Por Europa Press / Redacción | FERROL | 25/04/2024 | Actualizada ás 14:12
Os traballadores de Navantia Ferrol paralizaron na mañá deste xoves a actividade do estaleiro entre as 6.00 e as 10.00 horas para reclamar avances na negociación do novo convenio colectivo e o plan industrial. Durante catro horas, os empregados bloquearon as entradas do estaleiro e só permitiron a entrada aos servizos médicos, de prevención e o persoal de mantemento.
En declaracións aos medios, o presidente do comité de empresa, Carlos Díaz (MÁS), incidiu en que esta acción forma parte do calendario de mobilizacións, que continuará esta semana con asembleas nos talleres e bancada. Ademais, tamén organizarán encontros cos traballadores "recentemente incorporados, tanto os que están en período de formación durante dous anos, como os de adaptación, que son outros dous anos máis".
Segundo Díaz, "todos eles entregaron un escrito na dirección, solicitando tanto os seus plans de formación, como o compañeiro de referencia que supervisa o seu traballo no caso dos de adaptación". O representante sindical destaca que estes operarios "fan perfectamente o traballo" e que, por iso, "reivindican eliminar eses catro anos de período nos niveis de ingreso". Segundo o comité de empresa, "este bloqueo é unha mensaxe á dirección por parte dos traballadores, que están fartos da a súa actitude" e "esperando haxa un cambio radical" na negociación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.