Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/04/2024 | Actualizada ás 17:48
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, constatou este venres a súa preocupación polo "incremento da violencia machista e das agresións", aínda que incidiu que está ligado dun "incremento das denuncias grazas a que existen máis recursos". En todo caso, para combatelo, a rexedora defendeu a "necesidade dun esforzo grande de coordinación" que, engadiu, "está a concretarse no traballo da Mesa Local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero e as distintas subcomisións, que xa están a ter reunións".
A alcaldesa tamén reclamou, unha vez máis, a creación dun xulgado específico de violencia de xénero en Santiago, "unha demanda histórica" compartida pola Corporación municipal e diferentes ámbitos "que é unha necesidade pola sobrecarga que teñen os xulgados nestes momentos".
No ámbito da prevención, Goretti Sanmartín tamén avanzou a posta en marcha de talleres de educación afectivo-sexual dirixidos á xente máis nova co obxectivo de "modificar hábitos e de frear unha involución nas relacións entre homes e mulleres".
A prevención tamén centrará os esforzos dun dos grupos de traballos creados no marco da Mesa Local.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.