Neste momento caben dous escenarios:
a) Un escenario de división, moi baixa participación e un novo triunfo do PP en Galicia (e no conxunto do Estado) con menos dunha cuarta parte do electorado e unha abstención próxima ou superior ao 50%.
b) Un escenario de unidade entre Iniciativa pola Unión e o Encontro Cidadán por unha Marea Galega, é dicir, de vitoria dunha ampla unidade do nacionalismo galego, a esquerda federal e os movementos sociais, que servise para conformar un grupo parlamentario galego propio no Congreso, derrotando claramente á dereita.
O primeiro escenario suporía seguir con recortes, perda de dereitos, paro e corrupción. Ademais Galicia quedaría novamente fóra de xogo nun momento de forte ascenso dos nacionalismos vasco e catalán.
O segundo escenario suporía alcanzar a suma ideal de esforzos individuais e colectivos que provocaría un efecto multiplicador. Os diferentes partidos, movementos, correntes, sensibilidades e tradicións da esquerda e o nacionalismo traballarían xuntos e cun mesmo obxectivo. O resultado desa acción conxunta e cooperativa sería moito máis intenso do que puidese esperarse operando independentemente pola sinerxía unitaria que multiplicaría por dous o esforzo de cada quen. Estamos convencidos de que se ámbalas dúas plataformas cidadás conflúen nunha soa crearíase un efecto extra debido á acción conxunta ou solapada, que ningunha delas podería xerar no caso de accionar illadamente.
A unidade cidadá e popular debe resultar da suma de vontades de todas as galegas e galegos, que vivindo en distintas cidades, vilas e parroquias, queiran loitar xuntos por alcanzar un obxectivo común. Ese obxectivo común debería ser obter un resultado electoral contundente que sirva para conseguir un grupo parlamentario propio e tamén para descabalar ao Partido Popular do goberno do Estado contribuíndo á apertura dun novo proceso constituínte que acabe definitivamente co réxime xurdido trala II Restauración borbónica.
Fusionadas as dúas iniciativas nunha soa o efecto será moi superior á suma dos resultados de cada unha delas actuando illadamente. Diríamos que unha preamar simbiótica formada pola Iniciativa pola Unión e o Encontro Cidadá por unha Marea Galega faría realidade o aforismo un e un fan tres e da preamar simbiótica pasariamos ao tsunami galego.
* Texto colectivo asinado por:Óscar Lomba Álvarez, Senén Vaamonde Polo, Valentín García Bóveda, Xurxo Rodríguez Pérez, Enrique Parcero Rodríguez, Fernando Rosendo Domínguez, Mª Carmen A. Rita Pérez Vázquez, Deli Alonso Alonso, Serafin Valencia Triviño e Xosé Lois Rivas Cruz “Mini”.