(ANÁLISE) A teoría da autoridade

Galicia Confidencial comeza a publicación dunha serie de artigos de sociólogos, politólogos, ex políticos e profesores universitarios, entre outros, nos que tenta analizar o que acontece en Galicia desde o punto de vista electoral. Unhas reflexións que tentan afondar na socioloxía do pobo galego e nas estratéxias políticas para tentar entender o que, elección tras elección, acontece neste país. O segundo artigo é Marcelino Fernández Mallo, economista, escritor e con ampla traxectoria no sector financeiro.

Por Marcelino Fdez. Mallo | A Coruña | 09/04/2024 | Actualizada ás 20:35

Comparte esta noticia

A nova e indiscutible vitoria do Partido Popular nas eleccións galegas do 18F obriga a reflexionar sobre como acadou o PP o rango de invencible en Galicia e cales serían as fórmulas, se as hai, de tornalo vencible. 

O presidente da Xunta de Galicia e candidato do PP á reelección, Alfonso Rueda, intervén durante o peche da campaña electoral do PP, a 16 de febreiro de 2024, en Palexco, A Coruña, Galicia (España). Este último encontro enmárcase dentro d. Gustavo da Paz - Europa Press
O presidente da Xunta de Galicia e candidato do PP á reelección, Alfonso Rueda, intervén durante o peche da campaña electoral do PP, a 16 de febreiro de 2024, en Palexco, A Coruña, Galicia (España). Este último encontro enmárcase dentro d. Gustavo da Paz - Europa Press

Desta vai dicía o lema do PSdeG. Moitos convencémonos de que por fin chegara a ocasión propicia. Mirabamos para o BNG antes que para o PSdeG mais, fose como for o reparto de escanos entre ámbalas opcións, calculabamos que ese máxico limiar dos 38 deputados estaba ao alcance da alternativa. Tamén o temían os cadros do PP tal como algúns admitían en público ou en privado. Mais chegou o día das eleccións, o momento da verdade, e os resultados foron os de sempre; cos matices que se queiran, pero o resultado foi o habitual: o PP volverá gobernar outros catro anos e van... 

Chegados a este punto, de nada serven as análises numéricas, nin segmentadas, nin territorializadas, nin personalizadas, nin farrapos de gaita. As eleccións galegas consolídanse cada cuadrienio coma un fenómeno estrutural, mesmo pétreo e inamovible. Non ocorre igual nas eleccións xerais ou nas municipais, onde hai espazo para unha maior variabilidade tal como amosan os resultados durante as décadas de democracia. E isto xa significa algo. Seica o votante galego percibe ás eleccións ao Parlamento de Galicia coma un exercicio de definición de identidade e de continuidade histórica máis ca un tema de discusión ideolóxica e prácticas de xestión. Se así for, os electores tenderían a escoller a opción que entenden cunha maior autoridade sobre esa identidade e esa historia antes que a máis capaz de mellorar o estado do país e dos seus cidadáns.  

A tipoloxía da autoridade

Se o concepto de autoridade xoga, en efecto, un papel relevante nas eleccións galegas, deberiamos ter en consideración a súa influencia. Max Weber pode resultarnos de axuda. O sociólogo e economista alemán analiza no seu libro “Economía e Sociedade” publicado en 1922, as dinámicas do poder e avoga por distinguir o que chama tipoloxía da autoridade. Weber identifica tres formas principais: a tradicional, a carismática e a racional. 

O presidente da Xunta de Galicia e candidato do PP á reelección, Alfonso Rueda, intervén durante un mitin de campaña, no Hotel Monumento de San Francisco, a 10 de febreiro de 2024, en Santiago de Compostela, A Coruña, Galicia (España). Juanma. Agostime - Europa Press
O presidente da Xunta de Galicia e candidato do PP á reelección, Alfonso Rueda, intervén durante un mitin de campaña, no Hotel Monumento de San Francisco, a 10 de febreiro de 2024, en Santiago de Compostela, A Coruña, Galicia (España). Juanma. Agostime - Europa Press

A autoridade tradicional baséase nos costumes, normas e valores interiorizados nunha sociedade. Os electores que consideran esta forma de autoridade aceptan a lexitimidade da continuidade co pasado e a estabilidade das estruturas e xerarquías establecidas. Todo indica que a autoridade tradicional ten un peso salientable nas eleccións galegas o cal explica unha porcentaxe notable do voto. 

A autoridade carismática constrúese a partir das calidades persoais do líder e da súa capacidade para inspirar, mobilizar e gañar seguidores. Após os fortes liderados de Fraga e Feijóo, se cadra pensabamos que esta forma de autoridade tamén tiña un peso forte nas eleccións galegas. Mais o 18F o PP presentou un líder gris, sen méritos coñecidos e sen carisma. Fronte a el, emerxeu a figura vibrante de Ana Pontón portadora dunha estimable autoridade carismática. Porén, o PP ratificou a súa maioría mesmo aumentando o número de votos mentres o BNG fagocitaba os votos do seu socio potencial.  

Deberiamos salientar neste eido o papel dos medios de comunicación, en especial da TVG que amosa unha audiencia elevada no medio rural. A través do audiovisual, a forza de insistir día e noite, pódese crear unha fantasía de carisma que dea para cubrir o expediente e saír adiante. Se o reparto dos tempos de exposición pública fosen equitativos, a autoridade carismática podería ter elevado as posibilidades da alternativa; mais coa parcialidade dos medios en Galicia hai que contar.

Finalmente, teríamos a autoridade racional que implica chegar a decisións e actuacións mediante a aplicación da razón e a lóxica. Os electores influídos por este tipo de autoridade valoran os obxectivos definidos, o deseño dos programas, a solidez dos argumentos e o coñecemento das cuestións fundamentais. Vista a campaña propositiva do BNG e, en menor medida, a do PSdeG, en contraste coa campaña do PP centrada en asuntos que en nada afectarían a vida das galegas e galegos, podemos concluír que a racional tampouco foi o modo de autoridade máis apreciado polos votantes o 18F. 

Cambio de dinámica 

Seica a autoridade tradicional representa o factor principal nas eleccións galegas namentres que a autoridade racional non semella un elemento capital. Se a alternativa quere ter algunha opción en vindeiras convocatorias, debe dende xa intentar cambiar os pesos da balanza. O cal non parece sinxelo. Na miña opinión, coido que este cambio de dinámica electoral a favor da razón fronte ás xerarquías establecidas, pasaría por catro eixos estratéxicos a implantaren: 

Por un lado, é imprescindible visualizar en cada recuncho do territorio, quizais en especial no rural, a evolución tan desfavorable que amosa Galicia dende 2009, e facelo dun xeito didáctico e implacable. E é preciso construír unha narrativa alternativa sobre o futuro do país a partir dun goberno que vele polo seu progreso con políticas propias centradas en Galicia e non inspiradas ou condicionadas dende Madrid. 

Nun segundo eixo, hai que levar igualmente a cada recuncho a mensaxe do grande potencial que ten o noso país a partir dos seus valores e activos endóxenos e reivindicar as oportunidades de desenvolver unha economía forte, moderna e competitiva unha vez se aplique I+D e tecnoloxía a tales activos propios. Un exemplo nítido: a necesaria recuperación de cultivos agrarios –o agro 4.0– nunha terra con solos produtivos e abundantes choivas. 

Un terceiro eixo, presentar un programa de goberno que reduza ao mínimo as posibilidades de manipulación e deturpación por parte do Partido Popular, co cal se lles restaría capacidade de reincidir na autoridade tradicional. A política lingüística, baluarte habitual da dereita, sería un bo exemplo: reivindicar o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, presentado polo PP en 2004 e aprobado por unanimidade do Parlamento, no lugar de propor a inmersión lingüística na educación sería unha iniciativa sutil difícil de manipular. 

Por último, habería que incidir en políticas de transformación dende aqueles concellos e deputacións gobernados pola alternativa de esquerdas e nacionalista, unhas políticas que, ademais, deberían ser obxecto de ampla comunicación a fin de contribuír a esa mensaxe de que unha Galicia distinta non só é posible senón tamén desexable; polo presente e polo futuro das vindeiras xeracións. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta