Por Galicia Confidencial | Compostela | 05/04/2024 | Actualizada ás 12:56
Discriminacións lingüísticas e toponimia deturpada centran as denuncias en materia de discriminación do galego o pasado ano, moitas delas, contra a propia Xunta de Galicia. Así o recolle o Informe anual da Liña do Galego correspondente ao 2023. Segundo recolle este estudo da Mesa pola Normalización Lingüística, ao longo do pasado ano, a entidade de defensa da lingua tramitou a través de chamadas, correos electrónicos e da app da Liña do galego un total de 1129 expedientes, dos que 650 foron consultas, 29 foron parabéns e 450 foron queixas.
Destas queixas, a gran maioría destiveron motivadas polas discriminacións e exclusións lingüísticas (28%) e pola a toponimia deturpada (25% ). Un apartado no que as queixas medran ano tras ano é o referido ao uso do galego nas web e servizos online, que ao longo de 2023 supuxo o 22% das queixas recibidas pola Liña do Galego. O establecemento da vida dixital leva as persoas galego falantes a se decataren de que os seus dereitos lingüísticos son vulnerados acotío nestes servizos en liña.
Na presentación do informe, o presidente da Mesa, Marcos Maceira, lembrou que A Liña do Galego é o único servizo gratuíto que se oferta en Galicia para consultas, queixas e parabéns.
Maceira salientou que o 41% das queixas dirixidas á administración recibidas recaen na administración autonómica galega, "evidenciando os pasos atrás que o goberno da Xunta está a dar nos últimos anos en relación co impulso da lingua galega na administración e no respecto aos dereitos lingüísticos da cidadanía". "Quen máis debería facer cumprir a lexislación que protexe e ampara o galego é precisamente quen máis a incumpre e vulnera", lamentou o presidente da Mesa.
SANIDADE E EDUCACIÓN
Das queixas dirixidas á administración autonómica galega, case a metade diríxense á Consellería de Sanidade (o 38% do total), mentres que a Consellaría de Educación recibiu un significativo 15%. O informe destaca, tamén, o aumento significativo das queixas que recibiron as tres universidade galegas, por impedir ou dificultar ao alumnado a realización de trámites en galego.
A administración xeral do Estado recibiu o 34% das queixas, o que -en opinión de Maceira- amosa que "as persoas usuarias da Liña do Galego son cada vez máis conscientes de que os seus dereitos lingüísticos van máis alá das fronteiras galegas e que, por tanto, o goberno estatal tamén debe cumprir coas súas obrigas lingüísticas". A maioría destas queixas diríxense ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, por deturpación de toponimia galega nos paneis das estradas e pola ausencia de atención oral e escrita en galego por parte de Renfe e Adif. Tamén son numerosas as queixas dirixidas ao Ministerio do Interior (20%).
A administración local recibiu o 25% do total entre as queixas interpostas, a maioría delas sinalanndo a deturpación de toponimia galega ou a exclusión da lingua galega nalgunhas súas actividades ou servizos ofrecidos polos concellos.
Polo que respecta ás empresas, a que máis queixas rexistrou foi Vodafone (12%), especialmente a partir dA campaña promocional Venche a Vodafone, que indignou a gran parte da comunidade galega polo desleixo evidente no uso da nosa lingua. Síguea de preto Naturgy (11%), que ao longo dos últimos anos ven seomentendo aos consumidores e consumidoras galegas a unha indefensión total á hora de usar a nosa lingua.
A deputada de Lingua da Deputación da Coruña, Soledad Agra, recordou que "é preciso traballar pola igualdade de dereitos lingüísticos e pola fin dos prexuízos, tópicos e actitudes negativas que aínda hoxe afectan ao uso da nosa lingua" e salientou a obriga das entidades públicas á hora de "garantir que calquera persoa que así o desexe poida desenvolver a súa vida plenamente en galego con normalidade".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.