Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 05/03/2024 | Actualizada ás 19:43
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, avanzou que está disposto a someterse a unha cuestión de confianza para sacar adiante os orzamentos municipais deste ano que presentará proximamente aos grupos do consistorio para tratar de lograr os apoios suficientes para a súa aprobación. Este martes, o rexedor ourensán ofreceu unha rolda de prensa na que abordou a súa "folla de ruta" para o mandato que conclúe en 2027 e no que marca como primeiro obxectivo a aprobación dunhas contas que superen os orzamentos en vigor, prorrogados desde o ano 2020.
"No pasado mandato a situación era moito máis complicada, presentamos unha cuestión de confianza e aprobamos 63 millóns de euros", destacou Jácome, que, por aquel entón, perdeu a votación sobre unha modificación de crédido pero continuou á fronte do concello porque a oposición non presentou unha alternativa de goberno. Agora, Jácome está disposto a recorrer a esta mesma vía para sacar adiante as contas este ano. "Non me tremerá o pulso", aseverou antes de sentenciar que non ve posible que PP e PSOE se poñan dacordo para apartalo da Alcaldía.
Durante a súa comparecencia, o alcalde ourensán presumiu da "forte estabilidade" que di que existe entre o concello e a Deputación de Ourense, en alusión ao pacto asinado no 2023 polo que a súa formación e o Partido Popular manterían respectivos apoios en ambas as institucións, onde non ostentan a maioría absoluta. "Hai unha forte atracción, como a da Lúa e a Terra", manifestou Jacome, que sostivo que "ás veces hai forzas de equilibrio" e se mostrou convencido de que esgotará o mandato.
ORZAMENTOS
Así pois, Jácome asegurou que os orzamentos nos que traballa o seu equipo serán "bastante distintos" aos de 2020, aprobados cando D.O. compartía goberno co PP. Neste sentido, anunciou que haberá unha nova relación de postos de traballo "con menos categorías" e tamén que se eliminarán "ás 100%" subvencións a dúas federacións de veciños, "axustaranse partidas" e cancelaranse "outras que non teñen sentido".
No referido a a relación de postos de traballo, considera a actual "unha auténtica animalada" xa que "hai trescentos e pico clasificacións distintas" para un persoal de 700 traballadores municipais, "o que entorpece e fai postos estancos". Por iso, prioriza unha nova RPT "con postos moi claros" fronte aos gobernos de PP e PSOE, aos que acusou de "crear prazas ad hoc". Na mesma liña, criticou que o concello "ten herdanza de centos de enchufados" e dixo que é necesario "puír" para primar os intereses dos cidadáns.
PLAN DE URBANISMO E TERMAS
Tamén se referiu ao Plan Xeral de Urbanismo municipal, pendente de informes xurídicos para poder ser entregado e poder ser aprobado de forma provisional con cambios respecto ao elaborado na etapa na Alcaldía do popular Jesús Vázquez. "Non é unha condición indispensable, Madrid ou Barcelona non teñen plan desde hai corenta anos", matizou, antes de incidir en que na cidade existiu "unha mafia" que sobredimensionaba "unhas edificacións fóra de ordenación en detrimento de outras". "Non o imos a permitir", apostilou.
No apartado de ordenanzas, avanzou que a do transporte municipal, que inclúe a súa gratuidade, "está próxima" a licitarse e que a seguinte será a de limpeza. Ademais, anunciou que o IBI "se manterá ao mínimo" e haberá unha redución do imposto de circulación.
En canto ao termalismo, Jácome avanzou que traballan nun modelo de pago que supere o "modelo cutre" que, ao seu xuízo, foi elaborado polos seus predecesores no cargo. Sen entrar en detalles, indicou que as tarifas serán "baratas" para os ourensáns dentro dunha xestión privada e que se proxectan dous novos balnearios na cidade.
Así mesmo, anunciou a instalación de ramplas mecánicas en dous barrios e enxalzou o Parque Canedo, que xa está adxudicado para empezar as obras en xullo e poder ser inaugurado no verán do 2026. "Vai ser dos mellores parques urbanos de España, un auténtico oasis", manifestou.
Por outra banda, Pérez Jácome explicou que este mes "haberá pequenos movementos" nas asignacións de competencias entre os concelleiros do goberno municipal, como consecuencia da incorporación do edil Armando Ojea ao Parlamento de Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.