Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/03/2024 | Actualizada ás 15:54
O conselleiro do Medio Rural, José González, afirmou que a Xunta está "a disposición de executar calquera sentenza que sexa firme". A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) emitiu un auto no que aprema á Xunta para que informe sobre a execución dun fallo que recoñece o dereito das granxas de carne de menos de 10 vacas (que non sexan de autoconsumo e teñan declarados ingresos pola actividade) a cobrar a axuda que este departamento habilitou durante a crise da covid-19, no ano 2020.
A preguntas da prensa este venres tras ese requirimento do TSXG, o conselleiro indicou que este caso "está en incidente de execución". "No seu caso, se nos requiren, evidentemente, será contestado", asegura. "No seu momento optamos por unha liña de financiamento que entendiamos que era a correcta", defende. Nun auto, con data do 1 de marzo de 2024, ao que tivo acceso Europa Press, o TSXG dá un prazo á Consellería de Medio Rural para que traslade á Sala "as dilixencias practicadas para o cumprimento da sentenza" ou, en caso contrario, aclare "a causa que llo impida".
Este auto emítese por mor da petición realizada polo Sindicato Labrego Galego (SLG) para que se cumpra o fallo, pois no seu día deulle a razón o TSXG en sentenza de 2022, ratificada polo Tribunal Supremo. E é que só se concedeu o apoio a explotacións cun mínimo de 10 vacas nutrices. O Sindicato Labrego Galego calcula que máis de 10.000 granxas de carne víronse prexudicadas por esta orde, con axudas mínimas de 600 euros, o que supón un desembolso pendente de máis de 6 millóns de euros por parte da Xunta.
PACTOS DE PREZOS EN SECTOR CÁRNICO
Por outra banda, cuestionado polos medios en relación coa denuncia presentada por Unións Agrarias (UU.AA.) ante organismos de control e competencia contra as industrias cárnicas por incumprimentos da lei de cadea alimentaria mediante un suposto pacto de prezos, José González mostrouse "a favor da prohibición da venda a perdas".
Non entanto, sinala que se necesita que haxa "seguridade xurídica na acreditación dos custos de produción". "Se non, podemos xerar un efecto negativo nos agricultores e gandeiros que pensan que están protexidos se van a un tribunal e, se non son capaces de acreditar os custos de produción, non van ser tampouco capaces de facer efectiva a prohibición de venda a perdas", afirma.
Considera que hai que "ser capaces de acreditar con efectividade os custos de produción". Opina que os produtores deben vender con prezos que cubran custos de produción "máis unha marxe de beneficios", xa que "son empresarios que teñen que ter a súa rendibilidade" en prol da "sustentabilidade económica". Lembra que hai diferentes estudos realizados que impulsou a Xunta no sector cárnico, pero cre necesario "maior fineza xurídica para que eses estudos de custos de produción teñan máis efectividade".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.