Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/04/2024 | Actualizada ás 14:41
Os ingresos dos propietarios forestais por vendas de madeira situáronse no ano 2023 en 276 millóns de euros, segundo os cálculos da Asociación Forestal de Galicia, elaborados en base ás estatísticas de curta da Consellería do Medio Rural. Do total de facturación, 168,7 millóns de euros corresponden ao eucalipto, 101,3 millóns de euros aos piñeiros e 6,6 millóns de euros ás frondosas caducifolias, que máis aló do seu uso para leñas domésticas, seguen tendo un aproveitamento residual na industria da madeira.
Con todo, nunha nota de prensa, a Asociación Forestal de Galicia destacou que as curtas experimentaron no último ano un lixeiro descenso, "en consonancia coa menor demanda industrial e os menores prezos". Así, dos 10,7 millóns de metros cúbicos cortados no 2023 pasouse aos 9,2 millóns de metros cúbicos do 2023.
En concreto, o eucalipto descendeu en curtas ao redor do 10 %, mentres que no piñeiro as curtas reducíronse un 23 % tras "un excepcional 2022, que se pechara cos maiores volumes de curta da última década". Por provincias, os montes da Coruña achegan o 45 % das curtas totais da madeira en Galicia. Séguenos os de Lugo, co 37 %; Pontevedra, co 14 %; e Ourense, co 4 %. En canto á tipoloxía de especies forestais, o 60 % do eucalipto córtase na provincia da Coruña, mentres que Lugo é líder autonómico en curtas de piñeiro, con máis da metade do total.
DISTRITOS
Así, por distritos, sitúanse líderes nas curtas de piñeiro Lugo-Sarria, Terra de Lemos e A Fonsagrada-Ancares, mentres que os tres líderes en curta de eucalipto son Ferrol, Santiago-Meseta interior e Bergantiños-Mariñas coruñesas. Estes datos, destacou a Asociación, corresponden a propietarios de montes privados (comunidades de montes e propietarios particulares), que suman o 98 % da madeira cortada en Galicia. O restante 2 % procede de montes de xestión pública, principalmente de montes veciñais con convenios coa Administración. En canto aos prezos, a entidade sinala que a rolla selecta de piñeiro, con maiores diámetros e calidades, situouse no último ano nos 70 euros. Pola súa banda, o eucalipto estivo entre os 29 e os 31 euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.