20 % DE RECOLLIDA
En concreto, Soto apunta que "o único sistema que temos aquí é o de recollida de residuos dos envases de Ecoembes, que son os que levan o punto verde (a presenza do símbolo rexistrado do punto verde nun envase indica que se pagou unha contribución económica por dito envase a unha empresa nacional de recuperación de residuos de envases creada de acordo cos principios da Directiva europea 94/62/CE), só presente naqueles produtos de comerciantes adheridos a Ecoembes". Pero ademais destes, "hai outros materiais de plásticos, dende bolsas ata outros envases que non entran nesta reciclaxe, e ninguén se fai cargo deles". Así, chega un momento no que a todo ese material que non se recicla por parte de Ecoembes "o único uso que se lle da é como recheo, é dicir, cóllese a masa resultante de mesturalo todo e amásase e úsase para encher ocos de equipos nos que mesmo pode actuar como aillante", algo que "tampouco está indicado para iso, rematando así por ter un uso pouco razoable para un material deste tipo".
Entón, cantos tipos de plásticos se reciclan ao final? Soto indica que "tres ou catro (entre eles o polietileno tereftalato, clave na industria da alimentación; o polietileno de alta densidade, para botellas ríxidas para produtos de limpeza; o polietileno de baixa densidade, usado para fabricar bolsas do lixo; e o polipropileno, un dos máis versátiles no seu uso tras a reciclaxe), pero a maior parte quedan sen recoller, e non por problema para identificalos, senón porque os modelos de recollida de residuos que temos agora mesmo son ineficientes: o modelo de Sogama, en concreto, é moi ineficiente, ten menos dun 20 % de recollida; e, no caso galego, na planta de reciclaxe de Nostían e no Barbanza si que recollen máis, pero sen embargo é o modelo que está a piques de desaparecer, a pesares de recoller tres ou catro veces máis cantidade de plástico que Sogama". De feito, o motivo polo cal está a piques de desaparecer é precisamente porque non se corresponde co modelo Ecoembes.
"NON SEMPRE HAI QUE BOTAR A CULPA AO CONSUMIDOR, TAMÉN Á INDUSTRIA"
Tamén nos apunta sobre os residuos que se botan polo inodoro e rematan nas praias que dende a UDC teñen traballado enormemente sobre esta cuestión, tanto no que ten que ver coa difusión de información como en primeira liña de estudo a pé de praia, con análises. E Soto indica que "estamos na mesma cadea". E pide que "non se centre, como adoita facerse, a culpa no consumidor, porque o consumidor ao final consume o que ten ao seu alcance e non ten moito sentido dicir que a xente non está educada dende o punto de vista medioambiental cando temos un modelo social de consumo no que hai produtos contaminantes tan asequibles pensados para cubrir unha necesidade, a prezos moi baratos". "A xente vainos usar e logo van crear problemas, problemas que non se teñen en conta porque as industrias os consideran externalidades, é dicir, factores secundarios, e non os toman en conta cando poñen os produtos no mercado", incide o experto.
Como exemplo do modelo de consumo actual fala das toalliñas húmidas, que non son biodegradables, porque non son feitas de papel, pois o papel dispersaríase nas augas residuais, tratándose nas estacións depuradoras. Están feitas de plástico e "o plástico crea un grave problema, xa nas propias redes de sumidoiros, e posteriormente nas estacións depuradoras, para finalmente rematar no medio ambiente, onde permanecen anos e anos". Neste caso, en moitas está indicado que se poden tirar polo WC, entón, "de que educación ambiental falan?". Outra cousa é a educación ambiental "cando falamos doutro tipo de compoñentes, por exemplo, as cabichas, os aplicadores de tampóns ou residuos que non deben ir polo inodoro". Aínda que algúns deles "son moi necesarios, hai outros que non, e mesmo os que son necesarios teñen alternativas en moitos casos". Por que se tiran polo inodoro? Soto considera que "por comodidade" e, neste aspecto, "si que entra a educación ambiental". A solución, dende a parte das empresas, sería sinxela, por exemplo, no caso das toalliñas, facéndoas biodegradables, como se fixo coas palliñas no seu tempo.
"ÁS PRAIAS SÓ ESTÁN CHEGANDO OS PLÁSTICOS QUE FLOTAN NA LIÑA DE AUGA"
Este experto tamén lembra que o que chega ás nosas praias é só unha pequena, moi pequena parte, do que está depositado no fondo do mar. "Ás praias están chegando os plásticos que están flotando na liña de auga e que poden quedar na superficie, moitos rematan soterrados na area, dependendo un pouco da súa tipoloxía, e vanse acumulando, pero tamén hai moitos que se rematan acumulando no fondo do mar", explica.
E indica que "despois sempre hai desintegración, queiramos ou non, mesmo dos plásticos, porque se van rompendo en partículas máis pequenas e van evolucionando de grandes plásticos a microplásticos, visibles e de ata 5 milímetros de tamaño, de aí para abaixo, e logo xa pasamos aos nanoplásticos; toda unha cadea ata que desaparecen". Precisamente, estase comezando a estudar a parte dos nanoplásticos, porque "antes non se vían e non se lles daba importancia, pero agora vemos que están na auga potable e mesmo na mineral procedente dos envases".
"A AUGA DA BILLA TEN NANOPLÁSTICOS, PERO A EMBOTELLADA TAMÉN"
E é que aínda que moitas veces se pensa que a auga envasada é mellor que a da billa, o certo é que isto non é de todo así. "Dende un punto de vista da sustentabilidade e mesmo da calidade, dende a UDC non paramos de recomendar a auga da billa, que sae máis económica e mesmo pode ser máis saudable", reivindica Soto, que asegura que "chámame moito a atención cando vexo á xente cargando con quilos e quilos para levar auga embotellada á casa cando lle chega a da billa". O catedrático da UDC asegura que, "sacando algunha situación concreta ou algunha localidade ou edificio ou traída que non conta con boas condicións de sabor ou teña circunstancias particulares, en xeral moitas veces o non consumir a auga da billa trátase dun prexuízo e dunha percepción persoal".
Neste sentido, incide en que "ese esforzo que un fai para levar a auga embotellada ata a casa é proporcional ao impacto que se crea ao mesmo tempo, polos envases que se usan para embotellar a auga" e asegura que "non é mellor a calidade". Ademais, a iso habería que sumar "o custe económico, estamos pagando unha auga que é 500 veces máis cara que a que temos xa na casa e que é máis saudable". De feito, Soto bota man dun estudo recente que identificaba nanoplásticos na auga mineral e, "efectivamente, atoparon cantidades grandísimas". "Sempre se miraban partículas grandes e non había moitas, pero cando foron a mirar as máis pequenas, as que se desprenden dos propios envases, había moitísimas", explica. Por iso, como estas nanopartículas tamén están presentes no medio en xeral, "a auga da billa non vai estar libre delas, pero a auga mineral tampouco o está, contra o que poida pensarse", conclúe o catedrático da UDC.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.