Constituído xa o novo goberno da Xunta coa ausencia da ex conselleira Elena Rivo

Comesaña agradece en nome dos conselleiros saíntes a oportunidade de "servir a Galicia". Oito conselleiros xuran e outro catro prometen o cargo. Rueda pídelles "superar" a todos os gobernos anteriores.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/04/2024 | Actualizada ás 10:42

Comparte esta noticia

Oito conselleiros do novo Executivo que acompañará ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, xuraron o cargo e outros catro optaron por prometelo nun acto celebrado este luns no Pazo de Raxoi, en Santiago de Compostela, e que contou coa presenza de dous dos conselleiros que xa non están e a ausencia da Elena Rivo.

Toma de posesión dos novos conselleiros que integrarán o goberno presidido por Alfoso Rueda
Toma de posesión dos novos conselleiros que integrarán o goberno presidido por Alfoso Rueda | Fonte: ÁLVARO BALLESTEROS - EUROPA PRESS

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, deu a benvida aos novos integrantes do seu Executivo, aos que fixou o deber de "gobernar para todos", de acordo co seu propio compromiso selado en sede parlamentaria, e outro obxectivo engadido: "superar" a todos os executivos que lles antecederon porque como garantía de que Galicia "segue progresando".

Tamén considerou que "unha das razóns" que sustentan os sucesivos éxitos electorais reside en que os gobernos autonómicos foron "un grupo de compañeiros" e "en moitísimos casos, un grupo de amigos" que non pelexan entre eles, senón todos xuntos polo "obxectivo común" de Galicia.

Tras recoñecer que a tarefa de deseñar o seu primeiro Executivo en sentido estrito foi difícil, pero que tiña claro que a súa meta tiña que ser "buscar a esixencia", prometeu aos galegos devolver a "confianza" recibida nas urnas.

NOVO EXECUTIVO

O novo Goberno galego estará conformado por sete homes e cinco mulleres, que nesta mesma xornada participarán na súa primeira reunión do Consello. A diferenza do anterior Executivo de Rueda, non haberá vicepresidencias.

En concreto, optaron por prometer o cargo o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo Pouso; a nova responsable da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue; o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño; e o titular da Consellería do Mar; Alfonso Villares.

Pola súa banda, optaron por xurar a titular de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez; o responsable de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana; o titular de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos; e o coselleiro de Emprego Comercio e Emigración, José González.

Tamén optaron por xurar dous dos novos integrantes do Goberno galego, a que ocupará o departamento de Medio Rural, María José Gómez; e o responsable de Cultura, Lingua e Universidade, José López Campos. Pola súa banda, tamén xurou o cargo a conselleira de Política Social, Fabiola García, que ademais, utilizou a lingua de signos para tomar posesión das súas responsabilidades.

AGRADECEMENTOS

No acto, ademais do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tomou a palabra o exresponsable de Sanidade, Julio García Comesaña, en representación dos conselleiros saíntes; e a nova titular de Vivenda e Planificación de Infraestrucutras, María Martínez Allegue, en representación dos novos membros do Executivo. Comesaña, agradeceu a oportunidade dada para "servir a Galicia" nun acto solemne de toma de posesión dos integrantes do novo Executivo autonómico ao que non acudiu a que era responsable de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo.

"Só podo agradecer a inmensa oportunidade, para un neno de Vigo que escoitaba a radio e ouvía falar dos conselleiros, a oportunidade de chegar a estar neste lugar e ter a inmensa honra de servir a Galicia", sinalou. Comesaña destacou "unha vida enteira" de entrega á sanidade pública, "con acertos e erros", na que traballou sempre por "mellorar a sanidade pública". Un obxectivo que, segundo dixo, está seguro que outros perseguirán de forma clara.

Dito isto, agradeceu o labor de todos os traballadores da sanidade pública, así como das asociacións de pacientes, dos sindicatos, das sociedades científicas e os colexios profesionais. Ademais, tamén citou ás forzas políticas que traballan, tanto dentro como fora do Parlamento, para mellorar a vida dos galegos. Nun discurso no que tivo un agradecemento especial ao labor dos rexedores, referiuse tamén aos equipos que acomapañan aos conselleiros e a todos os traballadores que facilitan o labor dos integrandes do Executivo, así como aos medios de comunicación.

O exconselleiro lembrou que esta lexislatura estivo marcada pola pandemia da covid-19, da que, conforme indicou, a Administración da Xunta puido saír "orgullosa" por ser a comunidade que antes "saíu", "adaptándose a partir de aí a todos os problemas reais" de Galicia, como a "falta de médicos".

AUSENCIA DA ELENA RIVO

Ao acto, ao que si acudiu a que era conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, quen actualmente ocupa a secretaría do Parlamento de Galicia, non acudiu a que era titular de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo. Fontes do Goberno galego trasladaron a Europa Press que a ausencia de Elena Rivo debíase a unha indisposición.

Rivo, que foi unha fichaxe do propio Alfonso Rueda tras a marcha de Feijóo a Madrid e a súa primeira reconfiguración do Goberno galego, deixa o cargo tras estar como conselleira menos de dous anos e medio.

AGRADECEMENTO DE RUEDA

No acto, ademais, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, agradeceu o labor dos saíntes e referiuse a Comesaña como "un magnífico conselleiro" ao que deu as grazas de forma especial a súa "forma de ser". Tras iso, lembrou que Ethel Vázquez tivo durante moitísimos anos "responsabilidades importantísimas" e citou a Elena Rivo, da que dixo que foi cumprindo todos os encargos encomendados con "moitísima ilusión".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta