Así foi a xestión da deriva do petroleiro Neón feita por Salvamento: dúas embarcacións avisadas e contacto continuo

O venres pola tarde perdérase o sinal dun petroleiro de bandeira de Palaos fronte ás costas galegas, a 60 millas. Manuel Capeáns, xefe do Centro de Coordinación de Salvamento Marítimo de Fisterra, detalla a Galicia Confidencial que este suceso ocorre cunha media de 25 dos 36.000 barcos que anualmente pasan fronte ás costas galegas.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 11/03/2024 | Actualizada ás 21:25

Comparte esta noticia

O venres pola tarde perdérase o sinal dun petroleiro de bandeira de Palaos fronte ás costas galegas, segundo fontes consultadas polo Galicia Confidencial e confirmado logo con Salvamento Marítimo. Tratábase de Neón, un tanque de petróleo crudo que foi construído no ano 1999 (fai 25 anos). Neón perdera a cobertura en varias ocasións durante a súa viaxe, iniciada fai dez días, polo que tampouco saltaron os sinais de alerta. Afortunadamente, non houbo que lamentar males maiores xa que este domingo volveu ter cobertura e informar da súa posición. O petroleiro saiu o pasado 28 de febreiro de Primorsk, en Rusia, e diríxese cara o Porto de Said, en Exipto. Dende o GC preguntámoslle a Salvamento se sucesos deste tipo son habituais e como os abordan.

Última posición de Neón
Última posición de Neón | Fonte: Marinetraffic - Arquivo

Manuel Capeáns, xefe do Centro de Coordinación de Salvamento Marítimo de Fisterra, cóntanos que "do total de barcos que pasan fronte ás costas galegas ao ano, uns 36.000, aproximadamente 25 (menos do 0,07 %) sofren un problema a bordo polo que se quedan á deriva sen goberno (término usado para definir o estado no que onte se quedou o Neón), é dicir, sen capacidade de respostar polos seus propios medios". Para abordar estas situacións, desde Salvamento "pomos todos os medios posibles para realizar un seguimento e unha monitorización intensa do buque en cuestión".

En concreto, Capeáns explica que cando os buques pasan fronte ás costas galegas, atravesan o coñecido como dispositivo de separación do tráfico marítimo (TTS), de tal xeito que todos están monitorizados, pois recíbese á alerta do seu paso. "Como dos 36.000 só 25 teñen poblemas (estadística que se obtén dos datos medios dos últimos 10 anos), temos noticia completa e detalladamente do que lles acontece", sinala, asegurando que se trata "dunha actividade bastante rutineira", pois afortunadamente non hai que lamentar maiores sobresaltos na maioría das ocasións. A maioría dos barcos que pasan informan sinxelamente de que veñen do sur e van cara o norte ou ao revés, e eses 25 ao ano informan de problemas singulares que os deixan tecnicamente á deriva sen goberno.

OS PROPIOS BUQUES ESTÁN OBRIGADOS A INFORMAR DA INCIDENCIA

O xefe do Centro de Salvamento Marítimo de Fisterra asegura que "hai veces que son os propios buques os que nos informan da incidencia, algo ao que están obrigados, e outras detectámolos nós cos nosos sistemas de localización e seguimento". Sexa como sexa, en calquera caso "iníciase un primeiro contacto co barco, chamámolo por radio, por teléfono satélite ou por radio marítima, polo sistema de telecomunicación que corresponda en cada caso, e a partir de aí, unha vez coñecido o que acontece, realizamos un seguimento moi intenso, unha monitorización exhaustiva, estando en continua comunicación cos buques que sofren o problema para que nos vaian actualizando o que lles acontece".

O petroleiro Neón
O petroleiro Neón | Fonte: Marinetraffic - Arquivo

Este foi precisamente o xeito de actuar co Neón, o petroleiro con bandeira de Palaos, do que, aínda que para o público en xeral se perdera a pista o venres, "o servizo de tráfico marítimo, é dicir, nós, sabiamos exactamente onde estaba e o que lle estaba a acontecer", cóntanos Capeáns, que incide en que "non hai ningún intre no que nós non saibamos o que está a acontecer co barco". Lanza así unha mensaxe de tranquilidade á poboación xeral, porque "unha vez que o barco nos chama ou que nós polos nosos propios medios detectamos que hai un barco á deriva sen goberno e contactamos con el, facemos un seguimento moi intenso".

O 'NEÓN' INICIOU UNHA ACCIÓN DE MANTEMENTO QUE O DEIXOU Á DERIVA

No caso do Neón, en concreto, Capeáns detalla que "o barco iniciou unha acción de mantemento, como pode ser por causa dunha avaría, e esta acción deixouno á deriva sen goberno durante un tempo". Foi o propio buque o que, como debe facer, informou do que lle acontecía, co preceptivo 'securité', como se coñece ao dispositivo que, segundo detalla Capeáns, informa a todos os barcos que están nas inmediacións e a todos os servizos de tráfico marítimo de que está a facer esa acción. Para que? "Para que os barcos que naveguen preto del manteñan un amplo resgardo, xa que durante o tempo que dure esa acción de mantemento o buque non ten medios propios de propulsión ou goberno para manterse apartado deles".

Dende Salvamento Marítimo, "unha vez escoitamos esa comunicación por parte do barco, esa 'securité', puxémonos en contacto con el e pedímoslle detalles da súa carga e do problema abordo". O xefe de Salvamento de Fisterra explica que, como nese momento o Neón se atopaba a 60 millas da costa, o que se fixo foi prealertar aos buques de resposta de Salvamento: ao buque 'Don Inda', que fai base en Cee; e ao buque 'Sar Gavia', que fai base na Coruña. "Déronselle as características do Neón, díxoselles que tiña problemas e informóuselles por se finalmente este fose derivando e achegándose á costa, por se polos seus propios medios non fose quen de manterse separado dela, mobilizar os nosos medios e facer un remolque levándoo cara un lugar seguro", detalla Capeáns.

TODO O QUE NON É DE CARÁCTER MILITAR TEN RESPOSTA DE SALVAMENTO

Esta é unha das moitas situacións de emerxencia no mar ás que fan fronte e seguimento dende Salvamento Marítimo. Entre outras, Capeáns pon o exemplo dun pesqueiro que fai pouco quedou atrapado no Freixo ou o dun veleiro no que a persoa que navegaba nel quedou dentro do barco 16 horas sen poder saír e houbo que acudir ao seu rescate. "De todo o que acontece no mar e que non é de carácter militar, que sería competencia da Armada, todo o que ten que ver co tráfico civil e de mercancías, xestiónase dende os servizos de tráfico marítico e de Salvamento Marítimo", conclúe o xefe de Salvamento Marítimo de Fisterra.

Manuel Capeáns, xefe de Salvamento Marítimo de Fisterra
Manuel Capeáns, xefe de Salvamento Marítimo de Fisterra | Fonte: Cedida - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta