Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/04/2024 | Actualizada ás 12:40
O Grupo Popular solicitará, a través dunha proposición non de lei, o apoio do Parlamento galego á implantación da iniciativa empresarial de Altri en Palas de Rei. Así, e segundo explican nun comunicado, instarán á Xunta a dar prioridade a un proxecto que cualifican de "interese estratéxico", "sempre garantindo o cumprimento da máis estrita normativa ambiental, técnica e sectorial a nivel galego, estatal e europeo".
Así mesmo, piden ao Goberno de España que concrete as liñas de apoio económico a esta iniciativa industrial no marco dos fondos europeos Next Generation e que inclúa na planificación da rede de transporte de enerxía eléctrica 2021-2026 a construción dunha subestación eléctrica para a subministración desta planta.
No comunicado, o portavoz popular, Alberto Pazos, lembra que o proxecto de Altri en Palas de Rei é "unha iniciativa tractora, innovadora e ambiciosa, baseada na transformación de madeira para producir lyocell, un tecido de alta calidade, 100% biodegradable, máis ecolóxico que as fibras artificiais e cada vez máis demandado pola industria téxtil de todo o mundo".
"Avogamos por favorecer a implantación en Galicia de todas aquelas iniciativas empresariais que supoñan novos investimentos na nosa comunidade e a creación de postos de traballo, pero sempre que cumpran estritamente con toda a normativa galega, estatal e europea para a conservación do noso patrimonio natural e cultural", asegurou Pazos.
Insiste o portavoz popular en que este proxecto "representa unha oportunidade para o desenvolvemento industrial de Galicia", xa que prevé un investimento próximo aos 1.000 millóns de euros e a creación de ata 4.000 empregos durante a súa construción e ata 2.500 postos de traballo no seu funcionamento.
Así as cousas, Pazos trasladou "unha mensaxe de tranquilidade a todos a galegos fronte ao alarmismo inxustificado que se quere trasladar desde o BNG e as súas organizacións satélites que, desde unha análise parcial e terxiversado da realidade, oponse agora ao proxecto de Altri".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.