A avogada do condenado polo asasinato e posterior queima dun home en Toques non ve probas para a súa condena

Na apelación ante o TSXG, expuxo tamén repetición do xuízo fronte a Fiscalía e acusación que reclaman a ratificación da pena.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/03/2024 | Actualizada ás 13:15

Comparte esta noticia

A avogada do home condenado a 14 anos e medio de cárcere por matar e queimar a un veciño de Toques en 2019 solicitou a libre absolución do seu cliente ou, alternativamente, a repetición do xuízo. Entre outros motivos, alega quebrantamento de normas esenciais e vulneración da presunción de inocencia, segundo manifestou tanto aos medios de comunicación como na súa exposición na apelación celebrada este luns no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Entre outras cuestións, a letrada puxo en dúbida uns "indicios" que levaron á condena do seu cliente e tamén a declaracion do primo deste xa que, ao seu xuízo, non é "válida". "Entra en contradicións con outras probas, non hai mínima corroboración obxectiva que indique que é veraz", sentenciou. "Non hai proba suficiente para que se lle declare autor dos feitos", insistiu ao incidir en que, ao seu xuízo, hai "contradición" cando o seu cliente foi condenado e os outros dous acusados non.

Todo iso fronte aos argumentos de Fiscalía e acusación particular para solicitar que se manteña a pena de 14 anos e medio de prisión que ditou a sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña, en base ao veredicto do xurado e que a defensa recorreu ante o alto tribunal galego. O seu cliente atópase nestes momentos en liberdade porque, segundo precisaron fontes do TSXG, a Audiencia non acordou o seu ingreso en prisión ao entender que non hai risco de fuga debido ao arraigamento existente. Non entanto, como medidas cautelares ten vixente a prohibición de saída de España, retirada do pasaporte e obrigación de comparecer dous días á semana no xulgado.

FEITOS

Na sentenza, o acusado foi considerado culpable de homicidio, polo que se lle impuxo unha pena de 12 anos de prisión, e de danos, cunha condena de dous anos e seis meses de cárcere. Pola mesma causa, había outros dous procesados: o seu irmán, que resultou absolto, e o seu primo, que foi declarado non culpable tanto do delito de danos como do de encubrimento.

Os feitos remóntanse ao 27 de marzo de 2019 cando despois das 17,00 horas a vítima atopouse cun dos dous irmáns nas proximidades da casa dos acusados. Por mor deste encontro produciuse unha discusión que derivou nunha pelexa na que a vítima, Julio Lea, recibiu tres golpes na cabeza cun obxecto similar a unha maza, que lle provocaron a morte. O tribunal de xurado considerou probado que, a continuación, o acusado trasladou o vehículo e o corpo do falecido ata unha área forestal do lugar da Capela, no termo municipal de Toques, e alí prendeulle lume ao coche e ao cadáver cunha garrafa de gasolina.

Concello de Toques
Concello de Toques | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta