E se puidese detectarse a Covid persistente a través do sangue?

Un estudo do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), dependente da Universidade de Santiago de Compostela (USC), sinala aos lípidos en sangue como potenciais biomarcadores da Covid persistente.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/03/2024 | Actualizada ás 12:03

Comparte esta noticia

Un estudo do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), dependente da Universidade de Santiago de Compostela (USC), sinala aos lípidos en sangue como potenciais biomarcadores da Covid persistente. Este ensaio, liderado pola investigadora do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) Rebeca García Fandiño e con Pablo F. Garrido como autor principal, supón "un avance na comprensión destas secuelas e abre a porta a mellorar o seu tratamento".

Os expertos analizaron o plasma de 147 pacientes con Covid persistente. Segundo explican nun comunicado, utilizando técnicas de lipidómica, estudaron un espectro de case 400 lípidos polares distintos. A partir de aí, recorreron a técnicas avanzadas de minaría de datos e aprendizaxe automática para desenvolver modelos de clasificación precisos que distinguen entre pacientes sintomáticos e asintomáticos de Covid persistente.

A análise revelou alteracións específicas relacionadas coa inflamación e a resposta inmunolóxica continua, "ofrecendo unha nova perspectiva sobre a natureza persistente da Covid". Ademais, destacan que algúns destes lípidos foron identificados como potenciais biomarcadores, o que permitiría levar a cabo diagnósticos máis precisos e desenvolver tratamentos específicos para esta enfermidade.

Apuntan tamén que o achado, publicado recentemente en Journal of Infection and Public Health, foi posible grazas á colaboración entre médicos e investigadores de distintos perfís. O proxecto reuniu a expertos do CiQUS, a Facultade de Física da Universidade de Santiago de Compostela, o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), a Universidade de Córdoba e a Universidade do País Vasco.

"Esta investigación complementa os achados recentes no campo da proteómica, onde se relacionou a Covid persistente con alteracións a nivel proteico". sinala a investigadora principal do CiQUS. Incide en que ambos os enfoques, proteómico e lipidómico, son "fundamentais" para unha comprensión integral da enfermidade, "destacando a importancia dunha visión multifacética na investigación médica".

García Fandiño destaca que o presente traballo "non só engade unha peza crucial ao crebacabezas da Covid persistente, senón que tamén recalca a necesidade de explorar diversos camiños científicos para desentrañar os mecanismos detrás das secuelas virais". "Con estes avances, estamos un paso máis preto de desenvolver terapias máis eficaces e personalizadas, mellorando así a calidade de vida de quenes enfrontan os efectos prolongados da Covid", asegurou.

Entrada do recinto feiral Expourense, onde se vacina contra a Covid-19
Entrada do recinto feiral Expourense, onde se vacina contra a Covid-19 | Fonte: Rosa Veiga - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta